CONTACTO

  • prem risco
  • Verán cultural
  • Premio poesía
  • Auditorio
  • EdC
  • Volver

    Ourense, 25 de abril de 2018.
    O Auditorio municipal ofrece esta fin de semana unha dobre cita coa danza e co circo dentro da súa programación. O sábado, desde as 20:30 horas na sala principal, o grupo Traspediante interpretará Plastic, unha obra de Rut Balbís interpretada por Paula Quintas.
     
    Desde a antítese ou desde a retórica, Traspediante propón unha recuperación da memoria corporal desde dentro cara a fóra. Como emanan substancias desde o noso interior e podemos trasladalas a un código plástico estético e conservalo? Un traslado emocional pola traxectoria persoal e artística do propio corpo, datas, pegadas, obxectos, estimulación sensorial e cicatrización corporal lévannos ás ideas referenciais da historia da arte, xogos luminosos e transposicións. 
     
    O espectáculo de danza durará 50 minutos e as entradas custan 3 € [en www.ataquilla.com ou na sala de exposicións Afundación] ou 4 € na billeteira do Auditorio, dúas horas antes da función. 
     
    O domingo 29 ás 12:00 horas volve a programación infantil ao Auditorio co espectáculo Erori, de Cair Circo, para todos os públicos. Accións sinxelas e cotiás que derivan en acrobacias mediante golpes e caídas, contrastan con coreografías visuais de danza e malabares. O absurdo, o sinxelo e o universal está presente nas disparatadas rutinas de circo. Unha dramaturxia non lineal que cada espectador vivirá dunha forma única. As entradas, coma no caso anterior, custan 3 € [en www.ataquilla.com ou na sala de exposicións Afundación] ou 4 € na billeteira do Auditorio, dúas horas antes da función. 
     
    O domingo, máis danza
    O Concello de Ourense súmase este domingo á conmemoración do Día Internacional da Danza convertendo os espazos públicos da cidade nun escenario para os alumnos de oito escolas de danza da cidade e no que está previsto que participen máis de 500 persoas, con idades desde os tres anos en adiante. Entre as 10:30 e as 14:00 horas haberá actuacións de baile nos Xardíns do Padre Feijóo, na Praza de San Martiño e no Centro Marcos Valcárcel. A partir das 19:30, será a Praza Maior o escenario do espectáculo principal.
     

    Ourense, abril de 2018.

    O Concello de Ourense sumarase este domingo, 29 de abril, á conmemoración do Día Internacional da Danza convertendo os espazos públicos da cidade nun escenario para os alumnos de oito escolas de danza da cidade e no que está previsto que participen máis de 500 persoas.

    O alcalde Jesús Vázquez salientou este martes durante a presentación do programa de actividades xunto a concelleira de Cultura, Belén Iglesias e os representantes das oito escolas, que a actuación de medio milleiro de participantes suporá “un espectáculo nunca visto” na cidade e protagonizado por persoas “dende tres anos en adiante”.

    Tras a primeira edición, celebrada o ano pasado na Praza de San Martiño con grande éxito, este ano a Concellería de Cultura amplía a programación e ofrecerá espectáculos ao longo de toda a xornada.

    O programa conta coa participación das escolas de baile Nati Fleta-Copelia; Sabrosura, Fussión; Tics, Estilo Libre; Don’t Stop; Cuatro Pasos e Enka, que ofrecerán coreografías baseadas en distintos estilos musicais como o flamenco, a danza contemporánea, o hip hop, as danzas orientais e o baile latino.

    Entre as 10,30 horas e as 14,00 horas os alumnos destas oito escolas actuarán de balde e ao mesmo tempo en tres escenarios: na rúa do Paseo, no Centro Cultural da Deputación e na Praza de San Martiño.

    A xornada se pechará cunha grande festa da danza a partires das 17,30 horas na Praza Maior con dous pases dos alumnos destes centros de ensino. No primeiro deles está prevista a participación de más de 260 bailaríns con idades entre os tres e os 50 anos. No segundo pase bailarán perto de douscentas persoas (198 segundo datos da organización).

    O alcalde de Ourense Jesús Vázquez invitou aos ourensáns a participar desta actividade que “ademais de facer bos amigos é unha ferramenta para mellorar a saúde física e psicolóxica” dos seus participantes. Tamén agradeceu ós representantes das academias a súa colaboración e a súa “unión” que permitiu poñer en marcha “de forma conxunta” este espectáculo “ó grande”.

    O rexedor confirmou a aposta do Concello por as actividades que achegan o mundo da danza aos ourensáns, como a conmemoración do Día Internacional da Danza e o festival de danza “SóloDos”, que durante uns días converte a cidade “nun referente” da mellor danza europea e latinoamericana.

