CONTACTO

  • Xornadas Folclore
  • Prem Risc
  • youtubeiras
  • MMOu
  • EdC
  • Volver

    Ourense, 17 de xuño de 2019.
     
    O Claustro de San Francisco acolle, o xoves e o venres desta semana, a sétima edición de 'Danza no Claustro', unha proposta escénica exclusiva na que artistas internacionais e locais habitarán este espazo gótico, e compartindo os seus coñecementos e experiencia. Organizado por Erick Jiménez e Maruxa Salas (Solodos) e coa colaboración da Concellería de Cultura, os espectáculos serán ás 20:30 horas con acceso aberto e gratuíto. 
    En total, son sete as compañías que participarán no Danza no Claustro 2019. Proveñen de España, Portugal, México e Costa Rica, e entre elas cómpre salientar as estreas de Humedales, de Fran Martínez, e de Fronteras y Mujeres, de Peace of Mind e Pájaro Mosca, ou Ephimero, obra gañadora do Premio do Público e Premio Xove en SóLODOS en Danza Ourense 2018.
     
    De seguido, o programa para ambos días:
    FRONTERAS Y MUJERES. Peace of Mind & Pájaro Mosca / España-México.
    Coreógrafas e intérpretes: Paula Pérez Pinilla, Carmina Gimeno Latas, Noemi Sánchez Cárdenas e Elisa Medina Hudgins. Coproducen coas compañías Festival Trayectos Zaragoza e Sólodos En Danza. 
     
    Sinopse: Parte da necesidade de establecer unha conversación que porta como bandeiras o corpo e o territorio, utilizando como pista de arranque o traballo previo realizado por ambas as compañías referente á indagación de novos camiños que permitan actualizar conceptos tan variables, permeables e subxectivos, como o son as fronteiras mediante o seu cruzamento, ruptura ou reparación.
     
    LOS OJOS ABIERTOS DE ELLA. Pájaro Mosca / México.
    Coreógrafa e intérprete: Noemí Sánchez Cárdenas. 
    Sinopse: Exploración sobre a monstruosidade. Unha procura sobre a idea de como unha emoción toma corpo, ritmo e ton muscular, buscando chegar á coraxe real.
     
    TONO. Pájaro Mosca / México.
    Coreógrafa e intérprete: Elisa Medina Hudgins. 
    Sinopse: Tratamos o mundo, os obxectos e a xente do mundo en función da súa proximidade respecto de nós mesmos. A semellanza é unha ameaza á xerarquía.
     
    EPHIMERO. Peace of Mind / España.
    Peza gañadora do Premio do Público e Premio Xove en SóLODOS en Danza Ourense 2018. Creadoras e intérpretes: Paula Pérez Pinilla e Carmina Gimeno Latas. 
    Sinopse: Os sentidos son a porta entre o ser humano e o exterior. Sen palabras, cando dúas persoas míranse aos ollos, establecen un cimento de confianza e comunicación. A través dos aromas, sons e o simple tacto, viaxamos cara a un mundo de recordos e sentimentos que nos van conectando, no transcurso da vida. Pensamentos fugaces submisos a un cronómetro que nos balancean entre o duradeiro e as agullas do efémero. 
     
    HUMEDALES. Fran Martínez / España.
    Creación e interpretación: Fran Martínez. Apoios: Centro Cultural Conde Duque + Coreógrafos en Comunidad, Centro Danza Canal. 
    Sinopse: Os humidais son os meus orificios. Esvaradíos. Tranquilos. Quentes. A fronteira entre a carne quente e sanguenta e un mundo hermético. Todo é misterio para quen observa, para quen o seu obxecto de desexo non se satisfai con libros de anatomía. O dentro, todo escuridade, e o fóra, que de tan visible, indescifrable.
     
    EM·NA. Colectivo Glovo / España-Portugal.
    Coreógrafos e intérpretes: Hugo Pires Pereira e Esther Latorre Fernández. 
    Sinopse: "Somos vibración. Todo é vibración, e todo é impermanente, pois todo está en constante movemento. A nosa mente tamén é movemento, e o movemento necesita harmonía para crear eficiencia. Harmonía é ritmo. Aquel que sabe manipular a vibración pode transformar as cousas á súa ao redor."

