CONTACTO

  • Samain e magostos
  • Apego
  • youtubeiras
  • MMOu
  • EdC
  • Volver

    Ourense, 8 de outubro de 2019
     
    O concelleiro de Cultura, Mario González e o promotor do ciclo Carlos Carbonell presentaron esta mañá a sétima edición de Enclave de Cámara de Ourense, que comezará este xoves, 10 de outubro, as 20h no Teatro Principal, coa actuación do cuarteto de cordas e piano formado por Talich e Noelia Rodiles (Chequia e España). O ciclo trata de achegar a música culta a toda a cidadanía, con 8 concertos que se sucederán desde outubro até xuño de 2020, mantendo a súa programación o primeiro xoves de cada mes ás 20h. 
     
    En cada un dos concertos, un grupo ou artista de recoñecido prestixio aboradará un repertorio que nos levará pola historia máis significativa da música, desde Haydn até o máis contemporáneo, personificado no compositor de Ponteareas, Xabier Mariño, ao que o Enclave encargoulle unha obra para esta temporada que será estreada polo sexteto Airas Ensemble en abril. 
     
    O Enclave de Cámara aposta por ofrecer a maior variedade de propostas posibles, desde dúos a tríos clásicos e con piano, non esquecendo o cuarteto de cordas clásico. Ademais do Teatro Principal, tamén acollerán concertos o Liceo (2) e o Auditorio Municipal, que será escenario do último, a cargo da Real Filharmonía de Galicia). O concelleiro de Cultura animou á cidadanía a acudir a estes concertos, destacandpo que “é un luxo” contar con formacións e artistas do nivel dos incluídos no programa.
     
    PROGRAMA DO ENCLAVE DE CÁMARA 
    ANO 2019
     
    XOVES 10 OUTUBRO | CUARTETO TALICH E NOELIA RODILES (cuarteto e piano) – Teatro Principal 
     
    XOVES 7 NOVEMBRO | SIMPLY CUARTET –Gañador do Concurso de Cuartetos de Bordeos 2019  - Liceo 
     
    XOVES 12 DECEMBRO | DMYTRO CHONI (piano) – Gañador do Concurso Internacional de Piano de Santander - Teatro Principal 
     
    ANO 2020
     
    MÉRCORES 15 XANEIRO | CUARTETO BRENTANO - Teatro Principal
     
    XOVES 6 FEBREIRO | ISABEL VILLANUEVA e FRANÇOIS DUMONT (viola e piano) - Liceo 
     
    MÉRCORES 1 ABRIL | AIRES ENSEMBLE (Sexteto) - Teatro Principal
     
    XOVES 7 MAIO | DÚO DEL VALLE (dous pianos) - Teatro Principal
     
    XOVES 4 XUÑO | REAL FILHARMONÍA DE GALICIA  - Auditorio Municipal 
     
    Comezo con Talich e Noelia Rodiles
    No primeiro dos concertos, pasado mañá, xoves, regresa ao Enclave de Cámara Noelia Rodiles, que estivera na III tempada co Trío Lorca e volta agora consolidando a súa traxectoria acompañada do Cuarteto Talich.
     
    Considerado durante moitos anos como un dos mellores cuartetos de corda do mundo, é famoso por representar a Música Checa por Europa, América e Oriente, e con gravación das obras completas de Mozart, Beethoven recibindo numerosos premios internacionais. O Cuarteto Talich foi fundado en 1964 por Jan Talich. Actualmente ten un amplo repertorio que inclúe desde os clásicos tradicionais ate Berg, Schoenberg, Bartok e Schostakovich do s. XX.
     
    Noelia Rodiles formouse nos conservatorios de Avilés, Madrid e Berlín na Escola Superior de Música Reina Sofía de Madrid con Dimitri Bashkirov e Claudio Martínez Mehner. Obtivo o premio á "alumna máis sobresaliente" nas cátedras de piano e música de cámara. A súa traxectoria inclúe concertos nas principais salas de España así como presentacións en Alemaña, Italia, México, Francia, Polonia, Tunisia, Bolivia e Xordania. A súa calidade musical foi recoñecida en concursos nacionais e internacionais de piano. O seu primeiro traballo discográfico obtivo o recoñecemento de "Excepcional do mes" da revista Scherzo.
     
     
    Ourense, 3 de outubro de 2019
     
    O concelleiro de Cultura, Mario González, e o técnico Manuel Freire presentaron a programación de actividades que acollerá o Auditorio Municipal de Ourense durante o último trimestre do presente ano. Tras ser escenario en setembro de presentacións destacadas como a estrea da última montaxe de Sarabela: “Crónicas do Paraíso”, o Auditorio acollerá de outubro a decembro unha trintena espectáculos que porán á disposición do público da cidade unha ampla variedade de modalidades escénicas. Entre elas, o teatro, coa estrea das obras “Todas as marabillas do mundo”, de Producións Dispersas – o 20 de outubro -, e  “O meu mundo non é deste reino”, de Teatro da Ramboia – o 7 de novembro -. Tamén cabe subliñar as obras “Non hai papel”, de Desafora2, con Ángeles Martín -o 7 de novembro” ou “24 horas na vida dunha muller”, con Silvia Marsó – o 16 de novembro- .
     
