CONTACTO

  • San Lázaro
  • Auditorio abril
  • MdoC
  • Maios
  • Prem poesía
  • MMOu
  • EdC
  • Concello de Ourense - Cultura - AUDITORIO MUNICIPAL

    Volver

    [25 Abril 2019 20:30 ]

    LA DESNUDEZ-DANIEL ABREU

    Auditorio de Ourense

    DANZA

    A obra é unha proposta poética sobre o saber quererse. Dúas figuras en escena, apuntando unha idea de polaridade e de viaxe desde a morte ao amor. Onde acompaña a música, o músico, o son grave do vento no metal. A nudez responde a ese lugar de intimidade, onde xa non existen as preguntas. A beleza na nudez do que hai e o que acontece. Ás veces o sublime dunha man que toca e intercambia calor e suor, e ás veces quere mal. Podería lerse a obra de atrás cara adiante, onde aparece a viaxe e o sentido dunha unión sentimental. Nunha obra que vai do negro ao branco, dun espazo cuberto a un espazo aberto.

    Público adulto

    Duración: 60 min

    Entradas 5€ aquí ou no mesmo día do espectáculo desde dúas horas antes da función.

    [26 Abril 2019 21:00 ]

    PABLO MILANÉS - TOUR "ESENCIA" 2019

    Auditorio de Ourense

    Pablo Milanés, un dos principais expoñentes da canción de autor en español continúa coa xira “Esencia” que comezou a mediados de 2018. Con este mesmo concepto presentarase en escenarios de América e Europa en boa parte de 2019.

    Nesta xira Pablo retomará temas esenciais na súa obra, clásicos reclamados sempre polo seu público – Para vivir, Ya ves, Yolanda, Si ella me falta alguna vez ou El breve espacio en que no está, entre tantos – en conxunción con outros máis recentes que revelan a constante capacidade de crear deste artista en máis de cinco décadas de carreira.

    A versatilidade musical de Pablo, xunto coa influencia da tradición da música popular cubana e americana, converteuno nun artista capaz de expresarse en diversos xéneros: o bolero, o jazz, a rumba, o son, e a súa trova. Coa súa esencial condición de cantor segue cantando ao amor como sentimento primordial e temas de contido social, asuntos sempre presentes nos seus textos e que Pablo presentará nun formato máis íntimo pero non menos sorprendente.

    Entradas a partir de 45€

    [28 Abril 2019 19:00 ]

    CONCERTO OURENCANTO

    Auditorio de Ourense

    Ourencanto é un proxecto pioneiro en Galicia. Naceu fai xa tres anos, grazas ao apoio do Concello, da Deputación de Ourense e da Consellería de Educación da Xunta de Galicia, co obxecto de fomentar e difundir o canto coral entre os nenos e os mozos de 8 a 18 anos de Ourense e da súa provincia. A primeira edición tivo lugar en febreiro de 2017 e superou todas as expectativas en canto a participación, repercusión e resultados.

    Neste 2019 será durante os días 26, 27 e 28 no Auditorio Municipal, sendo o propio día 28 o concerto final aberto para todos os públicos.

    De balde.

    [30 Abril 2019 21:30 ]

    A PELE QUE HÁ EM MIM- ARMAZÉM AÉRIO CON DANCE 21 + (PORTUGAL. LISBOA)

    Auditorio de Ourense

    24 MITEU

    A pele que há em mim é un espectáculo que une a danza coas acrobacias
 e promove a inclusión de persoas con capacidades diversas. Une acróbatas profesionais cun elenco composto por intérpretes con trisomía 21 entre outros. O circo sempre foi inclusivo e este espectáculo reafirma esa condición.

    “E o teu corpo tocou no recanto do meu e unha danza acordou...” o meu corpo acordou e a consciencia de todo á miña volta.

    A tenrura do toque, a levidade do movemento suspenso no ar, esa pel que habita en min habita en ti e toca a todos. A nosa pel como superficie de sentimentos e sensacións, mais principalmente de proximidade e igualdade.

    Son tantas as diferenzas que nos unen... que ata parecemos un só.

    E só non podo estar, envólvote na miña pel e na túa pel vou transportarme para o alto e ocupar o “espazo” o ar e todo o que nos rodea. A pel que nos toca e toca a todos.

