CONTACTO

  • #FestasOurense
  • youtubeiras
  • MMOu
  • EdC
  • Volver

    Ourense, 30 de setembro de 2013.- A programación cultural do último trimestre deste 2013 para o Auditorio Municipal comeza coa ópera L´elisir d´amore, que terá lugar o próximo mércores día 2 a partir das 20.30 h.

    L´elisir d´amore, é de Gaetano Donizetti, e estreouse por primeira vez en Milán en 1832. A soprano galega Laura Alonso, encabeza o elenco desta obra operísima de corte cómico. A propia soprano, estivo esta mañá na presentación, acompañada da concelleira de Educación e Cultura, Ana Garrido. A dirección musical corre a cargo de Diego Martín, e a representación contará coa orquestra e o coro Gregorio Baudot; co tenor Juan Antonio Sanabria no papel de Nemorino, o barítono Enrique Sánchez como Belcore, Eric Mauricio Torres representando ao Doctor Dulcamara, e a soprano Ana Ochoa como Gianetta.

    A organización do espectáculo corre a cargo da compañía galega Galiópera, e conta coa colaboración do Concello de Ourense. As entradas están á venda en www.servinova.com a partir de 10 €, ou tamén o propio día, desde dúas horas antes na billeteria do Auditorio.

     
    Ourense, 30 de setembro de 2013
    O 18 Festival de Cine Internacional de Ourense (18OUFF) presentouse esta mañá dando unha mostra máis da “enorme vitalidade da actividade cultural da cidade”, en palabras do seu alcalde, Agustín Fernández. Xunto a el, a responsable da sección de Cultura, Ana Garrido, destacaba a importancia de recibir “215 filmes procedentes de 44 países diferentes, algún deles comparecendo por vez primeira no Festival, caso de Kosovo ou Guiné Bissau, e nun tempo récord”. Porén, os datos máis significativos da recepción son os referidos ao cinema español: do total dos traballos, “77 son de procedencia nacional, aos que habería que engadir outros 22 procedentes de Galicia”, segundo os datos que achegou César Silva, coordinador da Programación do 18OUFF.

    No referente aos números da recepción, recibíronse un total de 136 longametraxes (8 máis que en 2012). Por países destacan España (48), Alemaña (14) e Estados Unidos (8). Tamén se recibiu un número considerable de curtametraxes (47) e documentais (36 en total, 17 españois).
     
    No tocante á temática, hai que destacar os conflictos de todos os tipos de parellas (heterosexual, gai, lésbica...), os problemas de xuventude e o drama da descomposición familiar.


    Evolución de número de longametraxes recibidas no OUFF
    2005 2006 2007 2008 2009 2010 2011 2012 2013
    62 41 79 132 125 197 197 128 136

    Deste total extraeranse os 10 filmes que participarán na selección oficial competitiva, así como os filmes que integrarán os diferentes ciclos fóra de competición. E é que o 18OUFF aínda está en fase de selección, pero hoxe sóubose xa un dos primeiros títulos que se poderán ver durante o festival.

     

    Pedro Olea, premio Cidade de Ourense 2013, estrea 'La Conspiración'

    O director vasco (Bilbao, 1938) é un dos directores españois máis importantes e respectados da historia do cine español, premiado en festivais coma o de San Sebastián, a Seminci de Valladolid ou Málaga, entre outros.
     
    A súa relación con Galicia vén de lonxe, coa rodaxe do documental sobre a gastronomía galega Xantares, basado nun texto de Alvaro Cunqueiro. Pero non é até 1971 cando se achega a Ourense para gravar El bosque del lobo, Premio Especial do Xurado na Seminci de Valladolid.
     
    Inspirado na vida de Manuel Blanco Romasanta, o filme rodouse en varias vilas da provincia, de forma especial no concello de A Bola.
     
    O 18OUFF acollerá o que polo de agora é o seu último traballo: La conspiración (España, 2012). Con guión de Elías Querejeta e reparto encabezado por Manuel Morón, Silvia Marsó, Jorge Sanz, Álex Angulo ou Alicia Borrachero, trátase dun filme sobre a Guerra Civil e o general Mola.

    Un cartel inspirado en El Verdugo

    Un dos puntos fortes da presentación desta mañá era a presentación do cartel. “Para referirnos a el debemos botar a vista atrás”, dixo a concelleira Ana Garrido. “Primeiro, para lembrar a figura de Luis García Berlanga, que na décima edición do Festival pasaba pola cidade para recoller este mesmo galardón. E é que en 2013 cúmprense 50 anos da estrea de El Verdugo (España-Italia, 2013), premio Fipresci da crítica no Festival de Venecia e unha obra mestra do humor negro en España”.

