- AUDITORIO MUNICIPAL
-
MUSEO MUNICIPAL E OUTROS ESPAZOS EXPOSITIVOS
-
CICLO FESTIVO E FESTIVAIS
-
OUTRAS FESTAS E AUTORIZACIÓNS
-
PREMIOS E SUBVENCIÓNS
Concello de Ourense - Cultura - AUDITORIO MUNICIPAL
Ourense, 16 de decembro de 2019
O Auditorio de Ourense acollerá este xoves, 19 de decembro (20:30 horas) a representación de “Commedia”, obra gañadora do Premio de Teatro María Casares 2019 ao mellor espectáculo do ano. Dirixida por Cándido Pazó, a montaxe de Contraproducións revisita, 25 anos despois, a obra “COMMEDIA un xoguete para Goldoni”, que tras estrearse en 1993 na Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia (MIT) acabou sendo un dos fitos do teatro galego, con máis de 200 funcións en xira por España, Portugal y Francia.
Arlecchino atopa unha carta de amor no mandil da súa muller e, erradamente, pois a carta non era para ela, pensa que ela o engana. Desesperado, quere matarse. Pero deteno unha misteriosa voz que vén de ningures e que lle dá un anel máxico que ten a extraordinaria propiedade de facer perder a memoria a quen o pon. Arlecchino esquéceo todo. Pero, como dano colateral, esquece tamén a noción das convencións sociais. A partir deste arranque argumental sucédense unha serie de divertidos equívocos e enxeñosos enredos nos que participan algunhas das principais figuras da “commedia dell ́arte”: o cutre taberneiro Brighella, o pedante Dottore, o avaro Pantalone, o fanfarrón Capitano, a encantadora Arxentina...
As entradas, desde 3 euros, pódense adquirir en ataquilla.com, na sala Afundación na Praza Maior ou no despacho de billetes do Auditorio dúas horas antes da función.
A programación cultural da semana inclúe tamén a inauguración da exposición de Carmucha Vázquez Prats, o xoves, ás 20.00 horas, na Sala Valente. No Museo Municipal tamén está abertas ao público dúas exposicións: Fragmentos de existencia, de Francisco Ramos e Inquietudes, de Fernando Prieto
Ourense, 9 de decembro de 2019
O Ballet Nacional Ruso será esta semana o protagonista da programación de actividades que desenvolve o Concello no Auditorio Municipal, cunha dobre sesión que lle permitirá ao público ourensán desfrutar das adaptacións de dúas obras clásicas con partitura de Tchaikovshy: O Quebranoces e A bela dormente, o mércores, 11, e o xoves, 12, respectivamente, ambas ás 20.30 h.
O Crebanoces é un ballet de dous actos, orixinalmente coreografiado por Marius Petipa e Lev Ivanov cunha partitura de Piotr Ilyich Tchaikovsky. O libreto é unha adaptación do conto de Hoffmann O Crebanoces e o Rey Rato. Estreouse no Teatro Mariinsky de San Petersburgo, o 18 de decembro de 1892, en sesión dobre coa ópera de Tchaikovsky, Iolanta.
A bela dormente é un espectáculo con prólogo e catro actos (o bautizo, o feitizo, a visión e a voda), con música do mesmo autor, libreto de Charles Perrault, versión dos Irmáns Grimm, e coreografía de Marius Petipa
Tamén esta semana teremos unha nova cita no Enclave de Cámara, o xoves, ás 20.00 h no Teatro Principal. Será co último gañador do concurso de piano de Santander, o ucraíno Dmytro Choni, un virtuoso do instrumento, que ofrecerá un programa que inclúe obras de clásicos como Brahms, Schumann ou Liszt, para rematar a segunda parte co compositor por excelencia de obras para piano solo, Rachmaninov.
O Auditorio tamén acollerá o venres, ás 20.30 horas a clausura dos cursos do programa de actividades formativas Universidade Popular 2019, coa entrega de diplomas ás persoas que participaron nas actividades ao longo de todo o curso. Na entrada haberá unha mostra dos traballos que realizou o alumnado dos obradoiros artísticos.