    Dirección:Edson Carvalho

    Duración: 70 min

    Entradas 3€ aquí ou na billeteira do Auditorio desde dúas horas antes da función.

    Máis información www.miteu.es

    [01 Maio 2019 19:00 ]

    CASA DE ILUSIÓNS-TEATRO DA USC. LUGO

    Auditorio de Ourense

    24 MITEU

    Benvidos á nosa casa de ilusións: o teu pracer depende de min. / Espelliño, contéstame, acaso vin eu descubrir aquí o mal e a inocencia?  / A vostede a realidade dálle medo? / A revolución é unha epidemia. / Xa non son máis que a imaxe do que fun. /

    E eu non me tiña máis que a min e non sería outra cousa que eu mesma.

    Dirección:Paloma Lugilde

    Duración: 60 min

    Dúas funcións: ás 19.00h e ás 21.30h

    Entradas 3€ aquí ou na billeteira do Auditorio desde dúas horas antes da función.

    Máis información www.miteu.es

    [02 Maio 2019 20:30 ]

    HABITACIÓN 101 (UNO, NUEVE, OCHO, CUATRO) C. UNIVERSITARIA DE MURCIA

    Auditorio de Ourense

    24 MITEU

    O espectáculo está baseado na terceira parte do libro 1984 de George Orwell. Nove mozos foron secuestrados e están amoreados nunha habitación acolchada e controlados por uns individuos que se fan chamar Os Irmáns Maiores. Estes contrólanos por medio de microchips e experimentan con eles todo tipo de abusos, coa finalidade de condicionar o seu comportamento para a creación dunha sociedade baseada no home máquina. É unha crítica a unha sociedade na que cada vez conta menos o ser humano.

    Dirección:Pepe Martini e Teresa Colomina

    Duración: 105 min

    Entradas 3€ aquí ou na billeteira do Auditorio desde dúas horas antes da función.

    Máis información www.miteu.es

    [03 Maio 2019 22:30 ]

    9º ENCONTRO DE DANZA INTERUNIVERSITARIA. AULAS UNIVERISTARIAS E COMPAÑÍAS DE DANZA DE GALICIA

    Auditorio de Ourense

    24 MITEU

    AULA DE DANZA NORMAL DA UDC (A CORUÑA) con ACCIÓNS

    DIRECCIÓN: Rut Balbis

    Normalmente unha acción implica movemento ou un cambio de estado ou situación, un punto de partida perfecto para os nosos corpos. Despois, as accións poden transformarse nas imaxes, nas historias, nos lugares que queiramos soñar.
 A peza deste ano constrúese viaxando a través destas accións cotiás que collerán un rumbo especial a través da mirada de cada unha.


    TICS - COLECTIVO ESCÉNICO (OURENSE) con ARRÍTMICAS

    DIRECCIÓN / COREOGRAFÍA: Patricia Varela Díaz

    As Arrítmicas son un equipo composto por 6 personaxes atónitas, descoordinadas e tan rudas como ríxidas. Expulsadas de toda competición, nunca conseguiron demostrar mestría. Aproveitan calquera evento para facer a súa aparición cunha peculiar posta en escena que desborda expresividade e provocan no público todo tipo de sensacións contraditorias.

    MIRIAM CENTRO DE DANZA (OURENSE) con SOS

    DIRECCIÓN / COREOGRAFÍA: Miriam Rodríguez

    A incidencia abusiva do home na natureza.

    E ADEMAIS, CERTAME DE ARTES DO CORPO D-OU-TRAS

    Duración: 70 min

    Entradas 3€ aquí ou na billeteira do Auditorio desde dúas horas antes da función.

    Máis información www.miteu.es

    [04 Maio 2019 20:30 ]

    CONCERTO CON FUSIÓN - PÍSCORE - GALICIA

    Auditorio de Ourense

    24 MITEU

    Comedia musical

    Logo de cen funciones co seu primeiro espectáculo Concerto Singular (e Plural) e dos premios acadados, Culturactiva S. Coop. Galega e a compañía Píscore presentan a súa segunda montaxe, Concerto Con Fusión.