    PEDESTRES. Costa Rica / Gañadores Certame Sólodos En Danza Costa Rica 2019. Creación e interpretación: Lina Valverde e Camilo Regueyra.
    Sinopse: Retrato da multitude en tránsito, collage paranoico de Chepe. En dous corpos conflúen todos aqueles que camiñan, a rúa e a cidade; móvense en xeometrías e ao ritmo da urbe; é tanta a acumulación de xestos simultáneos que se tornan extracotiáns.
     
    Ourense, 13 de xuño de 2019.
     
    As festas de Ourense completan a súa programación. Do sábado 21 ao domingo 30 de xuño, a cidade de Ourense poderá bailar cos 27 concertos para todos os públicos e sensibilidades: desde Neo, a nova banda de Alberto Cereijo e Fernando Calvo, pasando por Izal, The Furious Monkey House, Ramoncín ou Viva Suecia, María do Ceo, a Coral De Ruada e até un concerto infantil de María Fumaça. A Praza Maior, as do Ferro e San Martiño e a explanada de Expourense serán os escenarios musicais, xunto coa rúa do Progreso onde actuarán as orquestras. O programa elaborado pola Concellería de Cultura para estas festas aposta tamén polo teatro de rúa, con 12 espectáculos na Praza de Bispo Cesáreo.
     
    Durante estes días de festa, a Praza Maior acollerá o concertos de Viva Suecia (día 22),  Furious Monkey House (23). La Edad de oro del pop español (24), Ramoncín (25), María do Ceo, Marem Ladson, Christina Rosenvinge e Morgan (27), Neo e Siniestro  Total (28), para rematar con Budiño e Luiz Caracol o 29. Estes concertos serán de entrada gratuíta mais con aforo limitado.
     
    A música estenderase polo centro histórico da cidade. Na Praza de San Martiño actuarán músicos dunha grande variedade de estilos musicais, como Víctor Prieto (23), Pauliña (24) La Chata Soul (25), De Vuelta (26), Nuria Graham (27), Escuchando elefantes (28), Os amigos dos músicos (29). A Praza acollerá tamén un concerto infantil, de María Fumaça, o 30 de xuño. Mentres tanto, na Praza do Ferro sonarán outros 4 grupos: Kings of the beach (26), Aries (27), Moly Burch (28) e Menage a Trois (29).
     
    Os espazos musicais serán tamén a rúa Progreso, co Grupo Assia a noite do sábado 22 e Os Satélites (29) e Gran Parada (o 29), e a explanada de Expourense: Marea (27), Izal (28) e Aitana (29) As entradas para os dous primeiros grupos están á venda en www.ataquilla.com, e para Aitana en www.evenbrite.com.
     
    Teatro de rúa, fogos artificiais e exposicións
     
    A programación das Festas de Ourense aposta polo teatro de rúa, con doce espectáculos que achegarán ao público da cidade obras de compañías como a galega Duelirium, o día 24; o madrileño Mago Kayto o 25; Francis Zafrilla (Castela A Mancha, o 26);  Vueltos de Rosca (Madrid) o 27; Inconfundibles (Cataluña) o 28;. Finalmente, o día 29 haberá doble sesión de “Os Xogos do Paporrubio” e senllos espectáculos de monicreques a cargo de Larraitz Urruxola e Inacio Vilariño.
     
    A fin de festa chegará coa tradicional tirada de fogos artificiais a cargo de Pirotecnia Pablo, na marxe dereita do río Miño, na noite do 29 ao 30 de xuño.
     
    O Museo Municipal acollerá tamén durante estas datas dúas exposicións, as de Angeles Sioli “En voz alta” e a de Zeta “Obra matérica” 
     
    Acceso ao programa completo das #FestasOurense2019, cuxo cartel foi realizado pola deseñadora ourensá Tania Olveira.
     
     
    Ourense, 2 de xuño de 2019.
     