    Nesta película e no cartel da mesma está inspirado o cartel deste 18OUFF. Remontámonos ao 1963, cunha España en crise, gobernada baixo unha férrea ditadura militar, e onde os recortes en aspectos tan básicos como a dignidade personal e no traballo facían que a xente sentise a necesidade de emigrar (a Alemaña, no caso do protagonista de El Verdugo) para sobrevivir.
     
    O cartel, que por terceiro ano consecutivo ve a luz na propia oficina do Festival de Cine, está formado por tres elementos básicos: un fondo de papel de estraza, “que nos recorda moito aos paquetes cos que os nosos emigrantes envolvían as súas pertenzas ao deixar o fogar”, segundo apuntaba César Silva; o número 18, que fai referencia á actual edición do Festival; e a alongada sombra da Calpurnia, que malia ser o trofeo representativo do Festival dende a primeira edición, aínda non aparecera reflectida en ningún dos carteis até o de agora.
     
    Se nos tempos de Berlanga era a alongada sombra do verdugo a que sobrevoaba sobre o cartel, neste 2013 é a Calpurnia a que planea sobre o evento cinematográfico máis importante de Ourense e de Galicia.

    Todas as novidades sobre o 18 Festival iranse anunciando a través da súa páxina web e a través das canles habituais de Facebook e Twitter. 
    Ourense, 26 de setembro de 2013.- O Auditorio Municipal acolleu esta mañá a presentación da programación para os últimos meses deste 2013. Arredor de 50 espectáculos conforman este programa, que supón unha aposta por actividades de primeiro nivel, e oferta para todos os públicos.

    Catro ámbitos principias sosteñen a oferta da Concellería de Cultura para este outono – inverno. No ámbito do teatro, onte presentábase a VI edición do Festival Internacional de Teatro de Ourense (FITO), que comeza o 5 de outubro; Cine, o Festival de Cine de Ourense – que se presentará nestes días, será entre o 16 e o 24 de novembro -; Programación Infantil, consolídase a oferta de teatro infantil os domingos pola mañá tras varias edicións con cada vez máis público; e a programación xeral, que traerá a Ourense unha variada oferta de actividades.

    A programación, foi presentada polo alcalde, Agustín Fernández, a Concelleira de Educación e Cultura, Ana Garrido, e o Técnico da Cultura, Manuel Freire. A primeira cita desta tempada, xa teremos o día 2 de outubro, coa visita da ópera L´elisir d´amore, da soprano Laura Alonso. 

     
    Ourense, 26 de setembro de 2013.- Entre os días 5 e 18 de outubro terá lugar unha nova edición do Festival Internacional de Teatro de Ourense (Fito). Esta edición, xa é a sexta, e se fai gracias ao esforzo colaborador do Concello de Ourense, a través da Concellería de Cultura, da Deputación de Ourense, e da Universidade de Vigo.
    En total serán 14 espectáculos teatrais de compañías galegas e do resto de España, ademáis de Chile, Dinamarca, Arxentina…Tamén actividades paralelas: animación de rúa, máster class de teatro e obradoiro.
    Podes consultar a programación no seguinte enlace. 

    Ourense, 24 de setembro de 2013.- O vindeiro venres o Auditorio Municipal acolle a estrea da obra de teatro ama – dor. Está dirixida á maiores de 16 anos, e o 50 % da entrada destinarase á colaboración con cáritas, para o colectivo de mulleres vítimas das prostitución. Será a partir das 21.00 h, e ten un prezo de 3 €.Ama – dor, é froito dunha coprodución galaico – portuguesa entre a compañía ASTA (Portugal), e a compañía galega Trécola.

    A presentación tivo lugar esta mañá, e nela estiveron as Concelleiras de Cultura, Ana Garrido, e Igualdade e Benestar Social, Marga Martín, acompañados de Tegra Vázquez – Trécola Teatro – e Rui Pires – da compañía ASTA - con Raquel Doval, en representación de Cáritas. A propia Raquel Doval, impartirá mañá unha conferencia titulada “Míralas: elas teñen voz, ti as podes ver”. Será a partir das 19.30 do serán no Centro Cívico Colón.

    Ama - dor é un espectáculo no que veremos mulleres con soños que se viran en pesadelos. Mulleres, prostitución, poder económico, redes. Mulleres tratadas desde a máis extrema indiferenza, violadas, forza, escravas. Mulleres coma ti, coma min, coma a túa veciña, a túa filla, irmá, nai, avoa... mulleres como mercadoría, enganadas, roubadas... milleiros de mulleres, mulleres...

