CONTACTO

  • Magosot
  • Expo La Caixa
  • EdC
  • Auditorio
  • Volver


    Logo do descanso estival, este venres, día 14 de setembro comezamos as actividades do Apego, teatro, música, danza para bebés en galego.
    Será o grupo A run run que presenta o seu espectáculo Calcetíns, en dúas sesións, ás 18.00 e ás 19.00horas. As crianzas de 0 a 6 anos entran gratis,e para poder chegarmos a máis público recomendamos unha persoa adulta por bebé.
    Continuamos tamén coa programación dos domingos, ás 12.00 horas, será Culturactiva coa representación de Saaabor!  espectáculo cómico que mestura música, maxia, humor, ritmo e participación do público, co mundo da gastronomía de fondo.
    Podes consultar toda a programación na Axenda.
    DESDE O PROXECTO APEGO
    Queremos axudar á socialización en galego e propoñervos o uso da lingua galega para crear vínculos coa familia, para asentar o arraigo a esta terra, porque a lingua que mamamos, na que aprendemos a falar, vai ser a base da identidade futura do voso fillo ou da vosa filla. A lingua de cada pobo é un tesouro irrepetible e tamén é a cerna que lle permite existir e descubrir o mundo.
    E lembrade: Se queredes formar parte da comunidade Apego e o voso fillo ou filla naceu no ano 2018 ou se aínda estades agardando a súa chegada, temos unha caixa de material diverso que pode resultarvos interesante e que nos gustaría entregarvos. Se xa é/son máis grande(s), temos tamén outro agasallo que pode ser moi animado e divertido. Podedes pasar polo Servizo de normalización lingüística do Concello de Ourense no Auditorio municipal ou chamar ao teléfono 988 391290
    Pódese ver toda a información que xera este programa no conxunto dos concellos que participamos e coñecer moitos outros recursos visitando de cando en vez a páxina xeral do proxecto www.apego.gal ou a que mantemos nunha rede social www.facebook.com/apego.gal
    Ourense, abril de 2018.
     
    A segunda edición dos Premios Youtubeir@s, co lema de Mostra o Youtubeir@ que levas dentro, celebra a gala final o vindeiro 20 de abril na Coruña logo de recibir máis de 300 vídeos presentados nas súas tres categorías: video-opinarmos, vídeo - facermos e canles. Estes premios repartirán 5.500 euros e, entre os participantes, haberá unha nutrida representación ourensá: 5 vídeo opinarmos, 6 vídeo-facermos e 3 canles con cinco vídeos cada unha.
     
    A participación estivo moi repartida por todo o territorio galego, máis nos ámbitos urbano e vilego e menos no rural. Por idades, a maior participación é na franxa de idade de 30 a 50 anos (o 40%) seguido de 18 a 20 anos co 31%. Nesta edición apréciase unha mellor calidade nos vídeos que na pasada,e aínda que segue a haber xente que só presenta un vídeo, contamos tamén coa participación de youtubeir@s xa consolidados que posúen as características propias destes: polo xeito de facelos, xeración de comunidade, periodicidade creando contidos..; algún xa contan cunha comunidade consolidada.
     
    En canto á temática haberá vídeos que tratan temas de actualidade: Igualdade de xénero; vídeos como ferramenta educativa: vídeos técnicos; que recollen a sabedoría popular de persoas maiores; e tamén contamos cos habituais de cociña e vídeos de horta.
     
    Os responsables do programa decláranse moi satisfeitos co proxecto xa que entenden que “foi capaz de introducir o galego como lingua vehicular dos xénero propios do youtube, incorporando nesta edición as rewies, e os remakes, por exemplo”.
     
    O pasado ano, a gala de entrega de premios tivo lugar no Teatro Principal de Ourense.
     