    Na danza destacan a actuación de Sara Baras – o 7 de decembro -, o certame de danza contemporánea Solodos – o 20 de novembro -, ou o Ballet Nacional Ruso con O Quebranoces – o 11 de decembro -, e A Bela Dormente – o 12 de decembro -.
     
    Ademais, nos tributos musicais hai que subliñar a Michael Jackson – o 9 de novembro -, ou Mecano – o 10 de novembro -; e no humor a Moncho Borrajo -venres, 11- Luis Zahera  e Osvaldo Digón– o 2 de novembro -, ou Goyo Jiménez – o 15 de novembro -. 
     
    Son algunhas das propostas, que se suman á programación estable dirixida ás familias que o Auditorio acolle cada domingo. A programación desenvólvese coa colaboración da Agadic.
     
     
    Ourense, 3 de outubro de 2019
     
    O Museo Municipal inaugurará mañá, venres, 4 de outubro, ás 19:30 horas a exposición “Fragmentos de existencia”, do artista ourensán Francisco Ramos, que estará aberta ao público até final de ano na sala III do Museo da rúa Lepanto. A mostra consta dun total de 20 acuarelas de formato medio-grande e un óleo sobre táboa. 
     
    Francisco Ramos, natural de Morgade (comarca da Limia) é un artista que sente a textura acuosa da acuarela a través das cores de diversa natureza, integrando de forma diferente e atrevida tons fríos e cálidos, facendo xurdir dunha captura previa do natural unha abstracción paisaxística. 
     
    O Museo Municipal acolle tamén ata final de ano, nas salas I e II a exposición “Inquietudes” de Fernando Prieto, formada por unha colección de 30 obras sobre lenzo do pintor coruñés. Esta mostra inaugurarase hoxe ás 20.30h.

     (Tríptico da exposición)
     
     
    Ourense, 2 de outubro de 2019

    O Museo Municipal acollerá desde mañá, xoves, 3 de outubro a exposición “Inquietudes” de Fernando Prieto. A mostra, formada por unha colección de 30 obras sobre lenzo do pintor coruñés, inaugurarase mañá, ás 20.30 horas, e permanecerá aberta ao público até final de ano nas salas I e II do Museo da rúa Lepanto. 
     
    Fernando Prieto é un artista hiperrealista dunha grande calidade pictórica. Desde moi cativo manifestou a súa inclinación cara ao debuxo e a pintura, participando á idade de 13 anos na súa primeira exposición, nunha sala do Concello de Ferrol. Realizou os estudos de perito mercantil, sen abandonar nunca a súa gran paixón, a pintura. 
     
    Aurelio  Lombera concedeulle unha bolsa na súa academia de Pintura onde, durante cinco anos, compartiu clases con Rogelio Puente e outros destacados pintores coruñeses. Posteriormente, asistiu outros cinco anos ao estudo de Vidal  Lombán, pintor ourensán afincado na Coruña.
     
    A súa pintura é realista, pero máis aló da mera diversión plástica, a súa intención é trasladar o espectador desde os obxectos e as figuras humanas a outra profundidade. As mans, os zapatos vellos, as froitas, as pezas de vestir..., represéntanse de forma  hiperrealista, mais perden o seu significado real para alcanzar a magnitude sensorial. Detrás do  Hiperrealismo Subxectivo que define Prieto, existe un certo surrealismo, que se apoia en imaxes-símbolo que transcende a aparencia dos obxectos para transportarnos a un mundo  onírico e poético, elixindo unha vía de traballo semellante á proposta por Magritte.
     
    A súa obra forma parte de numerosas coleccións públicas e privadas, tanto en España como en Estados Unidos. 

     (Tríptico da exposición)
     
    Ourense, setembro de 2019
     
    A Concellería de Cultura do Concello de Ourense reforzará este ano a programación da actividades do Samaín, incorporando como novidade a organización da Noite da Santa Compaña, que servirá de colofón as actividades do día 31 de outubro. A proposta consiste na realización de distintas procesións que xurdirán desde varios puntos da cidade, percorrerán as rúas coas luces apagadas e finalmente confluirán nunha gran festa que rematará na Praza Maior.
     
    Desde a Concellería de Cultura convídase aos grupos que o desexen a vestirse e sumarse ás procesións, recreando libremente o que para elas representa a Santa Compaña. Proximamente anunciaranse os percorridos e a programación concreta.
     
    Para inscribirse, débese enviar un correo electrónico á Concellería de Cultura (cultura@ourense.es), especificando o nome da persoa responsable, o número de participantes e o contacto (teléfono). 
     
    A tradición da Santa Compaña 
     
    A Santa Compaña é na mitoloxía galega unha procesión de ánimas anunciadora da morte. Segundo a lenda, estas hostes percorrían as rúas dos lugares para advertir a aquelas casas onde habería unha defunción. Esta historia popular está profundamente arraigada na tradición cultural galega. Agora desde a Concellería de Cultura preténdese recrear cunha grande participación da xente para potenciar esta data tan significativa. 
     
