CONTACTO

  • Natal
  • Ndal
  • Ciclo Lírico
  • EdC
  • Auditorio
  • Concello de Ourense - Cultura - AUDITORIO MUNICIPAL

    Volver

    Ourense, decembro de 2018.
     
    O salón de plenos do Concello de Ourense acolleu a presentación da décimo quinta edición da Mostra de Teatro Infantil (MOTI) de Ourense, un clásico da programación de Nadal que este ano se celebrará o día 21 e do 26 ao 30 de decembro en diferentes escenarios pero co mesmo obxectivo: o de ilusionar a mocidade e facela soñar a través do teatro. Baixo o lema “o teu tempo cos nenos é o mellor agasallo”, a 15-MOTi presenta 19 espectáculos que se repartirán entre o Campus de Ourense, o Teatro Principal, o Auditorio Municipal e a propia rúa, caso da obra que abrirá o certame este venres 21 desde as 19:00 horas: Moti a culleradas (marchando unha de Moti), a cargo da compañía ourensá Trécola Teatro.
     
    O alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, cualificou a MOTI de actividade “imprescindible”, xa que “é unha actividade de formación ao tempo que damos a oportunidade de que pais e nais compartan con eles un tempo moi valioso”, valoraba o rexedor durante a presentación. O Concello de Ourense, principal promotor do certame a través da área de Cultura (xunto a Universidade de Vigo e Deputación de Ourense), “está a dedicarlle moitas enerxías nos últimos anos a facerlle a vida máis doada aos pais e nais desta cidade”, dixo o alcalde, “porque cremos na conciliación da vida laboral e familiar, e porque cremos que a Cultura é un ben de primeira necesidade para todos os cidadáns”. 
     
    Música, maxia, danza, monicreques e mesmo grafittis.. son algunhas das variedades do teatro que poderemos ver este ano na MOTI grazas ao traballo de Sarabela teatro, compañía organizadora do evento. Neste sentido, Fernando Dacosta afirmaba que “a ilusión dos nenos e a ollada que poñen cando sobe o telón é o principal motor desta MOTI”. A indispensable colaboración de todas as institucións representadas, dixo, “fai posible que as entradas poidan pagarse a 3 e 4€” coa intención de que vaian cantas máis persoas mellor. 
     
    A recadación dos espectáculos da MOTI no Campus de Ourense irá, un ano máis, para Unicef, entidade que vén de recoñecer Ourense como “cidade amiga da Infancia”
    Entradas: Teatro Principal, Auditorio: 4 € **; Campus: 3 €; rúa: de balde.
    Información sobre os espectáculos: motiourense.blogspot.com
     
    Ourense, decembro de 2018.-
     
    As entradas están á venda en www.ataquilla.com e, dúas horas antes da función, no despacho de billetes. Información, en www.ourensecultura.com
    Ourense. 11 de decembro de 2018. A Concellería de Cultura ten, esta segunda semana de decembro, unha intensa axenda de actividades coa música como principal protagonista. Velaquí a axenda para os vindeiros días:
     
    [Mércores 12]
    19:30 horas. Museo Municipal.
    Inauguración da exposición Terra Adentro, de Carlos Costoya.
    20:30 horas. Auditorio de Ourense.
    O lago dos cisnes. Ballet Nacional Ruso, de Serguey Radchenko.
     
    [Xoves 13] 
    20:00 horas. Teatro Principal.
    Concerto do pianista Javier Perianes. VI Ciclo de Enclave de Cámara
    20:30 horas. Auditorio de Ourense.
    A Cincenta. Ballet Nacional Ruso, de Serguey Radchenko
     
    [Venres14] 
    18:00 e 19:00 horas. Auditorio de Ourense, sala Apego
    As Parábolas, de Pakolas. Teatro infantil. (até 5 anos).
    20:00 horas. Teatro Principal.
    Concerto de Lorena Paz e Tamara Lorenzo. III Ciclo Lírico de Ourense.
    20:30 horas. Auditorio de Ourense
    Concerto de Sergio Dalma.
     
    [Sábado 15] 
    17:30 horas. Auditorio de Ourense.
    Paio e o poder da música, de Oviravai producións. Musical infantil.
     