    Pola súa banda a concelleira de Cultura, Belén Iglesias, animou aos cidadáns a achegarse ó mundo do baile “pola importancia da danza no desenrolo físico e da personalidade”.

     
    Ourense, 15 de abril de 2018.
     
    O vindeiro sábado 21 de abril, ás 14,00 horas, remata o prazo para participar no concurso convocado polo Concello de Ourense, a través da Concellería de Cultura, para elixir o cartel anunciador da Festa dos Maios 2018 que está dotado cun premio de 800 euros para o autor ou autora da obra gañadora.  
     
    Poderá presentar as súas propostas calquera persoa física ou xurídica e os traballos deberán remitirse ao Rexistro Xeral do Concello dentro dun sobre, onde figurará “Concurso carteis Maios 2018” e debaixo un pseudónimo ou lema.
     
    Dentro deste sobre deberá meterse outro mais pequeno pechado que irá rotulado co mesmo nome e pseudónimo, e que no seu interior conterá os datos de identificación, enderezo e teléfono do concursante. Só se abrirá o sobre da obra que resulte premiada.
     
    Os carteis, que deberán ter un tamaño de 50x70 centímetros deberán ser orixinais e inéditos, e incluír obrigatoriamente o texto  “Maios, Festa de interese turístico”. 
     
    A obra galardoada se utilizará tamén como imaxe gráfica integrante dos anuncios na prensa escrita, carteis, mobiliario urbano publicitario, e outros elementos divulgativos que editará o Concello para facer promoción do programa de actividades desta festa.
     
    Os carteis premiados deberán presentarse en formato electrónico para a súa mellor reprodución e adaptación, e pasarán a ser propiedade municipal con todos os dereitos de libre reprodución e difusión.
     
    As persoas interesadas poden consultar as bases no seguinte enlace.
     
    Ourense, abril de 2018.
     
    O vindeiro venres, 20 de abril, ás 14,00 horas remata o prazo para participar no XXXIV Premio de Poesía “Cidade de Ourense”, dotado con 6.000 euros e que está aberto a autores e autoras que presenten obras orixinais e inéditas escritas en galego ou portugués, cun mínimo de 600 versos de extensión.  Non poderán participar as persoas que gañaron este premio nas cinco últimas edicións. 
     
    Os interesados en concursar deberán entregar os seus traballos no Rexistro do Concello de Ourense (Praza Maior, s/n), directamente ou por correo certificado. As persoas que concorran desde Portugal poderán facer entrega dos seus poemarios nas instalacións da Cámara Municipal de Vila Real, respetando os mesmos prazos e requisitos. 
     
    As obras se presentarán baixo lema, nun sobre pechado. Os concurrentes poderán presentar máis dunha obra, sempre e cando cada unha se presente de forma independente. 
     
    O Xurado será nomeado pola Concellería de Cultura e estará integrado por personalidades das letras galegas e portuguesas; a persoa gañadora da pasada edición e un representante da Corporación, que exercerá a presidencia. A súa decisión se coñecerá no mes de xuño e será  será inapelable.
     
    O premio está dotado con 6.000 euros e a publicación de 150 exemplares do libro. A persoa beneficiaria deste galarón percibirá de forma gratuita 25 exemplares do libro e pasará a formar parte do xurado na vindeira edición.
     
    O xornalista e poeta portugués Fernando Fitas, foi o gañador da última convocatoria coa obra “Subversiva liturgia das máos”. O seu poemario foi elexido como o mellor dos 29 que concorreron ao certame. 
     
    Nesa ocasión o xurado estivo integrado por Luís González Tosar, poeta e presidente do Pen Club Galicia; Xurxo Alonso, gañador da edición anterior; Edelmiro Vázquez Naval, poeta ourensán; Sara Martiñá, profesora de lingua e literatura galegas; e Mª Hercília Agarez, do Grémio Literário Vila Realense. 
     
    Na edición do ano 2016 o gañador fora o consolidado escritor vilagarcián Xurxo Alonso, pola obra “Cartas da fronteira”. O xurado desta edición, á que concorreran 57 traballos, estivo composto por Isabel Alves, Fernando de Castro, Luciano Rodríguez, Amalia Moreiras, e Luís González Tosar.
     
    Ourense, abril de 2018.-
     
    A cidade de Ourense será sede, por cuarto ano consecutivo, Festival Xuvenil de Teatro Grecolatino en Galicia, xunto con Lugo. As Concellerías de Educación e de Cultura colaboran para levar a cabo un evento que no que participarán centos de alumnos e de alumnas de Ensino Secundario e que aproveitarán a súa visita para coñecer o Ourense máis románico.
     