    Enclave de Cámara despide a súa sexta edición cun concerto no Teatro Principal a cargo do Dúo Rivera, formado pola pianista ourensá María Luz Rivera e Blanca Fernández ao violín. As entradas para o concerto do xoves 6 ás 20:00 horas, á venda online en www.ataquilla.com e na billeteira do teatro dende dúas horas antes do espectáculo. 
     
    Caracterizado polo seu labor de difusión da música de cámara española cunha especial atención ao repertorio contemporáneo, o dúo formado polas irmás María Luz e Raquel Rivera (Blanca Fernández actuará en substitución de Raquel Rivera) presenta en Ourense un programa no que fundirán obras de Anton Webern, John Cage, Enrique Granados, Joaquín Turina e Manuel de Falla. Ademais, por encargo do propio ciclo ourensán, estrearán a obra do galego Fernando Buíde del Real (1980-) “Canto Auriense”, quen tamén asistirá ao recital.
     
    Dende a presentación internacional do dúo en 2004, desenvolveron varios proxectos centrados na produción musical galega e española para piano e violín e na súa relación coa música europea. Reivindicando os compositores menos coñecidos, rescataron a súa obra dándolles difusión no contexto internacional.
    Con este concerto péchase unha temporada de recitais de cámara organizados dende outubro a xuño polo Enclave de Cámara na que, entre outros, pasaron por Ourense pianistas da talla de Javier Perianes ou Josep Colom, agrupacións de corda e piano coma Resonans ou o Trío Arriaga, músicos da Real Filarmonía de Galicia ou o violinista Daniel Röhn.
     
    O Enclave de Cámara está organizado polo Concello de Ourense e conta coa colaboración da Deputación Provincial de Ourense, do Teatro Principal e da Corporación Radio e Televisión de Galicia.
     
    María Luz Rivera / Bio. María Luz Rivera, piano, iniciou os seus estudos en Ourense para posteriormente trasladarse a Madrid e estudar con Matilde Urtiaga e rematar a carreira no Real Conservatorio Superior de Música, na cátedra do profesor Guillermo González. Ampliou a súa formación con distintos mestres como Alicia de Larrocha, Gyorgi Sandor, K.H. Mrongrovius, J. Achúcarro… e obtivo galardóns como o Primeiro Premio “Xoves Intérpretes” de Galicia. Destaca como concertista en grupos de música de cámara ou como solista, especializándose en música española e percorrendo distintos auditorios de América Latina, Alemaña (Weimar, Casa de Beethoven en Bonn, Hochschule für Musik de Colonia), Kuwait, Italia ou Estados Unidos. É profesora no Conservatorio Profesional de Música de Madrid.
     
    Blanca Fernázdez / Bio. Blanca Fernández González (en substitución de Raquel Rivera) é unha excelente violinista madrileña que, tras obter a máxima cualificación na Guildhall School of Music & Drama e o seu paso pola Royal Academy of Music de Londres en 2015 co profesor Maurice Hasson, é premiada co “Santander UK Universities Award”. Ofrece concertos coma solista con diversas agrupacións como a orquestra “Andrés Segovia” ou a “Orquesta Iuventas” e colabora, entre outras, coa London Symphony Orchestra. Como música de cámara ten xirado polos principais festivais e salas europeas e é membro do Trío Mosaicos e colaboradora do ensemble “Sonido Extremo”. Actualmente compaxina a súa actividade concertística coa docencia no Conservatorio da Comunidade de Madrid e na Escola Superior de Música de Extremadura. Dende 2016 é directora artística do Festival Luigi Boccherini, de Arenas de San Pedro
     
    I PARTE
    Anton Webern (1883-1945) | Vier Stücke Op7 (5′)
    John Cage (1912-1992) | Nocturne (5′)
    Joaquín Turina (1882-1949) | Sonata para Violín e Piano Nº 2 Op. 82 (15′)
    Lento | Vivo | Adagio
     
    II PARTE
    Enrique Granados (1867-1916) | Sonata (8′)
    Fernando Buíde del Real (1980-) | Canto Auriense (5′)
    (Estrea absoluta obra encargo do Enclave de Cámara)
    Manuel de Falla (1876-1946) | Suite popular española (9′)
    El paño moruno | Nana | Polo | Jota
     
    Máis info: Web Dúo Rivera | Vídeo | www.enclavedecamara.com, facebook, twitter e instagram.
     