    A obra de teatro enmárcase dentro do proxecto ad Theatrum, un traballo de investigación e reflexión sobre un dos grandes problemas da nosa sociedade, o tráfico de seres humanos. Está dirixido polo creador Rui Pires, os equipos artísticos e técnicos están compostos por integrantes das dúas compañías. A temática pretende amosar a realidade de persoas que buscan en Europa, no noso país, na nosa cidade unha fuga para a miserable vida que levan nos seus países de orixe.

     

    Ourense, 10 de setembro de 2013.- A concellería de Cultura, a través do Festival de Cine, colabora cun ciclo de documentais que comeza mañá mércores nas escaleiras da Igrexa de Santa María Nai (na Praza Maior). A idea está desenvolvida pola produtora Aleuto Medios Dixitais, e trata de mostrar proxeccións audiovisuais realizadas por autores galegos. As proxeccións serán ás 22.00 horas dos mércores de setembro ata o 2 de outubro incluído.

    Este primeiro mércores día 11, proxectarase o documental “Señora de”, dirixido por Patricia Ferreira, que mostra as testemuñas de varias xeracións de mulleres ás que a historia nin sequera lles permitiu soñar. Testemuñas variadas que representan un amplo espectro de mulleres de diferentes realidades, e que enfrontan por primeira vez os seus recordos e falan do que foi a súa vida.

    Os seguintes documentais serán “Contra a morte” – mércores 18 -, un achegamento á figura poética e humana do poeta monfortino Lois Pereiro; “As Encobras” – o mércores 25 -, e “Marea”, o 2 de outubro.

     
    Ourense, 4 de setembro de 2013.-Co comezo do mes de setembro, novas exposicións dan continuidade á programación que o Museo Municipal ten ao longo do ano. Neste caso os protagonistas son Leticia Osorio e César Biojo, que mostrarán os seus traballos a partir de mañá xoves e ata o vindeiro día 29.
     
    O Concello de Ourense inicia desta forma onovo curso, reafirmando o seu compromiso coa consolidación do proxecto museístico neste caso con dous artistas moi implicados co noso Museo. Leticia Osorio e César Biojo, artistas de nova xeración e íntimamente ligados a nosa cidade, inauguran - mañá ás 20.00 horas – unha exposición en resposta a un intercambio de tendencias a obra multidisciplinar duns artistas que circula no mundo da Arte Contemporánea como creadores de grande proxección.
     
    Ambos creadores, viven a súa implicación artística de maneiras plásticas moi diferentes, pero cun grande compromiso intelectual, xerando unha grande cantidade de resultados artísticos contemporáneos, rozando en ocasións un expresionismo abstracto e unha serie de correntes de vangarda achegándose a un realismo a través de sensacións matéricas totalmente atractivas para o espectador. Os propios Fondos do Museo, albergan desde o ano 2010 a obra Marta Gómez III de César, e Autorretrato, de Leticia, obras de grande formato e que responden aos números de inventario 1265 e 1258 respectivamente.
     
    Dende a cuidada programación anual mostramos a nosa implicación profesional e compromiso co ámbito artístico do noso tempo, convidando a todas e todos a disfrutar do Museo de todos os ourensáns.  
    Ourense, 29 de agosto de 2013.- A decimoitava edición do Festival de Cine Internacional de Ourense (18OUFF), que se celebrará do 16 ao 24 de novembro de 2013, empraza un ano máis os creadores galegos a presentar as súas obras a un certame que renova o voto de continuidade e a súa aposta polos filmes máis comprometidos e controvertidos temática e formalmente. A data límite para poder enviar traballos é o 25 de setembro, seguindo as instrucións recollidas na páxina web do Festival, data na que se iniciará o proceso de selección para a selección oficial a concurso [longas de ficción de máis de 60 minutos] e os diferentes ciclos fóra de competición.
    O OUFF fai unha chamada moi especial para os cineastas da nosa terra co desexo de converterse en escaparate e plataforma de lanzamento para os seus traballos, independentemente da súa temática, duración ou formato. 
    Páxinas: Primeiro ... 64 65 66 67 68 ... Último 

    Concellería de Cultura
    Concello de Ourense
    2017

     

    Rúa da Canle, 1
           32005 Ourense

     

       988 391 290

    Contacto

     

    Accesibilidade

     

    Permisos

    Cultura nas redes:

     

      Facebook

     

      Twitter

     

      Youtube

    Diseñado y programado por ACV Galaica