    O Festival desenvolverase o luns 9 e o martes 10 de abril, con 4 representacións (ás 12:00 e ás 17:00 horas) ás que asistirán un total de 2.381 alumnos de 39 centros de ensino das 4 provincias galegas e máis de León.
     
    Á primeira das sesións acudirán Belén Iglesias, concelleira de Educación e de Cultura, e Teresa Amado, profesora titular de Filoloxía Grega da USC e coordinadora deste festival desde o ano 2001, para a entrega do terceiro premio Odisea, de cultura clásica . O resto do programa é como segue:
     
    Luns 9:
    12:00 Las Troyanas, de Eurípides (Grupo Noite Bohemia de A Coruña)
    17:00 Anfitrión, de Plauto (Grupo Noite Bohemia de A Coruña)
     
    Martes 10:
    12:00 Electra, de Eurípides (Grupo El Ruiseñor de Culleredo)
    17:00 Gemelos, de Plauto (Grupo El Ruiseñor de Culleredo)
     
    No ano 2015 tivo lugar a primeira edición deste Festival Xuvenil de Teatro Grecolatino obtendo un gran éxito de asistencia e consolidando Ourense como a cidade galega co maior índice de participación.
     
     
    Ourense, abril de 2018.-

    A Cultura celebra a chegada da primavera a Ourense, e con ela dúas novas exposicións no Museo Municipal. Na sala 1, "Moxom e familia", a última das coleccións de obras do ourensán a partir de troncos de madeira de diversa procedencia, que grazas ao talento do polifacético artista cobran vida e medran con grande personalidade figurativa. A madeira convertida en personaxe, cunha historia e cunha experiencia narrada a través de pinceladas cheas de pigmentos e materiais espontáneos. Na Sala 2, outra ourensá, malia ser chantadina de berce: Mercedes Paz, artista autodidacta que nos presenta nunha exposición co mesmo nome medio cento de pezas entre as que podemos atopar pintura, escultura e debuxo, nunha infinita conversa cos materiais, do metal á madeira, pasando polo marfilpero sen perder en ningún momento a forma e a expresión da simboloxía abstracta.

    Moxom e familia -Sala 1 do Museo Municipal, até o 6 de maio.
     
    Mercedes paz - Sala 2 do Museo Municipal, até o 6 de maio.

    (Máis información da axenda de cultura)
     
    Ourense, abril de 2018
     
    A XXII edición do Festival de Jazz de Primavera achegará a Ourense a 11 grupos de “primeiro nivel” como os saxofonistas Bill Evans (11 de maio) ou Kenny Garret (23 de maio), nunha edición que aposta pola mestizaxe con outras músicas coma o flamenco, e que tivo que alongar o calendario a dous meses polo numeroso plantel de artistas que visitarán a cidade de As Burgas.
     
    O alcalde de Ourense Jesús Vázquez destacou este xoves na presentación do programa de actividades que a presenza de nomes consagrados do jazz nesta cita musical está a permitir que Ourense “poida mirar sen complexos” a outros grandes eventos de jazz no país, coma o festival de Donosti.
     
    O acto contou coa presenza da concelleira de Cultura, Belén Iglesias, e dos representantes das entidades organizadoras: o Café Latino (Eduardo Rodríguez) e a Fundación Florencio Álvarez (Marco Vázquez).
     
    Na súa intervención o rexedor destacou a “calidade sobresaínte” das actividades culturais que se están a programar dende o Concello nesta primaveira e que ofrecen “uns precios moi asequibles” para os ourensáns.
     
    Respecto a esta cita musical destacou a presenza na cidade das Burgas de “figuras de primer nivel”. En especial salientou o concerto gratuito que ofrecerá o saxofonista Bill Evans, “un músico que formou parte da banda do mítico Miles Davis” o venres 21 de maio as 23,00 horas.
     
    Tamén se referiu a “aposta” que este ano o evento fará pola fusión coas actuacións do cantaor Duquende (16 de maio” e “polo que se fai na nosa terra”, co concerto da coruñesa María Toro (o 14 de xuño).
     
    Ademáis agradeceu aos organizadores, Eduardo Rodríguez, do Café Latino e a Marco Vázquez, da Fundación Florencio Álvarez, a súa colaboración para poner en marcha este proxecto que “atrae a moitos afeizoados ao jazz doutros puntos de Galicia”.
     
    Eduardo Rodríguez, do Café Latino, coincidiu en destacar que este ano o Festival aposta por “tocar moitos palos musicais” e que o grande número de participantes levou aos organizadores a “alargar a cita a dous meses, cun concerto por semana”.
     
    Programación (enlace ao programa)
    O Festival comezará o domingo, 8 de abril, coa actuacón as 23,00 horas no Café Latino a cargo do bajista Joe Sander “Infinity”.
     