A fin de semana traerá dúas citas coa programación infantil no Auditorio. O venres, 13, ás 18.00 h e 19.30 h, Lixo, de O Baúl da tía Lola, para bebés, e o domingo, 15, ás 12.00 h, Mai Mai, para rapazada a partir de 5 anos. Unha obra que conta a historia do último oso panda do planeta e a súa loita por sobrevivir, xa que a falta de comida e os problemas ocasionados polo quentamento global fan difícil a supervivencia desta especie.
Ourense, 2 de decembro de 2019
A xenial bailaora e coreógrafa Sara Baras é a aposta da programación cultural do Concello para esta semana. O sábado, 7 de decembro, ás 21.00 h subirá ao escenario do Auditorio para presentar Sombras, o espectáculo co que vén de triunfar en cidades como Nova York, Londres, París ou Barcelona. A artista gaditana leva máis de 30 anos sobre os escenarios, acadando éxito tras éxito a nivel internacional e reunindo millóns de espectadores. A programación cultural do Concello para esta semana complétase coa programación infantil do Auditorio, o domingo, ás 12.00 h, coa obra Duncan de Palleiro e as exposicións de Xavier Cuiñas Liña de flotación na Sala Valente, e as de Francisco Ramos Fragmentos de existencia e Fernando Prieto Inquietudes no Museo Municipal.
Sara Baras toma de novo o ceo por asalto apoiándose no seu baile, desde o feitizo inconfundible duns pes únicos e co peso e a firmeza de ter descuberto que non hai metas imposibles cando se avanza polos camiños da evolución constante; cunha nova coreografía e unha posta en escena máxica e única para poñer os nosos sentimentos a flor de pel. Sara Baras propón esta vez unha viaxe a través do tempo, das cores, do silencio e do bulicio, da multitude e da soidade, da luz e das sombras. Esas sombras que nos perseguen ou nos acompañan no deixarán de asombrarnos, de sorprendernos.
A artista gaditana leva máis de 30 anos percorrendo os escenarios de todo o mundo. Desde hai 21 ten a súa propia compañía, Ballet Flamenco Sara Baras, con 13 espectáculos coreografiados por ela, e máis de 4.000 representacións que a levaron aos mellores teatros do mundo. Sara Baras é hoxe unha das máis recoñecidas embaixadoras da cultura española, e leva recibido innumerables premios e recoñecementos á súa traxectoria. Proba do seu éxito é que permaneceu durante longas tempadas en cartel en cidades como Barcelona, Londres ou París. De feito, é a artista que máis veces actuou nos 102 anos de historia do teatro dos Campos Elíseos, con máis de 200 funcións e máis de medio millón de espectadores. En Madrid presentou os seus espectáculos en 10 temporadas sumando un millón de espectadores
Programación infantil
O Auditorio proponnos este domingo unha nova cita coa programación infantil e familiar, ás 12.00 horas con Duncan de Palleiro. A obra cóntanos como transcorre un día na vida dun can, pero non dun can calquera. Trátase dun can moi especial que pertence a esa raza mítica, lendaria e con máis prestixio, a de Palleiro. Este can é Duncan de Palleiro o príncipe das corredoiras.
Duncan leva unha vida sinxela a carón do seu amo Aurelio e dos seus amigos, de sempre, nunha vila pequeniña e fermosa no medio das montañas chamada Óubidos, da cal se sinte moi fachendoso. Amizade, amor e liberdade son as palabras que máis lle gustan a Duncan de Palleiro.
Aas entradas para os dous espectáculos pódense adquirir en www.ataquilla.com, no teléfono 902 504 500, na Sede de Afundación (Praza Maior, 4) e no despacho de billetes do Auditorio dúas horas antes da función.
Ourense, 25 de novembro de 2019.-
A Concellería de Cultura do Concello de Ourense organiza, durante toda esta semana, as seguintes actividades.
• Mércores 27, ás 18.00 horas. Auditorio Municipal. Outono con Apego
Estas xornadas teñen como obxectivo achegarlles ás familias recursos que axuden a mellorar e enriquecer a lingua que falan na casa cos seus descendentes. Gloria Mosquera e Diego Maceiras, aprenderannos a transmitir o gusto pola música cun obradoiro de arrolos.