     
    Ourense, 31 de maio de 2019
     
    O Centro Dramático Galego representará o próximo xoves, 6 de xuño, ás 20:30 horas no Auditorio a súa última produción “Neorretranca e posmorriña”, orixinal de Esther F. Carrodeguas e Roi Vidal Ponte, dirixida por Gena Baamonde, cun elenco formado por dez actrices galegas. O CDG chega a Ourense dentro da xira que ate o 7 de xullo realiza co seu novo espectáculo. As entradas poderanse adquirir en www.ataquilla.com ou no despacho de billetes do Auditorio, desde dúas horas antes da actuación.
     
    Neorretranca e posmorriña son, en palabras da compañía, dúas pezas sobre un mesmo sentir, caras diversas sobre unha mesma inquedanza. A identidade galega como concepto inaprensible, como acción non rematada, como busca incesante. A cultura, a lingua, a escrita, hábitos e prácticas sociais, tradicións e mitos propios. Memoria compartida inzada de símbolos que ás veces non recoñecemos como nosos, que interpelan a imaxinación dunha comunidade non sempre en sintonía.
     
    Neorretranca no punto de mira. Ironía e humor negro acompañado dunha crítica irreverente e a sensación de ter chegado a un punto de inflexión no camiño, onde hai que soltar lastre, onde hai que deixar atrás certos símbolos, algunhas certezas con aparencia de verdade que xa non lle acaen a case ninguén. Namentres, Posmorriña no horizonte, imaxinación dunha Galicia posible que aínda non coñecemos e que, así e todo, non deixamos de estrañar. Saudades dun territorio aberto e por explorar.
     
    O obra está dirixida por Gena Baamonde e interpretada por Ánxela Blanco, Areta Bolado, Olga Cameselle, Mercedes Castro, Raquel Espada, Anabell Gago, Atenea García, Andrea Quintana, María Roja e Laura Villaverde.
     
     
     
    Ourense, 30 de maio de 2019
     
    O Concello de Ourense aprobou as bases e a convocatoria do concurso para o deseño do cartel das Festas de Ourense 2019, que terá un premio de 1.000 euros para o gañador. “As obras deberán ser inéditas e orixinais, e non poden ter sido premiadas anteriormente nin atoparse pendentes da resolución do xurado noutros concursos”, explicou o alcalde de Ourense en funcións, Jesús Vázquez, durante a rolda de prensa para dar conta dos asuntos tratados na Xunta de Goberno Local. 
     
    As bases e o modelo para a declaración responsable estarán publicadas na web do Concello e na páxina web da Concellería de Cultura. O prazo límite para a presentación será o venres 7 de xuño. Os traballos serán entregados no Rexistro Xeral do Concello nun sobre, no que figurará “Concurso Carteis Festas 2019”, baixo un pseudónimo ou lema. 

    Enlace ás bases.
     
    Ourense, 15 de maio de 2019
     
    O humor protagonizará esta semana a programación do Auditorio con dous espectáculos que lle achegarán ao público ourensán o talento de intérpretes tan populares como Xose Antonio Touriñán ou Raúl Pérez.
     
    O xoves, o espazo municipal acollerá a gravación de “Malo será”, un programa de humor que se grava nos grandes teatros de Galicia, con público en directo. Consiste nunha sucesión de sketches sobre temas universais, con acenos ás distintas localidades e protagonizados por un elenco de actores e actrices de Galicia, que lidera Marta Doviro, coa compaña dunha banda de música en directo e unha vistosa escenografía. O artista convidado no programa de Ourense será o popular actor Xosé Antonio Touriñán. Será o xoves, ás 21:00h, as entradas custan 10 euros e pódense adquirir na páxina web de ataquilla.
     
    O sábado será o turno para Raúl Pérez, o popular humorista  madrileño que presentará sobre o escenario do Auditorio “o produto máis revolucionario desde o desenvolvemento do smartphone: as GRV – Gafas de Raulidad Virtual. As únicas _di_ que nos permiten ver a realidade como é e non como nos tentan facer crr que é”.
     
