- AUDITORIO MUNICIPAL
-
MUSEO MUNICIPAL E OUTROS ESPAZOS EXPOSITIVOS
-
CICLO FESTIVO E FESTIVAIS
-
OUTRAS FESTAS E AUTORIZACIÓNS
-
PREMIOS E SUBVENCIÓNS
Concello de Ourense - Cultura - MUSEO MUNICIPAL
Esta mañá o primeiro andar do Museo Municipal acollía a presentación de tres novas exposicións dentro do festival Outono Fotográfico 2016. Estas obras permanecerán neste espazo ata o 4 de decembro. Neste acto estiveron a directora de Espazos Expositivos do Concello de Ourense, Eva Torres, Belén Iglesias, concelleira de Cultura, Xosé Lois Vázquez "Che" e Vítor Nieves, director e curador do festival Outono Fotográfico respectivamente.
O título das exposicións son:
- 1º andar: City Portraits, de Víctor Enrich.
- 1º andar (sala do fondo): Colección fotográfica de nu masculino, de Alexis W.
- 2º andar: Memory Lab of Happiness, expo colectiva de 17 autores.
Ourense, 26 outubro de 2016
O Museo Municipal acolleu esta mañá a presentación da primeira quenda de exposicións que teñen lugar dentro da programación do Outono Fofográfico, o festival galego de fotografía. Permanecerán abertas ata o día 13 de novembro neste espazo expositivo. Na presentación estiveron o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, a Concelleira de Cultura, Belén Iglesias, a directora do Museo, Eva Torres, acompañados pola artísta Eva Díez e polo curador do festival, Vítor Nieves.
A continuación detállanse as exposicións desta primeira etapa:
-
Sala I: Renacer, de Eva Díez (Premio Galicia de Fotografía Contemporánea).
-
Sala II: O Paraíso, de David Mocha.
-
Sala pequena: SOJI, de Júlia Franco Braga.
Esta é a trixésimo cuarta edición do Outono Fotográfico, que reaparece ata o Nadal para facer visible a fotografía. Este festival estará presente en 70 espazos expositivos de toda a xeografía galega, repartidos en 25 localidades, 4 delas en Portugal.
Ourense, setembro de 2016.
O salón de plenos do Concello de Ourense vén de acoller a presentación do proxecto expositivo Prego, 100 anos, “un proxecto singular, novidoso e interdisciplinar no que poñer de manifesto o autor por todos coñecido, pero aínda máis: un novo Prego de Oliver nas súas múltiples e integradas facetas de creador, pensador, investigador, teórico, pintor e debuxante”, en palabras do alcalde de Ourense, Jesús Vázquez.
Este proxecto foi levado a cabo en integración e colaboración con diferentes institucións que velan pola Cultura e polo coñecemento edificador: o propio Concello de Ourense, a Xunta de Galicia a través da Consellería de Educación, Cultura e Ordenación Universitaria, o patrocinio de Iberdrola e Afundación, sen esquecer a achega incalculable da familia, grande posuidora do legado de Prego de Oliver, museos, institucións, fundacións e particulares que puxeron nas nosas mans as súas obras máis prezadas para a difusión entre os ourensáns e todos os amantes da arte que desde o 15 de setembro até o 8 de xaneiro do vindeiro 2017 queiran disfrutar deste proxecto interdisciplinar.
Prego, 100 anos celebrará tres exposicións: “Prego de Oliver, un pintor de ideas e arquetipos. Do boceto á obra gráfica”, a partir deste xoves ás 20:00 horas na sé de Afundación; “O obradoiro: espazo de creación e materialización práctica. A súa obra inédita”, desde o 23 de setembro no Museo Municipal; e “Prego de Oliver e a captación do Eterno. O óleo como materialización da súa plástica”, na Valente a partir do 29 de setembro. Pero ademais haberá obradoiros didácticos, conferencias, publicacións e actos divulgativos que afondarán na figura do pintor e no seu modo de entender a vida a través da arte.
A figura do Prego menos coñecido
O secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, destacou na presentación da exposición “a necesidade de revisitar, actualizar e poñer luz sobre os nomes deses grandes personaxes que forman parte da Cultura galega”. Natalia Figueiras, comisaria da exposición xunto a Xavier Limia, salientou pola súa banda a metodoloxía de traballo “dos soportes, técnicas pictóricas e iconografía”, analizados desde unha óptica científica para recoñecer a figura como un dos artistas máis importantes da plástica galega do século XX.