• Xoves 28, ás 20.30 horas. Auditorio Municipal. Chola a it girl
Chola, mecánica de coches, blogueira e youtubeira galega, é contratada por un teatro para presentar o seu monólogo ó máis puro estilo de show escénico youtubeiro. A través da presenza no escenario do seu coche Opel Calibra do 2000 transmitirá, con exemplos prácticos e didácticos, estratexias para poder descubrir quen somos, que nos gusta, que nos divirte... e sobre todo, saber recoñecer de onde vimos.
Enlace ás entradas.
Enlace ás entradas.
• Venres 29, ás 20.00 horas. Teatro Principal. IV Ciclo Lírico de Ourense.
Josep-Ramon Olivé é na actualidade un dos mozos barítonos españois con maior proxección internacional, afianzada polas súas colaboracións con orquestras como Les Arts Florissants e Hespérion XXI e o seu recente debut no Gran Teatre del Liceu e o Festival de Peralada.
• Domingo 1, ás 17.00 horas. Auditorio. Hansel e Gretel, o musical.
A fermosa pero terrible versión dos Irmáns Grimm converteuse nun musical, que sen perder de vista a triste historia dos dous irmáns, está chea de humor e tenrura que se desprende da relación de Hansel e Gretel, a música, as cancións e as belas coreografías.
Enlace ás entradas.
Enlace ás entradas.
Exposicións. Ademais, proseguen, até o mes de decembro, as seguintes exposicións: Fragmentos de existencia, de Francisco Ramos, e Inquietudes, de Fernando Prieto, no Museo Municipal; e Liña de Flotación, de Xavier Cuiñas, na Sala Valente. Pódense visitar en de martes a sábados de 11.00 13.30 horas e de 18.30 a 21.30 horas, e os domingos de 11.00 13.30 horas.
O Claustro de San Francisco e o Belén de Baltar son outros dos espazos culturais xestionados pola Concellería de Cultura abertos para a cidadanía.
Ourense, 20 de novembro de 2019.-
A cidade de Ourense converterase un ano máis en referente da danza contemporánea coa 4º edición de SóloDOS en Danza. O certame desenvolverase desde mañá, xoves 21, até o sábado 23 de novembro, cunha chea de actividades que lle achegarán a danza contemporánea a todo tipo depúblicos.
A Sala Valente acolleu esta mañá a presentación do certame “unha plataforma feita desde Ourense e para Ourense, cunha programación exclusiva e pensada para a cidade”, subliñaron en nome da organización Erick Jiménez, e Maruxa Salas, bailaríns e coreógrafos, que participaron na presentación xunto co concelleiro de Cultura, Mario González. O evento contará con compañías de 6 países e 9 comunidades autónomas españolas. Será no Auditorio Municipal de Ourense e estenderá o seu programa de formación ao Laboratorio Escénico Coop da Coruña o día 24.
Esta edición contará con artistas de Galicia, País Vasco, Madrid, Cataluña, Asturias, Valencia, Santander, Zaragoza, Granada, Costa Rica, Ucraína, Chile, Ecuador e Arxentina entre outros. Durante o Festival presentaranse 13 obras de creadores noveles Iberoamericanos.
O 21 e 22 de Novembro pola mañá, máis de 500 nenos e mozos da provincia de Ourense terán un programa exclusivo para eles, compartirán e poderán dialogar cos creadores sobre as súas obras. Eles outorgarán o PREMIO XOVE a unha das 10 obras semifinalistas do certame de creación de dúos e solos. Eles seleccionarán a súa coreografía gañadora, premio que se entregará o día 23 na Final do Certame.
Os días 21 e 22 ás 20.30 horas, terán lugar as Actuacións das dúas Semifinais do Certame. Nestas semifinais se seleccionarán as coreografías que pasarán á final e que actuarán de novo o sábado día 23.