    Personaxes televisivos, xornalistas, políticos, deportistas, influencers, cantantes, estrelas de cine… todos se dan cita nun espectáculo interactivo e tronchante no que Raúl Pérez amosará todos os seus talentos, xa sobradamente coñecidos na súa traxectoria como humorista, guionista e imitador, e colaborador de programas de televisión tan coñecidos como Late Motiv, con Andreu Buenafuente, Crackovia, Homo Zapping ou Carrusel deportivo. Será o sábado, 18, ás 21 e as entradas pódense adquirir desde 13 euros na páxina web de ataquilla.
     
     
    Ourense, maio de 2019
    O Concello de Ourense súmase á celebración do Día das Letras 2019 cun programa de actividades especificamente dirixidas a cativada e outras para persoas de todas as idades que se desenvolverán durante a próxima semana. 
     
    O venres, 17 de maio, a Sala Valente acollerá ás 11.30 horas un concerto didáctico a cargo do Capitán Garfo: "Cociñando música". Ás 12.30h, no mesmo espazo desenvolverase o acto institucional co concerto “Cantos de terra e sal”, de Carmen Penim e Banda. Xa pola tarde, ás 7, a festa sairá á rúas cun desfile da Banda de Gaitas de Forcarei que percorrerá desde a rúa do Paseo ata a Praza Maior.
     
    Os actos de celebración organizados pola Concellería de Cultura inclúen tamén a exposición Antonio Fraguas, memoria dun soño, que se pode visitar desde o 1 ao 15 de maio no vestíbulo do Auditorio. Este é un proxecto da Xunta de Galicia coa colaboración da Fundación Otero Pedayo, que desde abril a decembro percorre diferentes cidades galegas. 
     
    A exposición consta dun cuadríptico explicativo e de 12 paneis en que se fai un percorrido pola vida de Antonio Fraguas e as achegas que, en diferentes momentos dela, fai á cultura galega, ata que no final da súa existencia coa chegada da democracia e da autonomía para Galicia, empeza a ver como se materializa o vello soño que guiou o seu percorrido vital. Ao tempo, vanse ofrecendo datos acerca da sociedade, da economía ou da política de cada momento histórico que axudan a comprender a súa figura e a súa obra.
     
    Actividades para a cativada
    A celebración da festa das letras sumará tamén unha chea de actividades para a cativada que se desenvolverán o mércores, 15. Ese día chegará a Ourense o Correlingua 2019 co lema “O galego é a fórmula", no que máis de 1.000 estudantes de 19 centros sacarán a lingua á rúa. Ás 10:00h, alumnado de Primaria participará na Praza Maior en xogos populares e nun concurso de pancartas co lema deste ano. De seguido, subirán ao Auditorio, onde alumnado de Secundaria asistirá á gala final coas actuacións do grupo de gaitas do CPR Seminario Menor A Inmaculada, a lectura do manifesto 2019, proxección dos vídeos gañadores do concurso, actuación do grupo Cuarta Xusta, gañador do Cantalingua, e posterior andaina cara á Praza Maior guiada polo folión do estudantado do IES Xermán Ancochea, de Trives.
     
    Ás 12:00h no Auditorio Municipal será o alumnado de Primaria quen participará en diferentes actividades a cargo do CEIP O Ruxidoiro, de Barbadás, e Pena Corneira, de Carballeda de Avia, antes da lectura do manifesto, proxección de vídeos e a actuación de Cuarta Xusta.
     
    Concurso e lectura de microrrelatos
    Esa mesma mañá, desde as 11:30h na Praza de San Martiño, a Concellería de Educación celebrará a festa coa entrega dos dous premios do VII Certame de Microrrelato online que este ano leva por tema “As mulleres en Galicia”. 
     
    Lerán os seus relatos os nenos e as nenas gañadoras do certame, ao que concorreron 35 traballos de 8 centros de ensino, e cuxo obxectivo é fomentar o uso do galego e a creatividade do alumnado. Ao rematar a entrega de premios, 120 alumnas e alumnos de Primaria presentes na praza gozarán co espectáculo homenaxe a Fraguas Os romeiros do caracol, de Fantoches Baj con música en directo, monicreques, teatro e narración oral.
     