    [Domingo 16] 
    12:00 horas. Auditorio de Ourense.
    Aladino e a lámpada marabillosa (o musical), de Avento producións teatrais.
     
    Ourense, 26 de novembro de 2018.
     
    A terceira edición do Festival Internacional de Danza Contemporánea, celebrado no Auditorio Municipal de Ourense,  repartiu os seguintes premios nos certames de creación de dúos e solos. O Festival SóLODOS EN DANZA é unha ponte de cooperación cultural entre dous continentes, América e Europa. Bailaríns e coreógrafos do mundo visitan a cidade de Ourense para gozar, compartir e bailar co público ourensán. 
     
    Artistas de toda España, internacionais e locais presentaron os seus traballos no Auditorio, onde puidemos gozar de marabillosas coreografías creadas e interpretadas por novos talentos. O palmarés é o que segue:
     
    Premio Sólodos en Danza Ourense 2018, cuxo premio será unha xira por latinoamérica na primavera de 2019.
    Coreografía [Tiempo] de Nacho Cárcaba / Intérprete Nacho Cárcaba.
    Premio do Público 
    Coreografía Ephimero de Paula Pérez Pinilla e Carmina Gimeno Latas / Intérpretes Paula Pérez Pinilla e Carmina Gimeno Latas.
    Premio Xove, entregado polos 475 estudantes de institutos da cidade, unha iniciativa novidosa no Festival.
    Coreografía Ephimero.
    Premio finalista Danza en La Catedral 'Bailando con pedras' 
    Coreografía Cuando las aves oyen mi paso, de Ricardo Flores / Intérpretes Ricardo Flores e Diana Pinto.
    O xurado do certame Sólodos 2018 estivo composto por Natividad Buil, do Festival Trayectos de Zaragoza e integrante da Red A Cielo Abierto / Red de Festivales de España; Víctor López Carbajales, xerente do Padroado Municipal de Artes Escénicas e da Imaxe de Zaragoza; Erick Jiménez, codirector Sólodos En Danza; e Maruxa Salas, codirectora Sólodos En Danza. 
    Os proxectos finalistas foron: 
    Cuando las aves oyen mi paso. México – Portugal.
    Do you?, Irene Maestre e Luís Martínez Gea / Murcia -  Albacete.
    Ática / Elvi Balboa e Lucía Bocanegra / Sevilla - Sanxenxo, Pontevedra.
    [ tiempo ], de Nacho Cárcaba. Asturias.
    Ephimero, da cía. Peace of Mind, de Zaragoza
    Entre Nosotros, de Salvador Rocher. Santa Pola, Alicante
     
    A plataforma cultural SóLODOS traballa para a difusión da danza e as artes do movemento. Os seus proxectos promoven a danza como ferramenta social e desenvolvemento cultural, xerando espazos de colaboración entre proxectos culturais, creando iniciativas que permiten o intercambio de coñecemento entre institucións públicas e privadas, centros de ensino escénico, artistas, público e a sociedade en xeral. 
     
    Ourense, 21 de novembro de 2018.

    O Auditorio Municipalacollerá o xoves, 22 e o venres 23 a Biblioteca Vivente 'Tesouros vivos', unha experiencia que por primeira vez se desenvolve na nosa cidade e que está organizada polo Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Ourense e por Xandobela Educación e Cultura.
     
    Trátase dunha iniciativa que pretende impulsar o uso do galego entre as novas xeracións achegando á mocidade a persoas galego falantes con testemuñas de vida relevantes e vinculadas co Patrimonio Cultural Inmaterial e a Historia de Ourense
     
    A través deste proxecto, 300 mozos e mozas de Secundaria e dos Ciclos de Animación sociocultural e Educación Infantil poderán “ler” libros de carne e oso que lles achegarán información sobre diversos aspectos da nosa cidade: como a súa historia ou cultura, co gallo de espertar o seu interese.
     
    Os participantes recibiron un catálogo de oito libros, con títulos tan atractivos como: “Sabías que…?” “Con dous cornos na testa”, “Californication”, A arca de Noé” ou “Ela abriume as portas do ceo”…  co obxectivo de que escollan tres para “leer” no Auditorio.  
     