    Ourense, marzo de 2018
     
    O programa Apego, no que participa o Concello de Ourense, recibiu esta semana o premio Xoán Manuel Pintos, que outorga o Concello de Pontevedra, en recoñecemento ao seu labor a prol da promoción da lingua galega. O xurado subliñou o labor levado a cabo desde a última edición por esta iniciativa “porque consegue sumar a miles de familias para que sexan activas na transmisión da lingua galega desde o berce, como lingua inicial das súas fillas e dos seus fillos”. 
     
    Apego é un programa que se desenvolve desde os servizos municipais de normalización lingüística a aquelas familias que se preparan para a chegada dunha crianza, ou que xa a teñen, acompañándoas na transmisión da lingua desde unha perspectiva integral, ao facilitar argumentos en positivo, achegar recursos, crear redes e comunidade e arroupar en definitiva a crianza en galego con arraigo, orgullo e identidade. O Servizo de Normalización do Concello de Ourense proporciónalles unha caixa de benvida á familias que agardan unha criatura ou acaban de tela e facilítanlle información das actividades que se desenvolven na nosa cidade e consellos para unha crianza en galego.
     
    Apego propón o uso da lingua galega para crear vínculos coa familia, descubrir o mundo, asentar o arraigo á terra e crear redes que impulsen e arroupen o uso do galego coas crianzas. Dá a coñecer os recursos que existen e crea novos, para que as nenas e os nenos adquiran a lingua de maneira natural a través de contos, xogos, seres máxicos, adiviñas e cancións; crea comunidade para facilitar a presenza da lingua nos espazos de socialización dos primeiros anos de vida; e pula para que o futuro da lingua sexa tan forte e tan cheo de esperanza como as nenas, os nenos e as familias, que son a esencia do traballo a prol da lingua.
     
    APEGO é un programa colectivo creado para fomentar e mellorar a transmisión do galego como lingua inicial. É un proxecto dos servizos de normalización lingüística dos concellos da Baña, A Coruña, Ames, Carballo, Carballiño, Carnota, Cee, Ferrol, Lugo, Mazaricos, Moaña, Muros, Narón, Negreira, Nigrán, Oleiros, Ourense, Ponteceso, Pontevedra, Ponteareas, Redondela, Rianxo, Ribadeo, Rois, Sada, Santiago de Compostela, Teo,Vigo, Vilagarcía de Arousa, Vimianzo e mais da Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua.
     
    Premios ao impulso da lingua galega en 3 modalidades
    O Premio Xoán Manuel Pintos é unha iniciativa do Concello de Pontevedra co fin de facer recoñecemento público ao labor de impulso do uso da lingua galega e, ao mesmo tempo, manter viva a memoria do xurista e escritor Xoán Manuel Pintos, figura central do Rexurdimento e un dos pioneiros no compromiso coa defensa da lingua galega. 
     
    A entrega do premio tivo lugar no transcurso dunha gala celebrada o xoves, 15 de marzo, no Pazo de Mugartegui, na Praza da Pedreira, en Pontevedra
     
    Nesta edición, ademais do premio ao programa Apego polo labor realizado na súa última edición, foron distinguidos tamén co premio ao traballo de xeito continuado ao longo de toda a traxectoria vital e profesional,  Vitoria Ogando e Anxo González Guerra, profesores de lingua e literatura galega que desenvolveron os seus anos de docencia en Pontevedra, transmitindo a ducias de xeracións de estudantes o seu amor pola lingua e o orgullo de termos lingua, historia e cultura propias.
     
    Finalmente, entre todas as propostas presentadas pola cidadanía o xurado e resolveu premiar á Galipedia, a enciclopedia libre en galego pola súa promoción e normalización da lingua galega 
     
    O xurado estivo formado por Alberto Oubiña Piai, concelleiro de Normalización Lingüística; Beatriz Campos de Migallas Teatro e Luís Davila, premios Xoán Manuel Pintos no ano 2016; José Luís Rodríguez, representante da asociación cultural Os de Algures; Begoña Mayo, da asociación de veciños Eduardo Pondal; Elena Gallego Abad, do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia; Jorge Potel, do ENL do IES A Xunqueira II; Beatriz Corral Sánchez, representante da Administración autonómica- SXPL, e Concepción Cochón, técnica de normalización lingüística no Concello de Pontevedra.
     