    Ourense, 07 de maio de 2019
     
    A Mostra Internacional de Teatro Universitario, con Alberto San Juan, TeatrUbi e Teatro del Barrio, versións galegas de cancións populares do século XX a cargo de Sés, e a xira Único de Antonio Orozco forman a proposta de actividades do Auditorio de Ourense para esta semana. As entradas pódense adquirir en www.ataquilla.com ou no despacho de billetes dúas horas antes de cada actuación.
     
    A cantante coruñesa Sés presentará este sábado (20:30h) no Auditorio o seu último traballo: “A rabia ao silencio”, cunha escolma de cancións populares, folclóricas ou de autor nun espectáculo acústico e íntimo no que o público poderá gozar con versións en galego de xoias musicais do século XX. 
    Son cancións de Atahualpa Yupanqui, Carlos Puebla, Víctor Jara, Mercedes Sosa ou Zeca Afonso, entre outros, que foron no seu momento semente ou crónica dos grandes movementos sociais do século XX en Europa e en América. Cancións que exemplifican a pluma e a voz profundas, humanas e solidarias, que serán interpretadas por María Xosé Silvar, "Sés" -voz, guitarra e percusión-, Sabela Galbán -voz, acordeón e frauta- e Tito Calviño –guitarra-. As entradas pódense adquirir a partir de 16€.
     
    O domingo 12, chega a Ourense a xira Único, de Antonio Orozco. O cantante e compositor barcelonés suma xa máis dun millón de copias vendidas a nivel nacional desde o seu primeiro disco, editado hai xa 19 anos. 
     
    “A fame agudiza o enxeño, e ÚNICO é boa mostra diso, nacido na parte escura e difícil da vida, cun gran espírito de supervivencia e o indiscutible obxectivo de entreter os sentidos”, di Orozco. “Se algunha vez pensaches que as miñas cancións falaban de ti, entón non o penses máis, falan de ti!”, asegura. As entradas, desde 35€.
     
    24 MITEU. A programación do Auditorio inclúe 3 novas cita coa MITEU. Comezará o mércores 8, ás 21:30h, coa representación de Cántico negro, de TeatrUbi, o grupo de teatro da Universidade da Beira Interior, de Covilhâ, Portugal, con entradas a partir de 3 euros. 
     
    O xoves 9, ás 20:30h, subirán ao escenario do Auditorio Alberto San Juan e Fernando Egozcue, para representar España ingobernable, cuxos autores definen coma “un relato daquelas ocasións nas que o pobo, os de abaixo, a cidadanía, a chusma, organizouse na rúa para loitar polos dereitos e as liberdades públicas, desde a segunda República ata hoxe”. Unha España “ingobernable porque non se deixa gobernar, porque quere gobernarse”, din. Dirixida por Alberto San Juan, a narración componse de texto propio e alleo: poemas, discursos, novas, cancións. (5 euros)
     
    O venres 10, desde as 22:30h, quenda de Teatro del Barrio (Madrid) con La sección (mujeres en el fascismo español). Nesta obra, fronte á visión puramente androcéntrica que se nos transmitiu sobre a guerra e posterior ditadura, a compañía quere presentar aspectos que tiveron unha importancia capital no transcorrer das vidas de tantas mulleres que foron marcadas por unhas imposicións educativas, políticas, relixiosas e de xénero que deixaron unha fonda pegada na sociedade española do momento. Teatro sobre mulleres, escrito, dirixido e interpretado por mulleres. Entradas desde 5€
     
    Páxinas: 1 2 3 4 5 ... Último 

    Concellería de Cultura
    Concello de Ourense
    2017

     

    Rúa da Canle, 1
           32005 Ourense

     

       988 391 290

    Contacto

     

    Accesibilidade

     

    Permisos

    Cultura nas redes:

     

      Facebook

     

      Twitter

     

      Youtube

    Diseñado y programado por ACV Galaica