CONTACTO

  • prem risco
  • Verán cultural
  • Premio poesía
  • Auditorio
  • EdC
  • Volver

    Ourense, 03 de abril de 2018.-
     
    Ourense acolle este venres un espectáculo de balde nunca antes visto na cidade: o primeiro encontro das Orquestras Sinfónicas e Coros dos Conservatorios Superiores de Música de Galicia. Terá lugar o día 6 ás 20.30 horas no Auditorio Municipal e que é froito da cooperación institucional entre o Concello e a Xunta de Galicia.
     
    O programa consiste na interpretación íntegra de Carmina Burana. Cantata escénica para orquestra, coro e solistas,de Carl Orff, un compositor xermano recoñecido universalmente pola adaptación destes cantos escritos por monxes e xograres ao longo dos séculos 12 e 13, reunidos nun manuscrito descuberto case 700 anos despois. 
     
    Esta montaxe inclúe tamén pequenos intérpretes, de entre 5 e 7 anos de idade, do coro Mini Gaos, e conta coa actuación do Coro de nenos do Conservatorio Profesional de Música de Ourense, dirixido por Cristina Rodríguez, e do que tamén participa o barítono Borja Quiza
     
    O alcalde, Jesús Vázquez, anima a toda a veciñanza de Ourense a que disfruten “dunha posta en escena espectacular, nunca antes vista na nosa cidade, con máis de 200 intérpretes entre instrumentistas e coristas, executando un programa conxunto no que veñen traballando ao longo dos últimos meses”. 
     
    “A idea desta mini-xira que comeza o venres en Ourense, e seguirá pola Coruña, o sábado, e por Vigo, o domingo, xorde da colaboración entre a Consellería de Cultura e ambos Conservatorios Superiores para facilitar a preparación de obras de grande formato, ao tempo que se favorece o coñecemento e a convivencia do alumnado de ambos centros. Pero tamén o de crear un espazo de convivencia durante case unha semana para o alumnado dos dous centros”, sinalou Vázquez Abad. 
     
    Na presentación desta mañá participaron os directores dos Conservatorios Superiores de Música de Galicia, Julio Mourenza, o da Coruña, e Esteban Valverde, o de Vigo. Tamén asistiu a directora do Conservatorio Superior de Música de Ourense e a xefa territorial de Cultura e Educación na provincia.
     
    Ourense, 2 de abril de 2018
     
    O Concello de Ourense convoca un concurso para elixir o cartel anunciador da próxima Festa dos Maios 2018. A Xunta de Goberno Local do pasado xoves aprobou as bases e a convocatoria do certame, que está dotado cun premio de 800 euros para o autor ou a autora da obra gañadora. O prazo de presentación de propostas estará aberto ate o día 21 de abril.
     
    O concurso está convocado desde a Concellería de Cultura co obxectivo de fomentar a participación nas actividades que forman o ciclo festivo da cidade,. Está aberto á participación de toda persoa física ou xurídica, que deberán presentar traballos representantivos e relacionados coa festividade dos Maios na cidade de Ourense. Ademais, deberán incluír obrigatoriamente o texto "Maios, Festa de interese turístico". Posteriormente, un xurado formado por representantes dos servizos técnicos municipais e persoas do mundo da arte elixirán o cartel gañador. 
     
    Os traballos deberanse presentar a través do Rexistro Xeral do Concello. As persoas interesadas poden consultar as bases na páxina web da Concellería de Cultura.

    (na imaxe está o cartel gañador do ano pasado)
     
    Ourense, abril de 2018.-
     
    O V ciclo de música “Enclave de Cámara” presenta, á volta da semana santa, o chelista donostiarra Iagoba Fanlo, xefe do departamento de corda do Real Conservatorio Superior de Música de Madrid e colaborador docente da Royal Academy of Music de Londres, interpretarando tres das seis suites para violonchelo que Johann Sebastian Bach compuxo ao redor do 1720. Posiblemente, un dos grandes monumentos musicais da historia para solo instrumental. Será o vindeiro xoves 5 abril no Teatro Principal de Ourense, con entradas entre os 5 e os 8 euros.
     