O 23 de Novembro ás 20.30 horas terá lugar a Final do Certame de Creación de Dúos e Solos en Danza Contemporánea onde concursarán as coreografías seleccionadas para a final. A coreografía gañadora será premiada co PREMIO SóLODOS EN DANZA / OURENSE / 2019 con Xira Costa Rica. Ademais se entregarán diferentes premios e bolsas entre os artistas participantes. Un dos premios outorgarao o público asistente ao certame, votará para seleccionar a súa coreografía preferida e entregarase o PREMIO DO PÚBLICO. O Certame Internacional de Coreografía Burgos & Nova York PREMIARÁ unha peza para que pase á semifinal de seu Certame en 2020, será o PREMIO Certamen Internacional de Coreografía Burgos - Nova York 2020.
Este mesmo día 23 e antes da entrega de premios poderemos gozar das Actuacións das Compañías Convidadas Victoria P Miranda, Milki Lee e Nacho
Cárcaba, gañador da pasada edición co Premio Sólodos En Danza / Ourense / 2018.
Outras actividades do Festival:
Mestres distinguidos impartirán clases maxistrais para estudantes de danza e talleres especializados para profesionais e público xeral.
O Festival organiza un Foro profesional, onde estarán presentes proxectos de Danza como Red A Cielo Abierto (Red de Festivales de Calle de España) e Festival Trayectos de Zaragoza.
A espectacular ópera galega A amnesia de Clío chegará o xoves 14 de novembro ao Auditorio de Ourense
Ourense, 9 de novembro de 2019
O Auditorio Municipal de Ourense acollerá o xoves, 14 de novembro, A amnesia de Clío, unha sensacional ópera que agrupa unha escolma de grandes nomes das artes escénicas galegas: A compañía Voadora, a Real Filarmonía de Galicia, o Orfeón Terra Nosa, o compositor santiagués Fernando Buide (no 2018 o autor español vivo máis interpretado polas orquestras de todo o Estado), ou o artista ourensán Fernando Epelde, que asina o libreto.
Da dirección de escena encárgase a pontevedresa Marta Pazos (que dirixiu este ano unha ópera para o Teatro Real, e que o ano que vén dirixirá para o Teatro Nacional de Košice, en Eslovaquia) e o director musical é Paul Daniel, durante 5 anos director da English National Opera. A soprano é Raquel Lojendio, primeira espada nacional que traballou coa Berliner Philarmoniker, a Seattle Synphony Orquestra ou a BBC Philarmonic. A ópera, que se estreará o domingo, 10 en Santiago de Compostela -con entradas xa esgotadas- representarase en Ourense en formato concerto.
En palabras da compañía, A amnesia de Clío inspírase no lado máis extraño e pintoresco da idea mesma de Historia, e sérvese tamén da parte máis inexplicable da política como ollada do mundo e como ferramenta para entender o lugar que ocupamos neste planeta.
Protagonizada por unha curiosa galería de políticos, moitos deles xa retirados, esta peza envólvese dos protocolos e da excéntrica mecánica do universo político, para ofrecer unha mirada inesperada sobre a perspectiva patriarcal e as forzas e personalidades que converten os pasos en pegadas e as frases en citas. Unha experiencia á que asistimos guiados por unha figura insólita que se nos presenta esta ópera como xeradora dun cambio universal, condutora dun plan internacional para cambiar un paradigma: o da musa e o do artista.
Amnesia de Clío é unha produción de Voadora en coprodución co Centro Dramático Galego co apoio do Consorcio de Santiago, a Consellería de Cultura e Turismo, a Deputación da Coruña, os concellos de Santiago de Compostela e A Coruña, e a Asociación de amigos da ópera de Santiago. Un proxecto realizado coa bolsa Leonardo a Investigadores e Creadores Culturais 2017 da Fundación BBVA. Creado en residencia co apoio do INAEM – Ministerio de Educación, Cultura e Deporte, Fundación SGAE Galicia e Teatro Réplika.
Entradas en ataquilla.com.
Entradas en ataquilla.com.
Ourense, 28 de outubro de 2019
Luisa Merelas, Luis Zahera con Oswaldo Digón ou Ángeles Martín con Beatriz Bergamín subirán esta semana ao escenario do Auditorio Municipal de Ourense, que programa tres interesantes citas teatrais.
