- AUDITORIO MUNICIPAL
-
MUSEO MUNICIPAL E OUTROS ESPAZOS EXPOSITIVOS
-
CICLO FESTIVO E FESTIVAIS
-
OUTRAS FESTAS E AUTORIZACIÓNS
-
PREMIOS E SUBVENCIÓNS
Concello de Ourense - Cultura - AUDITORIO MUNICIPAL
Ourense, 08 de setembro de 2016.
[Enlace á programación]
O Auditorio Municipal de Ourense vén de presentar, en rolda de prensa, o programa xeral para os meses de setembro e outubro, e que se inicia mañá co espectáculo Alma, corazón e vida. O concerto é unha escolla de recoñecidas cancións de amor e desamor adaptadas á fantástica voz do barítono Borja Quiza, chamado a ser referente absoluto da o circuíto clásico. Rodeado dun elenco de dez músicos, o galego repasará durante dúas horas temas como Bésame mucho, Perfidia ou Piensa en mí. (Sala Principal, 21:00 horas).
Porén, o programa presentado hoxe ten moitas máis propostas. “Tratamos, coma sempre, de combinar fórmulas de espectáculos de éxito xunto co apoio á consolidación doutro tipo de estilos, explicaba a concelleira de Cultura, Belén Iglesias. Desta forma, xunto a recoñecidos nomes como Martirio, Goyo Jiménez ou Sarabela, coa estrea da obra Normas para saber vivir na sociedade actual, o programa inclúe tamén a IX edición do FITO, o NÚ de Nelson Quinteiro, un concerto da Orquestra Sinfónica de Galicia con músicas de cine ou os Contos na Lareira de Quico Cadaval e Cándido Pazó.
Música, baile, cine, teatro, humor, espectáculos infantís... unha programación pensada para todos os públicos e que inclúe recomendacións específicas por parte do Auditorio para a captación de novos públicos.
Setembro, outubro, e avance do que virá
Como novidade, o Auditorio irá presentando a súa programación cada dous meses debido á cantidade de espectáculos cos que se trata desde a oficina de programación do Auditorio. Así, explicaba o técnico Manuel Freire, “a información máis fiable é a curto prazo, porque pode haber cambios”. Sen embargo, o programa inclúe os avances de programación para os vindeiros meses, entre os que aparecen nomes coma o de Los Secretos, o novo espectáculo de Nueria Sotelo ou Edipo, a cargo da Companhia do Chapitô.
Ourense, setembro de 2016.- A Concellería de Cultura organiza a programación infantil para o último cuadrimestre do ano. Serán en total 24 actividades, entre as que se inclúen 5 destinadas a bebés. O primeiro espectáculo será “Unha viaxe polo mundo”, este venres 2 de setembro ás 18h no Auditorio Municipal.
As entradas están á venda en www.ataquilla.com, no teléfono 902 504 500, na Sede de Afundación (Praza Maior, 4) e na billeteira do Auditorio dúas horas antes de cada función.
Ademais, para a maioría das actividades (consultar programa) existe o desconto “Bono á carta”, mediante o cal, pola merca de 5 entradas obterase un desconto do 20% no prezo.
Enlace ao catálogo de programación.
O Conservatorio Profesional de Danza de Lugo presentou esta mañá o seu último espectáculo, Unha gala de cine, que representarán no Auditorio este venres 27 a partir das 20:00 horas. Trátase dun percorrido por 15 películas a través de pequenas coreografías nas que participarán todos os niveis do alumnado do Conservatorio, único centro público de danza de Galicia. A concelleira de Cultura, Belén Iglesias, salientou a variedade de espectáculos que está a acoller o Auditorio: “Estamos tendo moitas actividades de diversos estilos, onde procuramos compensar fórmulas consolidadas con outras máis arriscadas” coma a deste venres.
Isabel Méndez e Raquel González, da dirección do centro, agradeceron a colaboración do Concello e animaron o público en xeral, “pero en especial ás escolas de danza da cidade”, a asistir ao espectáculo, que é de carácter gratuíto até completar aforo.
Entre esas películas está West Side Story, que esta fin de semana escoitarase en sesión dobre no Auditorio de Ourense: o sábado, a partir das 20:00 horas, a sala principal acollerá 30 bailaríns representando a rivalidade de dúas bandas no West End de Nova Iork na década dos 50. O drama leva a que representantes das dúas faccións namoren un do outro... As entradas poden adquirirse en Ataquilla.com ou na billeteira do Auditorio dúas horas antes da función.