En total, 1.200 metros cadrados de espazo expositivo albergarán a obra do centenario: 1.200 obras catalogadas e inventariadas, 50 obras de coleccións e de institucións, ademais de 340 debuxos e 130 óleos. Entre todos eles, cómpre destacar polas súas dimensións os murais da Estación Marítima de Vigo, cunhas dimensións de 6x3,4 metros cada un (e que se poderán visitar in situ, xa que na exposición estarán presentes de maneira dixital) ou un óleo de 2x4 metros. Tamén estará no proxecto o mural do antigo Hotel Parque, restaurada por iniciativa da construtora Copasa e que será cedida grazas ás xestións do Concello.
O alcalde non quixo esquecer o importante esforzo de divulgación entre público escolar: Primaria, ESO e Bacharelato. “O futuro da sociedade ourensá debe ter cimentos sólidos sobre os personaxes máis senlleiros da súa cidade dixo.
Ourense, xullo de 2016.
Unha viaxe desde os seus inicios como creadora até a actualidade. É o que nos propón a artista viguesa Nuria Guardiola con Coeur d'armazigh, unha mostra retrospectiva que compila os primeiros cadros, cando se mesturan experiencias persoais con conflitos emocionais, con creacións a partir de elementos industriais extraídos das fábricas de salgado do Morrazo, os faros do Atlántico (que forman parte do inventario municipal), fotomontaxes autobiográficas e, finalmente, a descuberta de Marrocos, onde a autora imparte Maxisterio desde 2011. A mostra estará até o 25 de setembro nas salas I e II do Museo Municipal da rúa Lepanto.
Trátase dunha extroversión autobiográfica na que descubrimos novos países, novas cidades e, ao tempo, novas formas e formatos, novas técnicas, e novas cores... se cadra máis cálidas, e de seguro que non son só as das paisaxes, relataba o alcalde, Jesús Vázquez, na inauguración da exposición.
Nuria Guardiola traballa cunha perseverancia pigmentaria a partir de figuracións abstractas, múltiples movementos xestuais e perfís de cor que debuxan e moldean os seus diferentes soportes artísticos, cores frías interceptadas en ocasións con atmósferas cálidas que nos elevan a momentos de intensa abstracción cromática.
E é que a autora, que ten o seu taller na Abeleda (Beariz), foi recompilando vivencias e novas experiencias sobre diferentes formatos e con diferentes técnicas. A súa formación vénlle do pai, tamén pintor, que a animou a probar con metais, con papel, con fotografías e mesmo cristais. Desde que chegou a Marrocos a dar clase, ademais, descubriu novas paisaxes e novos universos: non son tan diferentes aos nosos, dixo, en referencia ao amor polas singularidades de cada pobo - no Riff semellan moi galegos, polo matriarcado e polo amor á terra - aínda distan moito de parecerse para o bo e para o malo.
Ourense, 23 de xuño de 2016.
Cos días de verán chega ao Museo Municipal de Ourense (rúa Lepanto) a exposición Tempo de Luz, do artista vigués Antonio Abad, unha escolla de 24 obras realizadas coa técnica do pastel representativas das paisaxes galegas -ríos, fervenzas, árbores- pero tamén da visión intimista do seu autor. A mostra estará na sala de lectura do Museo, no terceiro andar, até o 31 de agosto.
“Por este punto do Museo pasan mensualmente moitos nenos”, dixo a concelleira de Cultura, Belén Iglesias, durante a presentación, “un aliciente máis para espallar a cultura a toda a cidadanía”. Foi precisamente ese carácter divulgativo da mostra o que agradeceu o autor vigués, que xa pasara pola Galería Visol de Ourense noutras ocasións. “O pastel estivo moi en auxe en Europa durante os séculos XVIII e XIX, pero despois pasámonos ao figurativo e ao realista”, dixo. Porén, desde os anos vinte do pasado século foron os franceses os que retomaron esta técnica, e hoxe en día estanse a facer “bienales de moito interese en España”, puntualizaba Antonio Abad.
As paisaxes galegas o que máis traballa Antonio Abad: “Quero sempre levar Galicia polo mundo adiante”. Non en van, xa nos últimos anos expuxo en Tailandia, San Petersburgo e en diversos lugares de Francia. Porén, tamén ten un lugar para a intimidade, ben en forma do corpo da muller ou en forma de bodegóns. Entre as 24 obras que compoñen Tempo de Luz podemos ver, tamén, seis pequenas abstraccións de formas naturais.
A inauguración oficial da exposición será esta tarde ás 19:00 horas.