    Carteis Samaín e Magostos
     
    Ademais, a Concellería lembra que ata o día 10 de outubro está aberto o prazo para presentar traballos ao concurso para a elección dos carteis anunciadores das festas do Samaín e os Magostos.
     
    Ourense, 19 de setembro de 2019
     
    A compañía ourensá Sarabela Teatro estreará esta fin de semana no Auditorio a súa nova montaxe: Crónicas do Paraíso, con dúas sesións, o sábado 21, ás 21:00h e domingo 22 ás 20:00h. Esta mañá tivo lugar a presentación do espectáculo, na que participaron Mario González, concelleiro de Cultura, Sandra Quintas, xefa territorial da Consellería de Cultura e Turismo en Ourense, Gonçalo Guerreiro, director do espectáculo e Fernando Dacosta, responsable do texto.
     
    Crónicas do paraíso é unha versión libre de As Crónicas do Sochantre de Álvaro Cunqueiro. A trama orixinal de Cunqueiro sirve para dar forma a unha nova estructura narrativa habitada polo universo do crime. Manténse a liña xeral da historia do Sochantre de Crozon que a cambio de exercer as súas funcións musicais no funeral do fidalgo de Quelven recibirá deste un pomar de agasallo. 
     
    Un grupo de 5 personaxes interpretados por tres actrices e dous actores viaxa cara ao funeral do fidalgo de Quelven. Durante aproximadamente unha noite e un día, o tempo que dura a acción, confúndese a morte coa vida e o drama coa comedia.
     
    A obra estrearase na cidade de Ourense e logo iniciará unha xira que a levará por diferentes cidades. As entradas, desde 5 euros, pódense adquirir na páxina web www.ataquilla.com, na sala de Exposicións Afundación e na billeteira do Auditorio dúas horas antes da función. 
     
    Ourense, 16 de setembro de 2019
     
    O Concello de Ourense ten decidido recuperar a Semana Sacra na cidade, logo de catorce anos de parón, co que se poñerá en marcha a súa vinte e catro edición. Sobre está cuestión, o alcalde, Gonzalo Jácome, destaca que o Certame de Música Sacra, que se celebra anualmente uns días antes da Semana Santa, con bastante éxito na cidade, substitúe ao que considera “o dispendio” do Pórtico do Paraíso. Ademais de que será o propio Concello, a través da Concellería de Cultura, quen asuma organización do evento, evitando desa forma intermediarios, cos correspondentes custos que tiña para as arcas municipais. Será a partir do próximo ano, e o obxectivo do Concello é fortalecer a programación, reducir custes, e manter a filosofía do certame, coa posibilidade de incorporar tamén a música de cámara.
     
     
    Ourense, 14 de setembro de 2019.
     
    A Concellería de Cultura abre o prazo de presentación dos carteis anunciadores para as festividades de Samaín - Festa de Todos os Santos, 31 de outubro -, e a dos Magostos – 11 de novembro -. Poderá concursar toda persoa física ou xurídica, excepto as persoas gañadoras da anterior edición no caso de que aceptaren formar parte do xurado. O premio do concurso para o deseño do cartel dos Magostos estará dotado con 800 €, e o de Samaín con 600 €. O prazo de presentación de orixinais permanecerá aberto até a segunda semana de outubro.
     
    Os traballos serán entregados no Rexistro Xeral do Concello nun sobre, onde figurará “Concurso carteis Samaín 2019” e “Concurso carteis Magosto 2019”, acompañados dunha declaración de responsabilidade da súa autoría e do seu carácter inédito, e debaixo un pseudónimo ou lema, así coma cos datos de identificación, enderezo e teléfono. Só se abrirán os sobres das obras que resulten seleccionadas. O xurado valorará o conxunto de debuxos presentados tendo en conta a adecuación á temática, a orixinalidade e a calidade artística. A decisión do xurado será inapelable.
     
    Os deseños presentados quedarán en poder do Concello de Ourense, mentres que os deseños gañadores serán empregados como imaxe das festividades de Samaín e dos Magostos. Os restantes poderán ser recollidos nos 30 días seguintes á finalización do concurso. 
     
    Samaín 2019. O Samaín deste 2019 inclúe, como novidade, a noite da Santa Compaña. Esta actividade consistirá en desfiles desde distintos puntos da cidade que pasarán polas rúas da zona vella -coas luces apagadas- e con remate na Praza Maior. As procesións da Santa Compaña estarán compostas de diversas animacións escénicas. Ata o ano pasado, as actividades de Samaín remataban coa procesión das cabazas polas rúas da zona histórica. Un desfile para a cativada como colofón á unha tarde de xogos. Agora, esta programación amplíase a todos os públicos, e céntrase en revivir unha das tradicións máis ancestrais galegas. 
     
     
    Páxinas: 1 2 3 4 5 ... Último 

    Concellería de Cultura
    Concello de Ourense
    2017

     

    Rúa da Canle, 1
           32005 Ourense

     

       988 391 290

    Contacto

     

    Accesibilidade

     

    Permisos

    Cultura nas redes:

     

      Facebook

     

      Twitter

     

      Youtube

    Diseñado y programado por ACV Galaica