O domingo, infantil
Os soños na Gaiola, obra de homenaxe a Manuel María, é a obra que encherá de actividade o horario infantil do Auditorio: o domingo ás 12:00 horas. A través da música e do xogo, os asistentes irán coñecendo os poemas do poeta chairego.
Ourense, 3 de maio de 2016.
“Un berro inxenuo contra o medo. (...) Unha peza en formato íntimo onde os intérpretes se mimetizan coa escenografía e a iluminación coa intención de compartir as súas fantasías, emocións e desexos”. É o punto de partida de Coma e punto, a proposta escénica de Antagonista Teatro, unha nova compañía ourensá que abrirá a intensa semana cultural desta fin de semana na cidade. A obra, presentada esta mañá coa presenza da concelleira de Cultura, Belén Iglesias, e o elenco principal -os actores José Vaquero, Laura Míguez e Fernando González-, contará con pases o xoves e o venres.
“Antagonista contribúe á canteira de grupos de teatro de Ourense”, afirmou a responsable de Cultura na presentación de Coma e punto. Unha compañía que “defende a necesidade dun teatro que entreteña mentres invita os espectadores a mirar ao seu redor e reflexionar sobre o mundo”, dixo. A obra, fala do amor e da perda, das ilusións e dos anhelos nun diálogo permanente cos espectadoras, amosa sen pudor e sen barreiras os resortes do teatro.
Haberá pases o xoves 5 e o venres 6 ás 20:30 horas no Auditorio Municipal.
Paul Lewis (Enclave de Cámara) – Xoves 5. 20:30 horas. Teatro Principal
A alternativa ao teatro o xoves pola tarde é un novo concerto do ciclo Enclave de Cámara, que este xoves trae ao Teatro Principal a Paul Lewis (Liverpool-1972), un dos pianistas máis talentosos do mundo. No seu programa abordará pezas de Schubert, Brahms e Liszt. Considerado por público e crítica de todo o mundo polas súas interpretacións de Beethoven ou o propio Schubert, é un dos pianistas máis capaces, conscientes e equilibrados que existen no circuito, así como unha referencia xeracional en relación aos compositores románticos.
Na casa – Venres 6. 18:00 e 19:00 horas. Auditorio. 3€ (de balde para bebés).*
Os máis pequerrechos da casa (até os seis anos) tamén teñen o seu espazo cultural dentro da programación desta fin de semana. Concretamente, na sala Apego do Auditorio, onde estarán coma Na casa, o último espectáculo de Caramuxo teatro. Unhas montaxe na que, ao redor dunha casiña de madeira, con xardín e moito sol, descubriranlle aos espectadores como unhas poucas casas poden ser unha aldea, e moitas casas poden ser unha cidade.
Ernie Watts Cuarteto – Venres 6. 22:30 horas. Café Latino. 15€
Domina coma ninguén o jazz e o rythm & blues. Toca o saxo tenor, o saxo alto, o saxo soprano e a flauta, e vén acompañado de piano, batería e contrabaixo. Participou na xira de 1981 de The Rolling Stones e en moitos dos álbumes de Mrvin Gaye para a Motown. A cita é o venres ás 22:30 horas dentro do Festival Jazz de Primavera 2016, no café Latino.
Menú de noite – Sábado 7. 20:00 horas. Auditorio Municipal. *
Luis Davila -debuxante de Bueu que ilustra diariamente as páxinas de Faro de Vigo coa súa viñeta de humor- e o polifacético actor arousán Carlos Blanco combinan enxeños e artes para atopar o cóctel perfecto. Un xoguete escénico, un traballo a dúo onde a comedia ten finalmente a cobertura visual que nunca tivo. Con música ao vivo de Budiño e de Kepa Junkera.
Músicas para a paz – Domingo 8. 12:00 horas. Auditorio Municipal. *
A cita dos domingos co teatro infantil vén da man da compañía Mamá Cabra e a súa proposta Músicas para a paz. Un espectáculo apto para todos os públicos no que nos contarán as aventuras de Discordia, unha bruxa que é feliz destruíndo a paz.
Viejóvenes – Domingo 8. 20:00 horas. Auditorio Municipal. *
Dicir Joaquín Reyes e Ernesto Sevilla abondaría para presentar o espectáculo.