    Durante dous días os participantes poderán descubrir ás persoas que se agochan tras estas publicacións e manter con elas unha conversa que lles sirva para estimular o uso do galego no seu día a día.
     
    A presentación deste proxecto correu a cargo da concelleira de Educación, Belén Iglesias; a técnica do Servizo de Normalización Lingüística do Concello, Mónica Fernández e de Chus Caramés, da Cooperativa Xandobela.
     
    “A Biblioteca Vivinte é un proxecto educativo e cultural que pretende achegar coñecementos ás persoas dun xeito ameno, directo e participativo a través da interacción, entrevista e diálogo entre o alumnado participante e os libros de carne e oso”, sinalou Belén Iglesias.
     
    A principal novidade deste proxecto, nado en Dinamarca no ano 2000, consiste en que os libros son persoas que difunden a súa experiencia a través da interacción, entrevista e diálogo con lectores e lectoras. Para ser un Libro non cómpre ser un recoñecido estudoso, senón contar con experiencia vital ou saberes cos que poder ilustrar a outras persoas.
     
    Belén Iglesias destacou que se trata dun proxecto de largo percorrido, que comezou nas aulas, terá continuación este xoves e venres no Auditorio, pero tamén nos centros de ensino tras as xornadas de “lectura”.
     
    A técnica de Normalización Lingüística, Mónica Fernández,  explicou que “se trata de traballar dunha forma dinámica co alumnado contra os prexuízos lingüísticos, en persoas novas que non falan galego por non ter referentes na súa casa, porque non o ven moderno ou non mola”. “Van ter a posibilidade de falar directamente con xente que ten superado eses prexuízos e que viven a nosa lingua no seu día a día con grande éxito.
     
    Pola súa banda, a portavoz de Xandobela, Chus Caramés, explicou que as xornadas consistirán en que o alumnado poderá escoller tres dos oito títulos que se lles propuxeron, para que a súa lectura sexa “unha conversa e un diálogo” cos libros viventes.
     
    A través de catro sesións (ás 10:00 e as 12:00 horas dos días 22 e 23 de novembro) a cativada poderá poñerse en contacto e dialogar con tres destes  “libros vivos” durante un período de tempo de media hora.  
    Ourense, 20 de novembro de 2018.
     
    A terceira edición do festival SÓLODOS EN DANZA, que se celebra no Auditorio os 23 e 24 de novembro, reunirá en Ourense os mellores expoñentes da danza contemporánea internacional. En dous días desfilarán polo espazo municipal artistas de 12 comunidades autónomas españolas, pero tamén de Portugal, México e Costa Rica, entre outros. Porén, o SóLODOS en DANZA quere ser un espazo aberto para a participación de todo o mundo: os profesionais, que contarán con clases maxistrais; a mocidade, que terá un programa exclusivo e outorgará o premio xove; e as persoas maiores de 60 anos, para as que haberá obradoiros de danza.
     
    Maruxa Salas, a metade de SóLODOS, resaltou na presentación a oportunidade que supón este festival para coñecer os novos valores da danza: “o festival acollerá a presentación de 13 obras de creadores noveles iberoamericanos”. Ademais, o venres 23 de Novembro ás 20.30 horas celebrarase a gala SóLODOS EN DANZA cos seguintes artistas e compañías convidadas: Tejido Conectivo (Andrea Amor e Miguel Ángel Punzano); Iron Skulls (Agnés Sales, Héctor Plaza, Diego Garrido, Adrián Vega e Moisés-Moe) e Cía Exire con Alba Fernández Cotelo, gañadora da pasada edición do Certame e protagonista do cartel da presente edición.
     
    O 24 de Novembro ás 20.30 horas terá lugar o Certame de Creación de Dúos e Solos en Danza Contemporánea, onde concursarán 6 coreografías. A coreografía ganadora será premiada co premio Sólodos en Danza, e ademais entregaranse diferentes premios e bolsas entre os artistas participantes. Un dos premios será outorgado polo público asistente ao certame, quen votará para seleccionar a súa coreografía preferida e entregarase o Premio do Público. Este mesmo día e antes da entrega de premios poderemos gozar das actuacións da compañía Iron Skulls e do artista Arnáu Pérez, ganador do Premio Xove na pasada Edición do Festival.
     