    Mantendo a anterior e exitosa liña de traballo marcada pola compañía, nesta produción (con)fusionamos música, teatro, humor, comedia xestual, clown e participación do público. Cunha marimba como eixe principal do espectáculo, Concerto con Fusión incorpora diversos matices musicais, cunha vocación popular e con cabida para diferentes ritmos musicais: música latina, rock, reggae, pop ou música disco.

    Catro músicos, descoñecidos, de estilos moi diferentes, chegan ao escenario sen os seus instrumentos. O descubrimento dunha marimba fai que, o que podería ser un desastre, pase a ser un divertido exercicio de virtuosismo, cooperación e fusión musical. Entre partituras, atrís e baquetas, os catro protagonistas van descubrindo, aos poucos, tema a tema, que teñen un pasado en común e unha incrible habilidade para crear músicas (con)fusionando estilos e os máis impensables instrumentos.

    Dirección: Fran Rei

    Duración: 55 min

    Entradas 5€ aquí ou na billeteira do Auditorio desde dúas horas antes da función.

    Máis información www.miteu.es

    [05 Maio 2019 19:00 ]

    APRENDIZ DE BRUXA - GEPETTO.AULA UNIVERSITARIA DE TEATRO INFANTIL

    Auditorio de Ourense

    24 MITEU

    As bruxas sabias están chegando ao final do seu mandato. Os seus poderes desaparecerán de aquí a pouco e por iso teñen que atopar una boa e digna sucesora. Para iso mandarán ao seu sobriño, o trasno Damián, co libro dos feitizos a buscala. Pero na súa misión aparecerán dificultades porque a meiga malvada está de volta na terra e tamén quererá facerse co libro para ser a dona do mundo.

    Dirección: Elena Seijo

    Duración: 50 min

    Idade recomendada a partir de 4 anos

    Entradas 3€ aquí ou na billeteira do Auditorio desde dúas horas antes da función.

    Máis información www.miteu.es

    [06 Maio 2019 20:30 ]

    STABAT MATER-TEUC(COIMBRA-PORTUGAL)

    Auditorio de Ourense

    24 MITEU

    Estaba esta nai Maria, Meri, Marí, muller dura, de aldea, ignorante mais coñecedora da crueza das leis da rúa, en busca do propio fillo que, por fatalidade, naceu intelixente e enleouse nas redes e lixos da política, polo que foi detido e levado non se sabe ben para onde.

    Maria espera e desespera sen noticias do fillo, desprezada pola burocracia, atormentada apenas polas memorias dos que a poderían axudar mais a abandonaron á súa sorte, cruelmente, sen piedade.

    Incapaz de comprender os ideais políticos aos que se entregou o seu fillo, esgotada e entregada á dor, acaba por ceder á resignación propia da supervivencia.

    Dirección: Ana Teresa Santos

    Duración: 90 min

    Entradas 3€ aquí ou na billeteira do Auditorio desde dúas horas antes da función.

    Máis información www.miteu.es

    [08 Maio 2019 21:30 ]

    CÂNTICO NEGRO- TEATR’UBI. COVILHÃ (PORTUGAL)

    Auditorio de Ourense

    24 MITEU

    O tempo pasa. Estamos sós. Nada acontece, nada muda, nada se permite. O sol nace e as navallas na gorxa non deixan saír as flores. Os idiotas rin e os reis comen. Estamos presos. Xa nada se sente. O corpo ten que soportar. Somos criaturas maltratadas, estamos esmagados por dentro, e é por iso que algúns de nós berramos á noite.

    Dirección: Rui Pires

    Duración: 45 min

    Entrada 3€ aquí ou na billeteira do Auditorio

    + información:www.miteu.es

    [09 Maio 2019 20:30 ]

    ESPAÑA INGOBERNABLE-ALBERTO SAN JUAN & FERNANDO EGOZCUE (MADRID)

    Auditorio de Ourense

    24 MITEU

    Ingobernable porque non se deixa gobernar. Porque quere gobernarse.

    España porque esa é a miña experiencia. A miña raíz é mesetaria. Pero igualmente podería dicir Cataluña, Murcia ou o barrio do Gamonal, en Burgos.