    Ourense, marzo de 2018

    O Concello de Ourense convida a cidadanía a participar na segunda edición dos Premios Youtubeir@s, unha iniciativa que ten como finalidade promover e darlle visibilidade ao uso do galego a través da rede social de vídeos máis grande do mercado global: Youtube.

    Ate o xoves, 15 de marzo, as persoas interesadas poderán presentar as súas propostas, en tres categorías: vídeo-facermos, vídeo-opinarmos e canle e optar así a 3 premios de 1.000 euros e cinco de 500 euros para os vídeos gañadores.

    O xurado valorará tanto o enxeño e a creatividade coma a calidade técnica, a eficiencia comunicativa ou a calidade lingüística.

    Vídeo-Facermos. Esta categoría é para os vídeos nos que se amosen os saberes e procesos de elaboración a través de titoriais para que outra xente poida aprender. Así, entrarían nesta categoría receitas de cociña, trucos de maxia, habilidades especiais, etc.

    Vídeo-opinarmos. Trátase de expor unha opinión ou valoración arredor dun tema de interese e dun xeito argumentado. A temática é libre.

    Canle. Pódese presentar ao certame unha propia canle de vídeos, sempre que sexan de produción propia. Valorarase a calidade na creación de contidos, a traxectoria, a constancia e a capacidade de repercusión (número de visualizacións, comentarios, interaccións...)

    Na primeira edición dos Premios, Ourense tivo un protagonismo moi activo con dez participantes. A presentada por Eira Losada chegou até a final do concurso. Para esta segunda edición, o propio alcalde, Jesús Vázquez, anima á participación con este vídeo.


     

    Toda a información e bases completas, en www.youtubeiras.gal

     
    A programación para bebés volverá ao Auditorio de Ourense este venres, 2 de febreiro da man de Raquel Queizás, que representará Nanocontos, pequenos relatos da vida cotiá interpretados por animais. Esta actividade forma parte do programa Apego, dirixido a familias e crianzas de 0 a 6 anos, que ten como finalidade fomentar a socialización en galego, a través de contos e música.

    Nanocontos é un espectáculo que estimula as habilidades de percepción espacial e a psicomotricidade dos bebés (de ata 3 anos) a través de pequenas historias adaptadas para captar o seu interese. Cóntanos que cada día é unha nova aventura chea de cousas que aprender mentres xogan coas cores, as formas e a música, xa que cando se é tan pequeno até as cousas máis sinxelas se converten en todo un reto. Haberá dúas funcións de 40 minutos ás 18.00 e ás 19.00 horas. As entradas para crianzas de 0 a 6 anos son gratuítas. As restantes pódense adquirir na venda anticipada por 3€, ou no Auditorio o propio día, a 4€.

    As actividades do programa Apego continuarán o primeiro venres de cada mes, no Auditorio. As próximas citas serán o 2 de marzo, con “Os contos do chupete” de Migallas, o 6 abril con “Tilintilonia” do Baúl da tía Tola, o 4 maio con “Puño Puñete” de Baobab e o 1 de xuño con “Letras e notas” de Magín Blanco, sempre con dúas sesións, ás 18.00 e ás 19.00horas.

    Caixa de benvida, información e consellos para as familias

    Apego é un programa que se desenvolve desde os servizos municipais de normalización lingüística a aquelas familias que se preparan para a chegada dunha crianza, ou que xa a teñen, acompañándoas na transmisión da lingua desde unha perspectiva integral, ao facilitar argumentos en positivo, achegar recursos, crear redes e comunidade e arroupar en definitiva a crianza en galego con arraigo, orgullo e identidade.