    Entre as actividades paralelas do festival, atopamos un Foro profesional, onde estarán presentes proxectos como Espacio Espiral-Laboratorio Escénico y de Artes Afines de Santander, Les Naves de Gijón, Centro de Danza de Zaragoza, Red a Cielo Abierto (Red de Festivales de Calle de España), Festival Trayectos de Zaragoza, Festival ContraDANÇA Festival de Danza e Movimiento Contemporáneo de Covilha en Portugal e Sólodos en Danza (Costa Rica / Ourense): Proxectos culturais que promoven o traballo escénico contemporáneo e favorecen a mobilidade de creadores noveis.
     
    Danza para todas as idades
    A concelleira de Cultura, Belén Iglesias, destacou “a vertente didáctica do certame” na presentación desta mañá. Non en van, o 23 de Novembro pola mañá máis de 400 nenas e nenos da provincia de Ourense teñen un programa exclusivo para eles, no que compartirán e poderán dialogar cos creadores sobre as súas obras. Serán eles, precisamente, quen outorguen o Premio Xove a unha das 6 obras do certame de creación de dúos e solos. Eles seleccionarán, tamén, a súa coreografía gañadora.
     
    Os obradoiros de danza contemporánea para maiores de 60 anos, abertos e gratuítos, son unha das novidades desta edición. Erick Jiménez, a outra metade de SóLODOS, salientaba que “son experiencias que xa funcionaron noutros lugares -con persoas con mobilidade reducida, maiores, nenos en perigo de exclusión...- e que a medio prazo poden dar os seus froitos”. 
     
    Neste sentido, Jiménez confía en que os diferentes diálogos e vocabularios da danza cheguen a canta máis xente mellor a través de o traballo cos diferentes grupos de idade.
     
    Máis info: www.solodos.es
     
    Máis programación no Auditorio, esta semana.
    O domingo, 25, ás 12 horas volverá a programación infantil cunha obra de teatro para cativada desde os 5 anos: Adeshoras, de Berrobambán. Nesta obra, a compañía regresa ao territorio mudo, á linguaxe visual, ao humor sen palabras que lle valeu o recoñecemento internacional, da man de Paula Carballeira e Nuria Sanz. A protagonista do seu conto. Amodo, xogando, recupera o fío que a leva a recoñecerse no espello, grazas a quen a visita por sorpresa, a deshora, rompendo as súas rutinas, facendo que se sinta nena, unha nena perdida que por fin se atopa. As entradas custan 3 euros en venda anticipada e 4 no despacho de billetes.
     
    Tamén o domingo, ás 19 horas, música tradicional galega: “Nurtha, Nord, Norte…Noró”, a cargo de Xabier Díaz e as adufeiras de salitre.
    Di Xabier Díaz acerca deste espectáculo que “o norte é case un estado emocional para min. Gústame o seu frío, a auga, a humidade e a música. No norte hai música en tódalas cousas. É unha música sólida, ancestral e serena. Este disco é como un retrato do meu timeline recente, como unha necesidade de rematar a talla e de mellorar o método”. Participan 10 músicos e as entradas, a partir de 14 euros, pódense adquirir en www.ataquilla.com.
     
    Ata o 30 de novembro, no vestíbulo inferior pódese ver a exposición "Paisaxes e personaxes", homenaxe a María Victoria Moreno”. A Xunta de Galicia réndelle tributo a autora no marco da programación institucional Letras Galegas 2018, cun proxecto expositivo itinerante que visita 11 localidades galegas. A mostra baséase en ilustracións dos principais personaxes e escenarios de oito libros de María Victoria Moreno creadas por Nuria Díaz, Lucía Cobo, Xan López Domínguez, Jacobo F. Serrano, Jacobo Muñiz, Mari Fe Quesada, Bea Lema e Dani Padrón, baixo a coordinación de David Pintor. A exposición pódese visitar, de balde, no horario público do Auditorio: de luns a venres entre as 8.30 h e as 14.30 h.
     