Estes dous cómicos chegan a Ourense cum novo espectáculo con motivo dos seus doce anos de traxectoria artística, “ano arriba, ano abaixo” .Humor absurdo e surrealista. Que xa amosaron con Muchachada Nui, La hora Chanante e Museo Coconut, creados e dirixidos por eles mesmos. A partir de 16 anos
* Para todos os espectáculos do Auditorio: Entradas á venda no teléfono de Ataquilla: 902 504 500, nas billeteiras do Auditorio (no horario habitual) e a Sede de Afundación, na Praza Maior, n. 4 (Luns a venres de 9 h. a 14 h. e de 17.30 h. a 20.30 h. Sábados e domingos de 12h. a 14 h. e de 17 h. a 20.30 h.
Ourense, 27 de abril de 2016.
O ourensán -de Verín- Leonardo Vidal, veterano pintor con ducias de exposicións ás súas costas, expón desde hoxe e durante todo o mes de maio as súas últimas creacións no Auditorio de Ourense. A mostra está composta por 32 óleos de temática variada, desde as paisaxes até os bodegóns ou figuras, nas que demostra o seu dominio da luz e da perspectiva. Fuxindo de novas tendencias abstractas, e a través do hiperrealismo, a ollada do pintor engádelle un punto de beleza á nosa contorna máis cotiá.
Nado no Pereiro de Aguiar e afincado en Verín, descubriu a pintura da man do seu pai, afeccionado aos debuxos a lapis, plumiña ou tintas de cores. De formación artística autodidacta, Leonardo procurou o seu camiño a través do realismo e do hiperrealismo para chegar onda a fotografía non chega. “A súa pintura non é realismo estrito”, afirma o académico Francisco Pablos, “senón o aderezo imprecisable do que ve e pinta minuciosamente”.
Desde a súa primeira exposición, no Ateneo de Ourense, percorreu as galerías de todo o estado. Agora, o seu inédito poderase contemplar na planta 0 do Auditorio até o mes de xuño de 9 a 14:00 horas ou no previo das funcións que se realicen na sala principal.
Ourense, 11 de abril de 2016.
A forma das cousas, dirixida por Carlos Álvarez Ossorio, chega este xoves 14 de abril ás 20:30 horas ao Auditorio Municipal. Os actores que dan vida á parella protagonista, Sara Casasnovas e Borja Fernández, presentaron esta mañá a función coa presenza do programador cultural do Auditorio, Manuel Freire, e da concelleira de Cultura, Belén Iglesias. Esta última destacou “o vigor da vida cultural e, sobre todo, das artes escénicas nun mes no que recibiremos os primeiros espadas do panorama nacional e internacional, cuxo exemplo é a Mostra Internacional de Teatro que comeza o venres”.
A obra, cuxa première foi o pasado 18 de marzo no Teatro Colón da Coruña, interpela directamente o público ao reflectir circunstancias habituais da vida e que formula preguntas que, antes ou despois, todos teremos que respostar. A través dun humor afiado e cheo de ironía, 'A forma das cousas' retrata unha sociedade na que as apariencias superan calquera outra consideración.
O texto centra o protagonismo na parella formada por Evelyn (Sara Casasnovas), unha excéntrica estudante de arte, que revoluciona a vida de Adán (Borja Fernández), disposto a todo por lograr a súa atención ante a ollada atónita de Fili (machi Salgado) e Jenny (Victoria Pérez). Na función entra en escena tamén a música ao vivo do pianista Pablo Seoane, que ademais de “converterse nun actor máis, achégalle á obra moita máis verdade”, en palabras do actor Borja Fernández.
En total, 80 minutos de risas e certa tensión dirixidos por Carlos Álvarez Ossorio, quen adaptou o texto de Neil Labute, un dos autores máis prestixiosos da escena americana e considerado o herdeiro natural de David Mamet.
Entradas á venda
As entradas xa están á venda ao prezo de 6 € en Ataquilla.com ou nas billeteiras do Auditorio dúas horas antes do comezo da obra. Recomendada para maiores de 16 anos.
Ourense, 05 de abril de 2016.
A compañía galega Ibuprofeno Teatro representará a súa última producciónm “Raclette”, escrita e dirixida por Santiago Cortegoso, o xoves, 7 de abril, ás 20:30 horas, no Auditorio. A Raclette é un xeito de comer en comunidade inventado polos pastores suízos que, para escorrentaren o frío e a soidade da montaña, se reunían arredor dunha pedra quentada ao lume para ir cociñando nela, a medida que comían, queixo, carne e verduras. Esta raclette urbana e contemporánea une, durante unha cea, dúas tramas que aparentemente non teñen relación, pero que conviven e se entrelazan para rematar contando unha historia terrible que trata temas universais como a morte, a parella, a maternidade, a cobiza e a violencia. As entradas están á venda en Ataquilla, ou no propio Audirorio, e na sede de Afundación, na Praza Maior.