    O Servizo de Normalización do Concello de Ourense proporciónalles unha caixa de benvida á familias que agardan unha criatura ou acaban de tela e facilítanlle información das actividades que se desenvolven na nosa cidade e consellos para unha crianza en galego.
    Máis información aquí 

    Ourense, 10 de xaneiro de 2018.

    O Proxecto Youtubeir@s, no que participa o Servizos de Normalización Lingüística do Concello de Ourense, lanza a segunda edición dos seus premios coa vontade de promover e de lle dar visibilidade ao uso do galego a través da rede social de vídeos máis grande do mercado global: Youtube. O prazo permanecerá aberto até o vindeiro 15 de marzo para as tres categorías (vídeo-facermos, vídeo-opinarmos e canle), e até o 20 de febreiro para a #propostayoutubeira, a novidade desta edición, e na que se poderán propoñer os mellores vídeos doutras persoas.

    Nesta segunda edición dos Premios Youtubeir@s repartiranse tres premios de 1.000 euros e cinco de 500 euros para os vídeos gañadores, e o xurado valorará tanto o enxeño e a creatividade, coma a calidade técnica, a eficiencia comunicativa ou a calidade lingüística.

    Vídeo-Facermos. Esta categoría é para os vídeos nos que se amosen os saberes e procesos de elaboración a través de titoriais para que outra xente poida aprender. Así, entrarían nesta categoría receitas de cociña, trucos de maxia, habilidades especiais, etc.

    Vídeo-opinarmos. Trátase de expor unha opinión ou valoración arredor dun tema de interese e dun xeito argumentado. A temática é libre.

    Canle. Pódese presentar ao certame unha propia canle de vídeos, sempre que sexan de produción propia. Valorarase a calidade na creación de contidos, a traxectoria, a constancia e a capacidade de repercusión (número de visualizacións, comentarios, interaccións...)

    Na primeira edición dos Premios, Ourense tivo un protagonismo moi activo con dez participantes. Unha das propostas participantes -a de Eira Losada- chegou até a final do concurso. Para esta segunda edición, o propio alcalde, Jesús Vázquez, anima á participación con este vídeo.

    Toda a información e bases completas, en www.youtubeiras.gal

     
    Ourense, decembro de 2017
     
    O programa Apego para a dinamización sociolingüística, do que o Concello de Ourense forma parte -xunto con outros 30 concellos de Galicia-, vén de ser recoñecido pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria como Premio da Cultura Galega na categoría de Lingua. Apego procura incentivar, favorecer e colaborar na socialización en galego da infancia facilitándolles ás familias materiais físicos e espazos de socialización en galego, caso das representacións para bebés no Auditorio Municipal. 
     
    Os Premios da Cultura Galega para o ano 2017 distinguiron tamén a Oliver Laxe, premio Cidade de Ourense, na categoría de Audiovisual, e á música ourensá Cristina Pato, na categoría de Proxección Exterior, entre outros. O xurado, presidido polo conselleiro Román Rodríguez, estivo formado por profesionais de prestixio como Chelo Matesanz, Xosé Manuel Budiño, Dolores Ben ou Belén Pichel.
     
    Santiago, novembro de 2017.-

    O Proxecto Youtubeir@s, organizado polos servizos de normalización lingüística de nove concellos, polas tres universidades e pola Deputación da Coruña, lanza a súa segunda edición coa vontade de promover e de lle dar visibilidade ao uso do galego a través da rede social de vídeos máis grande do mercado global: Youtube . A iniciativa pretende fomentar así a creatividade con temas propios e xerar referentes en galego dun novo axente con gran repercusión social dende o mundo dixital como son os/as youtubeiros/as. 
     