    Ourense, 31 de outubro de 2018.
     
    O Auditorio de Ourense ofrece, esta fin de semana, dúas obras dirixidas ao público familiar, un musical e unha obra de monicreques para o público infantil.
    Peter Pan, aventura No País De Nunca Xamais, de Animagic.
     
    Sábado 3 de novembro. 18:00 horas. Todos os públicos. Musical. Entradas desde 14€. Menores de 2 anos, se non ocupan asento, non necesitan entrada.
    Sinopse: Peter á un neno orfo que soña con ver de novo a súa nai. Un día, un grupo de piratas secuestran varios nenos para levalos a traballar ao País de Nunca Xamais, pero Peter pronto descubrirá que as cousas suceden por algo e o seu destino está en Neverland. Todo se desenvolve nun brillante mundo de fantasía, cheo de cor, acción, emoción e divertidas cancións en directo, que farán desta unha agradable experiencia para toda a familia.
     
    Fíos, de Baobab teatro. 
    Domingo 4 de novembro. 12:00 horas. Público Infantil máis de 3 anos. Entradas: anticipada 3€ en www.ataquilla.com, despacho de billetes 4€
    Fíos é un espectáculo que fía palabras, tece contos, calceta historias e cose puntada a puntada cada nota de música. Un taller de costura será o responsable de que diferentes historias acariñen os nosos oídos, unha modista que cose e cose recibe visitas esperadas e outras inesperadas pedíndolle axuda, coas súas puntadas descubrirá personaxes que penden de Fíos e queren viaxar,soñar, namorar e contar os seus segredos.
     
    Nominada aos Premios MAX 2013 por "mellor autoría teatral galega".
     
    Ourense, outubro de 2018.
     
    O Auditorio de Ourense acolle, esta fin de semana, dous espectáculos con acento portugués: o sábado 27, ás 20:30 horas, a CTB - Companhía de Teatro de Braga escenifica A Antiga Mulher, unha exploración de universos de luz e dos máis sombríos das nosas identidades, alí onde se confunden o equilibrio do feminino e do masculino nunha confrontación esencial cos nosos valores e as nosas aspiracións máis profundas. 
     
    A compañía lusa presenta, no centro do espectáculo, unha historia tan antiga como a da propia humanidade e, daquela, dunha modernidade constantemente renovada: Romy, antiga amante de Frank -casado vai dúas décadas con Claudia- bate na porta do apartamento do matrimonio. Ela quere encontrar o seu primeiro amor, o home que lle prometera 24 anos atrás que a amaría para sempre. É a historia da intimidade dun matrimonio e da problemática das relacións familiares, un retrato dunha sociedade contemporánea en sufrimento.
     
    Sala principal. + 14 anos. Idioma: portugués. Duración: 90 minutos. Entradas, 5€ en www.ataquilla.com e 6€ na billeteira, dúas horas antes da función.
    A CTB é unha estrutura profesional de produción teatral. Fundada en 1980 no Porto, está radicada en Braga desde 1984 no ámbito dun proxecto artístico que cruza as novas dramaturxias coa experimentación sobre o gran legado dramatúrxico da humanidade: os clásicos. A Antiga Mulher, estreada o 12 de outubro en Braga, é a nova montaxe da formación portuguesa, con 38 anos de traxectoria e 129 montaxes no currículo. A obra é orixinal de Roland Schimmelpfenning, un dos autores máis representados na actualidade.
     
    A CTB desenvolve tamén con regularidade accións de formación de públicos, no ámbito do teatro, así como accións de sensibilización e creación de novos públicos, especialmente da mocidade. A representación do sábado forma parte dun intercambio cultural coa cidade de Braga, pola que a compañía ourensá il Maquinario Teatro representará Resaca no Theatro Circo, un dos maiores escenarios do país.
     
    Martiña soñadora
    O domingo 28, na habitual cita co teatro infantil ás 12:00 horas, o Auditorio seguirá con acento portugués grazas ás cancións de “Martiña soñadora”, un musical para toda a familia con letras en galego e ritmos brasileiros, portugueses, do rock & roll e mesmo do blues. 
     