O xoves, ás 20:30 horas, teremos nova cita co ciclo “Enclave de cámara”, coa actuación do Cuarteto Carducci, no Teatro Principal. Con sede no Reino Unido, o Cuarteto Carducci está recoñecido hoxe en día como un dos cuartetos de corda de máis éxito, ofrecendo uns noventa concertos ao ano por todo o mundo. Entradas desde 5 euros.
As actividades culturais da semana continuarán o venres, 7, ás 18:00 horas, no Auditorio, co espectáculo de Uxía e Magín Blanco “Canta o cuco, 2016, ano Manuel María”. Obra para todos os públicos, que fai alusión ao canto do paxaro como símbolo de confianza no futuro, vínculo de compromiso e espertar a enerxía da natureza e a terra. Unha visión contemporánea dos versos de Manuel María.
O Auditorio acollerá o sábado, 8, ás 18:00 horas, “As andanzas de Paio”. Unha espectacular proposta musical a cargo do grupo vigués OVIRAVAI. Acompaña a Paio, un teixugo moi divertido, na súa viaxe arredor do mundo e das músicas dos distintos países que irá visitando. Rock, funki, reagge….todo un mollo de músicas nunha proposta tamén teatral a cargo de catro músicos que non paran quietos nin un segundo. Unha hora de música divertida para coñecer as estacións, para saber como se canta polo mundo adiante, para baixar aos océanos da man de tiburóns simpáticos
Tamén o sábado, ás 21:00 horas, será o turno do xenial violinista Ara Malikian, nun concerto para o que xa se esgotaron as localidades. O espectáculo pretende achegar a música clásica a todos os públicos: desde cativas/os ata as/os maiores. O repertorio está formado tanto por obras tradicionais como por adaptacións para orquestra que veñen do amplo repertorio da música popular do século XX.
Xa o domingo, nova cita co teatro infantil, ás 12:00 horas, co espectáculo “Guela, Guela”, para cativos/as desde 2 anos de idade. Desde sempre, a misión das cegoñas foi a de levar os bebés acabados de nacer aos brazos dos seus papás, voando sempre en grupos ou bandadas. Para iso, foron dotadas duns picos longos e fortes, unhas ás grandes e poderosas e unha forma de voar elegante e firme que lles fai poder percorrer grandes distancias ata chegar aos seus destinos.
Exposicións no Museo Municipal
Os espazos expositivos da cidade tamén incorporarán unha nova proposta: a mostra de ebanistería “Na veta”, realizada pola Escola Antonio Faílde de Ourense, que se poderá visitar no Museo Municipal desde o día 7 de abril ao 1 de maio. Neste espazo expositivo continuará tamén a exposición “Momentos sen tempo”, de Antonio Souto, que prolongará a súa presenza ata o día 8 de maio.
Dous espectáculos para público infantil e outro para público adulto incorpóranse á programación do Auditorio Municipal para este primeiro semestre. As novidades son os espectáculos dirixidos ao público infantil "Pirilampo", teatro de guiñol, para o día 19 de marzo ás 18:00 horas, e "As andanzas de Paio", o 9 de abril no mesmo horario. Xunto a elas, o 22 de abril ás 20:30 horas poderemos gozar da obra dramática "A nosa señora das nubes". Esta obra, dirixida a un público adulto, cóntanos o encontro de dous personaxes expatriados nun espazo e tempo indeterminado. Por medio de lembranzas confusas e memorias fragmentadas buscan recuperar as historias vividas na súa patria, a lonxana Nosa señoras das nubes.
Os cambios, porén, afectan tamén á programación infantil: "O mago de Oz" e "Gretel e Bela" intercambian os seus horarios. Así, o clásico de Dorothy e o País de Nunca Xamáis pasará ao 20 de marzo ás 12:00 horas, mentres que as historias de Gretel (a irmá de Hansel) e a Bela durminte se trasladan ao 24 de abril á mesma hora.
Ademais o espectáculo "Los 10 negritos", previsto para o 19 de marzo, suspendeu a súa xira por Galicia, polo que causa baixa na programación do Auditorio Municipal.
Traslado de O dictador
Xa no ámbito de espazo expositivo que tamén é o Auditorio, a Concellería de Cultura anuncia a retirada temporal da obra 'O dictador', de Quessada (1961), que preside a entrada á Sala Principal. Os motivos son os traballos de restauración aos que será sometido o cadro durante as vindeiras semanas.