    Iagoba Fanlo, que actúa cun violonchelo construído en 1746 por Guillamí, ten actuado como solista nos máis prestixiosos auditorios do mundo xunto á London New Sinfonia, Saint Petersburg’s Chamber Orchestra, Euskadiko Orkestra ou a Orquestra Nacional de Panamá, entre outras. É un artista con vocación pedagóxica e cun repertorio que vai dende o barroco ata a contemporaneidade, e en 2009 ofreceu a primeira audición da obra inédita para violonchelo e piano de Pau Casals por petición da propia Fundación Casals.
     
    A súa gravación de música para violonchelo e piano da Xeración do 27, así coma o disco coas suites de Bach que interpretará en Ourense, recibiron as mellores críticas e foron recomendados por medios especializados como CD Compact, Ritmo, The Strad e Scherzo.
     
    No haber do chelista vasco está tamén ser violonchelo solista da European Union Youth Orchestra e Orquestra de Cámara de Nagaokakyò (Xapón), traballando ademais con directores como Carlo María Giulini, Mistislav Rostropovich, Bernard Haitink, K. Sanderling, G. Prêtre, R. Norrington ou Colin Davis. Actualmente é director artístico do Concurso Nacional de Vilonchelo “Florián de Ocampo” e asociado da Royal Academy of Music of London.
     
    Tras o recital de Iagoba Fanlo, quenda do innovador Ensemble Praeteritum, que actuará o 3 de maio en Ourense interpretando obras de Vivaldi, e do virtuoso pianista ruso Nicolai Lugansky, que pechará a tempada de cámara o 7 de xuño no Teatro Principal.

    Programa do concerto
    I Parte
    - Johann Sebastian Bach (1685-1750) | Suites para Violonchelo Solo
    - Suite nº 1 en Sol Maior BWV1007 (17’) | Prélude | Allemande | Courante | Sarabande | Menuets I et II | Gigue
    - Suite nº 3 en Do Maior BWV1009 (20’) | Prélude | Allemande | Courante | Sarabande | Bourrées I et II | Gigue
    II Parte
    - Johann Sebastian Bach (1685-1750) | Suites para Violonchelo Solo
    - Suite nº 6 en Re Maior BWV1012 (26´) |Prélude | Allemande | Courante | Sarabande | Gavottes I et II | Gigue
     
    O Enclave de Cámara está organizado polo Concello de Ourense e conta coa colaboración da Deputación Provincial de Ourense, do Teatro Principal e da Corporación Radio e Televisión de Galicia.
     
    Ourense, marzo de 2018.
     
    O Concello de Ourense convoca unha nova edición, a número 34, do Premio de Poesía Cidade de Ourense. Dotado cun premio de 6.000 euros máis a publicación de 150 exemplares do libro, está aberto á participación de autores e autoras que presenten obras escritas en galego ou en portugués. As obras que se presenten teñen que ser orixinais e inéditas, cun mínimo de 600 versos de extensión. Non poderán participar autores e autoras que gañaran o premio nas cinco últimas edicións.
     
    As obras deberanse presentar baixo lema, nun sobre pechado, podendo presentar a mesma persoa máis dunha obra, sempre e cando cada unha se presente de forma independente.
     
    O Xurado cualificador será nomeado pola Concellaría de Cultura, estará integrado por personalidades das letras galegas e portuguesas, a persoa gañadora do ano anterior e representante da Corporación que exercerá a presidencia. A súa decisión será inapelable e terá lugar no mes de xuño. A persoa beneficiaria do premio recibirá gratuitamente 25 exemplares da obra publicada e formará parte do xurado na seguinte edición.
     
    O prazo improrrogable de presentación de traballos ao concurso rematará ás 14 horas do 20 de abril de 2018. A entrega farase no Rexistro do Concello de Ourense (Praza Maior, s/n), directamente ou por correo certificado. As persoas que concorran desde Portugal poderán facer entrega dos traballos na Cámara Municipal de Vila Real dentro dos mesmos prazos. 
     
    O xornalista e poeta portugués Fernando Fitas, con “Subversiva liturgia das máos” foi o gañador do premio na súa edición anterior, a número 33. A súa obra foi elixida entre as 29 que concorreron ao certame por unanimidade por un xurado integrado por Luís González Tosar, poeta e presidente do Pen Club Galicia; Xurxo Alonso, poeta gañador da edición anterior; Edelmiro Vázquez Naval, poeta ourensán; Sara Martiñá, profesora de lingua e literatura galegas; e Mª Hercília Agarez, en representación do Grémio Literário Vila Realense. 
     