    Así o adiantou hoxe en rolda de prensa, celebrada na Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago, a coordinadora de Youtubeir@s, Mónica Fernández Valencia, quen xunto a Martiño Noriega, alcalde de Santiago de Compostela; Goretti Sanmartín, vicepresidenta da Deputación da Coruña; e a vicerreitora de Servizos Universitarios da Universidade de Santiago de Compostela, María do Carme Silva Domínguez, detallou as liñas mestras do proxecto. Ademais, o acto contou coa presenza de José Antonio Cacabelos Rico, alcalde do Grove; José Andrés García Cardeso, alcalde da Baña; Pilar Pérez Faxil, concelleira de Cultura e Educación de Teo; Xosé Regueira, concelleiro de Normalización Lingüística de Carballo, e Belén Iglesias Cortés, concelleira de Cultura e Educación de Ourense. 
     
    Na presentación destacouse a colaboración das diferentes administracións para lanzar a segunda edición de Youtubeir@s, un amplo proxecto que compila diversas accións que buscan un claro obxectivo: incrementar a presenza do galego nos vídeos de Youtube. Dentro desta iniciativa, recóllense varias liñas de acción que van dende campañas de incentivación do uso do galego a través da citada plataforma até a formación de youtubeiros e youtubeiras, pasando por actividades para outorgarlle visibilidade ao proxecto, pola dinamización nas redes sociais co obxectivo de xerar comunidade ou pola convocatoria dos Premios Youtubeir@s.
     
    Premios Youtubeir@s
    Nos Premios Youtubeir@s poderán participar todas as persoas maiores de 14 anos a través de vídeos de opinión ou videotitoriais autoproducidos en galego subidos a Youtube de xeito independente ou nunha canle. Todas as pezas participantes teñen que estar publicadas con data posterior ao 2 8 de abril de 2017 sen restricións de privacidade e cos cancelos #youtubeiras #youtubeiros na descrición. En total, o certame entregará 5.500 euros en premios, repartidos nun conxunto de categorías que incrementan o seu número con respecto ao ano pasado. Así, o certame dividirase nos seguintes apartados: vídeo-facermos, vídeo-opinarmos, canle, creatividade, eficiencia comunicativa, calidade técnica, calidade lingüística e o premio do público. 
     
    Precisamente, este último galardón do público, chamado #propostayoutubeira, é unha das grandes novidades deste ano, xa que as persoas usuarias da rede social Facebook poderán propoñer a través dun simple comentario no perfil de Youtubeir@s un vídeo do que sexan seareiros/as incluíndo o cancelo #propostayotubeira. Os vídeos propostos han de axeitarse ás categorías de vídeo-facermos e vídeo-opinarmos. As bases ao completo pódense consultar no web www.youtubeiras.gal e os premios entregaranse o vindeiro 20 de abril de 2018 nun acto público na Coruña no cal o xurado dará a coñecer os vídeos gañadores.
     
    Formación e festivais
    Por outra banda, o proxecto Youtubeir@s incluíra diferentes programas formativos que se desenvolverán nos concellos e nas universidades organizadoras. Os obradoiros serán impartidos pola produtora Illa Bufarda e farán fincapé nesta nova edición nas persoas maiores de 50 anos non familiarizadas coas novas tecnoloxías Ademais, Youtubeir@s estará presente en eventos culturais galegos como son o Culturgal (no que se realizará unha presentación pública cunha conversa con youtubeiros/as este sábado ás 13.00 horas no Espazo Foro) e festivais relacionados coa creación audiovisual e dixital, co obxectivo de crear sinerxias con festivais para a programación de contidos youtubeiros en galego.
     
    Organización
    Youtubeir@s é unha iniciativa organizada polos Servizos de Normalización Lingüística dos concellos da Baña, Ames, Carballo, Ourense, Pontevedra, Ribadeo, Santiago de Compostela, Teo e O Grove, das universidades da Coruña, Santiago de Compostela e Vigo e da Deputación da Coruña.
     
    Páxinas: 1 2 

    Concellería de Cultura
    Concello de Ourense
    2017

     

    Rúa da Canle, 1
           32005 Ourense

     

       988 391 290

    Contacto

     

    Accesibilidade

     

    Permisos

    Cultura nas redes:

     

      Facebook

     

      Twitter

     

      Youtube

    Diseñado y programado por ACV Galaica