    Martiña Soñadora está interpretada por Sabela King (voz e ukelele) e por Carlos Gil Fandiño (piano e voz), desprende grandes doses de optimismo e anima a que todo o público, novos e adultos, bailen e canten desde as súas localidades.
     
    Sala principal. Todos os públicos. Duración 55 minutos. 
     
    Entradas, 3€ anticipada (www.ataquilla.com) e 4€ na billeteira, dúas horas antes da función.
     
    Ourense, 27 de setembro de 2018.
     
    Ourense será a capital galega do teatro entre o 4 e o 14 de outubro con motivo da XI edición do Festival Internacional de Teatro de Ourense (FITO), que este ano ofrecerá 16 espectáculos de 15 compañías (seis delas dirixidas por mulleres). Nesta edición o teatro tradicional convivirá con novas propostas como teatro de rúa ou danza, da man de compañías chegadas de España, Portugal, Arxentina, Israel e Chile.
     
    “Hoxe é un día grande para Ourense no que vemos os froitos da colaboración institucional e do traballo dos organizadores”, destacou a concelleira de Cultura, Belén Iglesias, durante a presentación do programa de actividades. O acto contou tamén coa presenza de Sabela Gago, directora do FITO; Olga Mojón, directora do Teatro Principal; Aurelio Gómez Villar, asesor de Cultura da Deputación de Ourense e Jacobo Sutil, director da Axencia Galega das Industrias Culturais.
     
    A concelleira de Cultura destacou que a programación permitirá aos ourensáns revisar os textos de autores clásicos, como Virginia Wolf; ou descubrir a voz de novos creadores: como Genma Brió con “Liberto”; Selu Nieto, con “La última Boqueá” ou Mariano Barroso e Alejandro Fernández, con “Todas las mujeres”.
    Ademais recordou que este ano haberá nove estreas e será a oportunidade de “disfrutar da madurez do teatro ‘made in Galicia’, a través da presenza de sete compañías recoñecidas en certames do máis alto nivel”.
     
    Por último incidiu nas actividades paralelas como o IV encontro "Mulleres creando", que reunirá a diferentes creadoras para construír un espazo de intercambio artístico e reivindicar o papel da muller no mundo do teatro.
     
    As representacións terán lugar no Teatro Principal e no Auditorio Municipal, que este ano adaptan os seus horarios para facilitar o acceso ao maior número de público. Así, os domingos as representacións no Teatro Principal serán as 19,00 horas, e as 20,30 horas no Auditorio Municipal. O resto da semana o horario será as 20,00 horas no Teatro Principal e as 22,30 horas no Auditorio Municipal.
     
    O director da Axencia Galega de Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil, salientou a “evolución deste certame que supón un magnífico impulso á dinamización da escena en Ourense”.
     
    Pola súa banda, o asesor de Cultura da Deputación, Aurelio Gómez Villar, destacou a diversidade do programa e a colaboración entre institucións como “garantía do éxito deste certame” e a directora do Teatro Principal, Olga Mojón, confirmou que “este ano ampliarase o tempo de cortesía para facilitar a chegada de maior número de espectadores”.
     
    A directora do FITO, Sabela Gago, defendeu ao FITO como “lugar de encontro e proxecto estratéxico para a proxección internacional de Ourense, e para  impulsar aos creadores emerxentes do Teatro”. Tamén recordou que este ano o programa será máis diversificado que nunca con ofertas de “teatro rúa, danza, teatro de autor, teatro contemporáneo e comprometido co tempo que vivimos”.
     
    Para máis información sobre a programación e horarios xa se pode consultar a web fitoourense.com.
     
     
    Páxinas: 1 2 3 4 5 ... Último 

    Concellería de Cultura
    Concello de Ourense
    2017

     

    Rúa da Canle, 1
           32005 Ourense

     

       988 391 290

    Contacto

     

    Accesibilidade

     

    Permisos

    Cultura nas redes:

     

      Facebook

     

      Twitter

     

      Youtube

    Diseñado y programado por ACV Galaica