O xoves, 31, ás 20.30 horas, Malasombra producións represenrtará Bernarda, obra dramática protagonizada polas actrices galegas Luísa Merelas (gañadora de 2 premios María Casares), Celia González e Esther Aja. Bernarda é unha historia próxima, comprensible e universal. A dunha muller dura e loitadora, produto da vida que lle tocou vivir que logo de quedar viva educa as súas fillas como mellor sabe, aínda que elas non o vexan así. Este choque xeracional por veces fainos chorar, porque ás veces as situacións vólvense tensas e duras,e por veces fainos rir, porque igual que na vida, ata nas situacións máis extremas xorde a risa como unha necesidade de desafogo e de liberación.
O sábado, 2, ás 21.00 h será o turno de Muiñeiras, de MM Promocións, con dous dos mellores humoristas galegos: Luís Zahera (gañador do Goya 2019) e Oswaldo Digón, acompañados por Naiama, o grupo de gaitas que porá a banda sonora. A comedia é a protagonista deste espectáculo que combina monólogos, con música tradicional da nosa terra, e a golpe de muiñeiras. “Temos a firme intención de poñer a bailar os nosos humoristas, e por que non, o público que se achegue ao espectáculo”, di a compañía.
A terceira cita será o domingo, con No hay papel, da compañía Desafora2. Unha obra escrita pola actriz, xornalista e dramaturga Beatriz Bergamín e protagonizada xunto á tamén popular actriz, produtora e empresaria, Ángeles Martín, premio da Unión de actores e actrices 2019 á mellor actriz de reparto No hay papel é a unha historia de vida, a de dúas mulleres, dúas irmáns, dúas xornalistas, dúas actrices en realidade que presentan as súas vivencias e as da sociedade na que viven, no escenario. A obra foi seleccionada para participar na XXV Muestra de Autores Españoles contemporáneos, o festival mis prestixioso de teatro de texto do Estado.
As entradas para Bernarda (desde 3 euros), Muiñeiras (12) e No hay papel (5) están á venda en www.ataquilla.com, na sala de exposicións Afundación e no despacho de billetes do Auditorio dúas horas antes da función.
Ourense, outubro de 2019.-
A fundación “la Caixa” organiza un ciclo de concertos escolares que teñen como obxectivo achegarlle as artes escénicas ao público infantil e xuvenil, mediante unhas producións especialmente concibidas para eles.
Nesta ocasión, e en colaboración co Concello de Ourense, "la Caixa" presenta o espectáculo Bitácora: Un caderno musical, unha experiencia musical interpretada con instrumentos futuristas coma o theremin, o único instrumento do mundo que se toca sen necesidade do contacto físico, o keytar, metade guitarra e metade teclado, o EWI (electronic wind instrument), un instrumento de vento electrónico similar á frauta por fóra, pero con máis posibilidades harmónicas, ademais doutros moitos instrumentos singulares.
Este espectáculo, no que participarán 1.500 escolares da provincia de Ourense, é unha idea orixinal de Cristina Estarelles e Albert Ruiz, e procura introducir e educar os máis novos sobre o mundo da música electrónica dun modo ameno e diferente.
Bitácora: Un caderno musical é un espectáculo que incorpora ritmos electrónicos a cancións tradicionais adaptadas por Xavier Lloses. Na obra, a tripulación dun submarino perdido na inmensidade do océano acompañará o público durante unha odisea de sensacións coa axuda duns instrumentos futuristas.
Os primeiros instrumentos musicais foron construídos vai 43.000 años e estaban feitos a partir de ósos de animais. A evolución dos instrumentos ten sido constante desde o seu inicio, e no espectáculo pódese apreciar que na actualidade vivimos nun mundo onde a tecnoloxía é practicamente omnipresente en todos os aspectos da nosa vida.
Un dos cambios máis importantes do século XX foi a transición dos instrumentos acústicos ao emprego da electrónica, transformando a maneira na que pensamos e escoitamos música.