    Na edición anterior, 2016, o gañador fora Xurxo Alonso, consolidado escritor vilagarcián pola obra “Cartas da fronteira”. O xurado desta edición, á que concorreran 57 traballos, estivo composto por Isabel Alves, Fernando de Castro, Luciano Rodríguez, Amalia Moreiras, e Luís González Tosar.

    Enlace ás bases completas.
     
    Ourense, 28 de febreiro de 2018
     
    O Auditorio municipal de Ourense acollerá o sábado, 3 de marzo, ás 20:30 horas a estrea de “Sénior”, a nova produción de Culturactiva. A obra une sobre o escenario a dous grandes das artes escénicas galegas: Luís Iglesia e Marcos Orsi, para planear “unha reflexión en clave de humor acerca das problemáticas típicas dos cincuenta anos”, en palabras de Luís Iglesia. 
     
    O texto, orixinal e dirixido por Avelino González, aborda temas como a saúde, o desemprego ou a necesidade de usar lentes, entre outros, propios desta etapa na que “es demasiado novo para ser vello e demasiado vello para ser novo”, en palabras de Iglesia. “A cuestión é non chorar -dixo pola súa banda Marcos Orsi-, e falar do ben que se está nesa idade, na que tes experiencia e tes forza”. 
     
    A concelleira de Cultura, Belén Iglesias, o programador do Auditorio, técnico Manuel Freire e os dous actores presentaron a obra esta mañá no salón de plenos do Concello. A concelleira salientou a boa resposta de público que está a acadar o espazo municipal nos espectáculos programados, e puxeron en valor a satisfacción do Concello de que a primicia desta obra sexa na nosa cidade.
     
    Durante esta semana, o auditorio acollerá espectáculos tan atraentes como a obra “Elisa e Marcela” de A Panadería, mañá, xoves, 1 de marzo, ás 20:30 horas. Interpretada por Areta Bolado, Noelia Castro e Ailén Kendelman, conta con 6 nominacións aos premios María casares, incluída mellor obra, dirección e actriz. O venres 2, ás 18.00h, a sala apego acollerá “Contos do Chupete”, de Migallas Teatro, para bebés de ate 3 anos. O sábado ás 20:30h será a quenda de “Sénior”, de Culturactiva e o domingo, 4, o doa programación infantil, con “Peter Pan e Wendy-”, de El perro azul, ás 12,00h.

    Toda as entradas en ataquilla.com.
     
    Ourense, febreiro de 2018.
     
    A artista ourensá Tareixa Taboada presenta Zoon Politikon no Museo Municipal, unha exposición composta por medio cento de obras nas que podemos atopar retratos, escenas circenses, bronces da Iberia e mesmo un misterioso asasinato por resolver. A exposición permanecerá até o mes de abril nas salas 1 e 2 do Museo Municipal, e quere reivindicar a experiencia individual fronte á arte lonxe da “tiranía da felicidade e do mercado da arte, que é efémero”, dixo na persentación.
     
    Inundada de cromatismo, con tons fortes e vivos, Zoon Politikon preséntase coma unha exposición interactiva: “A arte ten que impactar e divertir”, dixo Tareixa Taboada na súa presentación, “se hai necesidade de explicala non vale para nada”. 
     
    Na primeira planta do Museo atopamos a galería “freak show”, unha homenaxe aos personaxes circenses que, no seu momento, foron exhibidos con crueldade, pero que atesouraban un gran interior. Pero tamén está a “Iberia”, un conxunto de óleos e bronces que nos levan ao século III a.C. Pasados polo filtro da artista. Na segunda planta, un “Asasinato sen resolver”, unha forma de que os visitantes consideren o Museo un lugar divertido e un reto a través da arte. Porque esta, en palabras da artista, “debe ser humana, sensible e pasional”.
     
    Zoon Politikon inaugurarase esta mesma tarde ás 20 horas, e poderá visitarse no Museo até o 1 de abril no seguinte horario: de martes a sábado, en horario de 11:00 a 13:30 horas e de 18:30 a 21:30 horas, e os domingos de 11:00 a 13.30 horas. Os luns, o Museo pecha. Durante todo este tempo, a exposición recibirá a visita de centros escolares no ánimo de facer do Museo un recurso didáctico, en palabras da concelleira de Cultura, Belén Iglesias.
     
    Ourense, 16 de febreiro de 2018.
     