    Un relato daquelas ocasións nas que o pobo, os de abaixo, a cidadanía, a chusma, organizouse na rúa para loitar polos dereitos e as liberdades públicas. Desde a segunda República ata hoxe. A narración componse de texto propio e alleo: poemas, discursos, novas, cancións.

    Dirección: Alberto San Juan

    Duración: 70 min

    Entrada 5€ aquí ou na billeteira do Auditorio

    + información:www.miteu.es

    [10 Maio 2019 22:30 ]

    LA SECCIÓN (MUJERES EN EL FASCISMO ESPAÑOL). TEATRO DEL BARRIO (MADRID)

    Auditorio de Ourense

    24 MITEU

    Fronte á visión puramente androcéntrica que se nos transmitiu sobre a guerra e posterior ditadura, con La Sección, quérennos presentar aspectos que tiveron unha importancia capital no transcorrer das vidas de tantas mulleres que foron marcadas por unhas imposicións educativas-políticas-relixiosas e de xénero que deixaron unha fonda pegada na sociedade española do momento.

    A peza está centrada nas figura de Pilar Primo de Rivera, Mercedes Sanz-Bachiller e Carmen Polo a través  da evolución da Sección Feminina. Desde o discurso inaugural da Falanxe española percorremos a historia do día das nosas mans e avoas para entender moitos aspectos que aínda subxacen na memoria.

    Teatro sobre mulleres. Escrito, dirixido e interpretado por mulleres.

    Dirección: Carla Chillida

    Duración: 75 min

    Entrada 5€ aquí ou na billeteira do Auditorio

    + información:www.miteu.es

    [11 Maio 2019 20:30 ]

    RABIA AO SILENCIO- SÉS

    Auditorio de Ourense

    A “rabia ao silencio” que cantaba Yupanki da nome a este espectáculo composto por unha escolma de cancións populares, folclóricas ou de autor, mais todas elas ligadas a un pobo do que manaron e ao que nutriron.

    Maria Xosé Silvar, Sés, proponnos desta volta un espectáculo acústico, máis íntimo e directo do que nos ten acostumados, para traer á Galiza do s. XXI xoias musicais que na pasada centuria chegaron de ultramar (Cuba, Arxentina, Brasil...), mais tamén de diferentes puntos da Península Ibérica, na voz de Carlos Puebla, Víctor Jara, Mercedes Sosa ou Zeca Afonso. Cancións adaptadas á nosa lingua que foron, no seu momento, semente ou crónica dos grandes movementos sociais do século XX, cancións que exemplifican a pluma e a voz profundas, humanas e solidarias.

    María Xosé Silvar "SES" - voz, guitarra e percusión

    Sabela Galbán - voz, acordeón e flauta

    Tito Calviño - guitarra

    www.ses.gal

    Entradas a partir de 16€

    [12 Maio 2019 19:00 ]

    ANTONIO OROZCO

    Auditorio de Ourense

    A fame agudiza o enxeño, “ ÚNICO” é boa mostra diso, nacido na parte escura e difícil da vida, cun gran espírito de supervivencia e o indiscutible obxectivo de entreter os sentidos.

    A vida aperta pero non afoga e cando menos o esperas, o atrevemento e a necesidade construíron na miña mente algo en principio inimaxinable, a mostra de que a mestura antes de ser mestura tivo que ser puro, a síntese e a orixe da procura incansable de novos camiños e novas e distintas formas de contarche a vida.

    A vida en si mesma non deixa indiferente a ninguén.

    ÚNICO non é un concerto, non é unha obra de teatro, non é unha película, non é prosa nin tampouco é poesía, non busques nada corrente e non fagas máis nada que deixarte atopar, falaremos de ti, falaremos da túa vida, das túas emocións e tamén dos teus medos, ÚNICO es ti, ÚNICO non é nin máis nin menos que unha parte marabillosa da túa vida.

    Se algunha vez pensaches que as miñas cancións falaban de ti entón non o penses máis, falan de ti!

    Entradas a partir de 35€

    Concellería de Cultura
    Concello de Ourense
    2017

     

    Rúa da Canle, 1
           32005 Ourense

     

       988 391 290

    Contacto

     

    Accesibilidade

     

    Permisos

    Cultura nas redes:

     

      Facebook

     

      Twitter

     

      Youtube

    Diseñado y programado por ACV Galaica