     Neste mesmo local e a mesma hora actuarán o trompetista Ronald Baker, (11 de abril); o pianista cubano Ivan “Melón Lewis (16 de abril); o guitarrista israelí Gilad Hekselman (22 de abril); o grupo flamenco composto por Josemi Carmona e Javier Colina (24 de abril).
     
    O espectáculo estrela que conta coa colaboración do Concello será a actuación do saxofonista Bill Evans, o 11 de maio na Praza de Santa Eufemia, que será de balde.
     
    O plantel se completa coa actuación do saxo tenor Lew Tabackin (14 demaio); do cantaor Duquende (16 de maio); o saxo tenor Harry Allen (21 de maio); o saxo Kenny Garret (23 de maio) e o grupo da flautista galega María Moro (14 de junio).
     
    O precio da entrada variará entre dez e vinte euros. 
     
    Ourense, 04 de abril de 2018.
     
    Medio milleiro de rapaces e rapazas ourensáns con idades comprendidas entre os oito e os 18 anos converterán esta fin de semana a Ourense na “capital de música e da cultura” con motivo da segunda edición do proxecto Ourencanto, unhas xornadas de participación e convivencia que rematarán o domingo 8 de abril cun grande concerto no Auditorio Municipal de Ourense.
     
    Así o salientou este mércores o alcalde Jesús Vázquez durante a presentación de este evento no salón de plenos do Concello, nun acto no que estivo acompañado pola concelleira de Cultura, Belén Iglesias, polos organizadores, o profesor do Conservatorio Municipal de Música, Carlos Núñez e a directora do coro infantil da Capela Madrigalista Cristina Boado e o vicepresidente da Deputación Rosendo Fernández.
     
    O rexedor destacou que a vindeira fin de semana a cidade das Burgas se converterá nun referente musical pola concorrencia do primeiro encontro das Orquestras Sinfónicas e Coros dos Conservatorios Superiores de Música de Galicia (o venres día 6 ás 20.30 horas no Auditorio Municipal) e a segunda edición de Ourencanto (dende o venres até ao domingo o de abril).
     
    “Trátase dunha iniciativa para achegar as corais aos rapaces entre 8 e 18 anos” para impulsar entre eles “o esforzo do ensaio, e rigor das partituras e a recompensa da actuación en directo”, sinalou Jesús Vázquez.
     
    O alcalde tamén amosou o seu desexo de que esta actividade sirva para acadar “un gran coro infantil” na cidade.
     
    Nesta mesma liña se manifestou a concelleira de Cultura que avogou por que Ourencanto se converta nunha “canteira de voces” na cidade e vaia máis aló do encontro e formación entre rapaces que rematará cun grande concerto no Auditorio Municipal o domingo, as 19,00 horas.
     
    Os organizadores Cristina Boado e Carlos Núñez coincidiron en resaltar o éxito da convocatoria, que este ano contará coa participación de 500 rapaces procedentes de un total de 15 colexios, dous de eles da provincia de Pontevedra.
     
    Pola súa banda Carlos Núñez confirmou que nesta segunda edición haberá “novidades e sorpresas”. Entre elas salientou que o concerto do domingo, 6 de abril, ofrecerá a estrea mundial dunha obra musicada polo compositor vasco Josu Elberdín, a partires do poema “Terra Maina”, do compositor ourensán Albino Núñez Dominguez.
     
    Punto de encontro entre a mocidade e a cultura dos coros
    O II Encontro de Coros Infantís, Xuvenís e Escolares, Ourencanto, é unha actividade para que os rapaces ourensáns coñezan de primeira man en que consiste o traballo nunha coral, e nace coa vocación de que se acheguen a esta actividade cultural. O encontro ábrese o seis de abril no Conservatorio Municipal de Música da cidade, e os rapaces ensaiarán sobre diversas partituras entre os días sete e oito de abril.
     
    O domingo, 8 de abril, ofrecerán un concerto de clausura no Auditorio Municipal da cidade, baixo a dirección artística do compositor e director de orquestra vasco Josu Elberdín.
     
    Esta actividade xorde froito da colaboración entre o Concello de Ourense e a Deputación Provincial, e conta coa colaboración da Xunta de Galicia, o Conservatorio Municipal de Música de Ourense, o Coro de Nenos Cantores da Capela Madrigalista, a Federación Coral Galega, Gadis e Abanca.
     
    Páxinas: Primeiro ... 2 3 4 5 6 ... Último 

    Concellería de Cultura
    Concello de Ourense
    2017

     

    Rúa da Canle, 1
           32005 Ourense

     

       988 391 290

    Contacto

     

    Accesibilidade

     

    Permisos

    Cultura nas redes:

     

      Facebook

     

      Twitter

     

      Youtube

    Diseñado y programado por ACV Galaica