Prego, 100 anos" achegará o legado e a traxectoria do artista ourensán a todos os sectores da cidade
Ourense, 04 de xuño de 2016.-
Este ano será cando o ambicioso proxecto de cidade "Prego, 100 anos" sexa por fin unha realidade, tralo verán. O Goberno Municipal de Ourense, logo de manter contacto permanente coa familia do artista ourensán e mailo equipo técnico da Concellería de Cultura, coa directora de espazos expositivos á fronte, Eva Torres, acadou un importante convenio de colaboración coa Secretaría Xeral de Cultura para apoiar este proxecto con 15.000 euros mediante un convenio que suscribirá co Concello de Ourense. Esta axuda súmase á xa anunciada de 32.000 euros para a edición do Festival de Cine deste ano, que se incrementa en 6.000 euros con respecto á do pasado 2015.
Este proxecto de cidade está concebido para dar a coñecer a Manuel Prego de Oliver como o gran referente internacional que é. Mediante obradoiros, talleres, guías e rutas didácticas, así como ciclos de conferencias e masterclass en torno á figura e obra deste pintor, pensador, creador e investigador.
Tres espazos expositivos da cidade (dous deles municipais) acollerán mostras sobre Prego de Oliver de xeito simultáneo tralo verán. Serán a Sala Valente, onde se ubicará a obra máis contemporánea do artista e de gran formato; unha das salas do Museo Municipal, na que se exporá o entorno e o ambiente máis cercano desde o seu estudio; e por último, a sala de AFundación, cuxa temática xirará en torno á obra gráfica do artista.
En definitiva, con este proxecto "Prego, 100 anos", que trascende do meramente expositivo, a cidade de Ourense reivindicará a unha das súas figuras artísticas máis relevantes, achegando o seu legado a todas as xeracións de ourensáns.
Ourense, 19 de maio de 2016.
Cando as neuronas bailan, a última proposta expositiva do artista César Prada (Ourense, 1951), inundará de cor as salas I e II do Museo Municipal. Unha escolla de pintura, de escultura e mesmo unha proxección son algunhas das obras que poderemos visitar todos os ourensáns até o vindeiro 3 de xullo, compartindo ademais o espazo coa campaña de animación á lectura para a mocidade, unha combinación “explosiva”·en para a concelleira de Cultura, Belén Iglesias, quen coincidiu co artista na necesidade de educar o amor pola arte ás novas xeracións.
A mostra está composta por “materiais que son universos”, explicou o autor. A rúa dos viños, recordos de vellos amigos, a inspiración da súa compañeira Isabel ou mesmo a carraxe de ver a tanta xente nova sen traballo son algunhas das cousas que o levaron a pintar ou esculpir as máis de 50 obras que se poden ver no espazo da rúa Lepanto. Pero tamén a inspiración doutros artistas que admira, como Picasso, Kandinsky ou o propio Zapata.
Na exposición, ademais dos corenta cadros de grande e medio formato, hai bocetos, hai debuxos e hai esculturas que forman parte do camiño que o levou até aquí e que segue a inspiralo, na súa curiosidade infinita. Malia que é, posiblemente, unha das exposicións máis íntimas de Prada, o propio artista deixa claro no catálogo da mesma -confeccionado polo seu fillo Alexandre- que mira cara adiante e o camiño segue.
A directora de Espazos Expositivos do Concello de Ourense, Eva Torres, presentou con emoción esta nova exposición, logo do éxito que tivera a primeira exposición, dez anos atrás, tempo no que Prada forma parte dos fondos propios do Concello de Ourense.
O Museo Municipal de Ourense (r/ Lepanto 8) acolle desde mañá a exposición de escultura Momentos sen tempo, obra do autor ourensán Antonio Souto. Trátase de medio cento de obras creadas por e para o espazo museístico con materiais pesados coma o ferro ou o aceiro na que amosa unha elegante gradación de cores nos diferentes estados do metal, así como numerosos bocetos do seu estudio.
Momentos sen tempopermanecerá nas salas I e II ata o 27 de marzo, e con ela “tentamos achegar un completo catálogo da programación artística da cidade para a cidade, e que neste caso xorde a partir da obra que permanece nos fondos do Museo Municipal”, en palabras da concelleira de Cultura de Ourense, Belén Iglesias. “O Museo Municipal”, dixo, “quere ser o escaparate dos artistas da cidade e que, como Antonio, fan que Ourense amplíe o seu legado cultural”.
Na exposición, Souto “amósalle ao público a súa reflexión máis íntima”, segundo explicou Eva Torres, técnica de Áreas Expositivas e Espazos Museísticos do Concello de Ourense, “elementos metálicos que constitúen a substancia básica do que vemos plasmando, dunha forma escultórica, un movemento puramente arquitectónico”.
A inauguración oficial da exposición será mañá xoves ás 20:15 horas coa oportunidade de facer un percorrido pola sala acompañando o escultor.