    O festival internacional de música de Ourense, Pórtico do Paraíso, presentou esta mañá no salón de plenos á súa décimo primeira edición. “Logo dunha década facéndonos soñar con propostas musicais de excelente nivel en auditorios inimaxinables, segue o seu camiño sen perder a capacidade de sorprendernos”, anunciaba o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, durante a presentación. Celebrarase do 2 ao 11 de marzo e, entre as novidades máis importantes, cómpre salientar a incorporación das igrexa de Santo Domingo, en Ourense, e de Santa María de Gracia, en Monterrei, e da Colexiata de Xunqueira de Ambía. Teatro Principal, Liceo, Museo Arqueolóxico e Catedral completan a nómina dos lugares escollidos para esta edición.
     
    En canto aos nomes propios, o gaiteiro Carlos Núñez ofrecerá o concerto inaugural na Catedral de Ourense cos mesmos instrumentos representados na pedra policromada do século XIII, que cobran vida no lugar mesmo no que foron tallados grazas ao bo labor do taller dirixido por Manuel Brañas, da Deputación de Ourense. Para asistir ao concerto haberá qu8e retirar as invitacións na Oficina de Turismo de Ourense o propio venres, día 2. 
     
    Elenco internacional
    Tamén estarán os suízos Arianna Savall e Petter U. Johansen (voz, harpa, hardingfele e cistro); o Vida Guitar Quartet, do Reino Unido; Wolodymyr Smishkewych (voz e organistrum), desde os EUA até o Museo Arqueolóxico; o italiano Marco Beasley (guitarra barroca e laúde); ou o sexteto vocal esloveno Ingenium Ensemble.
     
    “Cada concerto é singular e irrepetible, polo que destacar un faise especialmente difícil. Porén, a clausura no Teatro Principal promete ser un evento único coa actuación de Antonio Serrano, harmónica do mestre Paco de Lucía, fusionando os ritmos flamencos co jazz de Albert Sanz ao piano”, confesaba  rexedor na rolda de prensa.
     
    Na presentación tamén estiveron presentes a concelleira de Cultura, Belén Iglesias; o vicepresidente da Deputación, Rosendo Fernández, quen se felicitou pola “equidade cultural” deste festival que adquire dimensión provincial, o director artístico do Pórtico do Paraíso, Juan Enrique Miguéns, que quixo salientar a efeméride do propio Pórtico do Paraíso da Catedral -“cúmprense 800 anos”, dixo-; así coma o alcalde de Monterrei, José Luis Suárez; e o concelleiro de Cultura de Xunqueira de Ambía, Rubén Seara.
     
    Formación
    O Pórtico do Paraíso continúa co seu firme propósito de combina o pracer de escoitar co de aprender grazas ao seu labor divulgativo e formador de vocacións. Así, haberá un curso de guitarra con Mark Ashford e un encontro con Wolodymyr Smishkewych no Conservatorio de Música de Ourense.
     
    Segundo a acta da sesión do xurado do concurso de comparsas e carrozas do Entroido 2018, e trala deliveración unha vez rematado o desfile, os premiados son os seguintes:
     
     
     
    Comparsas con menos de 10 compoñentes:
     
    1º.- Altos Vuelos (400€)
     
    2º.- Princesas Rusas (300€)
     
    3º.- Ovos Sorpresa (200€)
     
     
     
    Comparsas con máis de 10 compoñentes:
     
    1º.- El Gran Musical (900€)
     
    2º.- Visitantes na rúa (700€)
     
    3º.- Os do Freixo (500€)
     
     
     
    Especiais comparsas:
     
    A máis numerosa: Cuatro Pasos Africanos (300€)
     
    A máis ocorrente ou graciosa: A Fraga da Ribeira Sacra (300€)
     
    Mellor animación musical: Visitantes na rúa (300€)
     
    Mellor deseño: Os Cervexeiros de Canedo (300€)
     
    Mellor animación: Os Arrieiriños de Dacón (300€)
     
     
     
    Raíña do Entroido: Renata Tijerino "Ninfa do Miño" (600€)
     
    Páxinas: Primeiro ... 3 4 5 6 7 ... Último 

    Concellería de Cultura
    Concello de Ourense
    2017

     

    Rúa da Canle, 1
           32005 Ourense

     

       988 391 290

    Contacto

     

    Accesibilidade

     

    Permisos

    Cultura nas redes:

     

      Facebook

     

      Twitter

     

      Youtube

    Diseñado y programado por ACV Galaica