CONTACTO

  • bases belens
  • Avance audi2
  • MMOu
  • EdC
  • Concello de Ourense - Cultura - MUSEO MUNICIPAL

    Volver

    Ourense, 3 de outubro de 2019
     
    O Museo Municipal inaugurará mañá, venres, 4 de outubro, ás 19:30 horas a exposición “Fragmentos de existencia”, do artista ourensán Francisco Ramos, que estará aberta ao público até final de ano na sala III do Museo da rúa Lepanto. A mostra consta dun total de 20 acuarelas de formato medio-grande e un óleo sobre táboa. 
     
    Francisco Ramos, natural de Morgade (comarca da Limia) é un artista que sente a textura acuosa da acuarela a través das cores de diversa natureza, integrando de forma diferente e atrevida tons fríos e cálidos, facendo xurdir dunha captura previa do natural unha abstracción paisaxística. 
     
    O Museo Municipal acolle tamén ata final de ano, nas salas I e II a exposición “Inquietudes” de Fernando Prieto, formada por unha colección de 30 obras sobre lenzo do pintor coruñés. Esta mostra inaugurarase hoxe ás 20.30h.

     (Tríptico da exposición)
     
     
    Ourense, 2 de outubro de 2019

    O Museo Municipal acollerá desde mañá, xoves, 3 de outubro a exposición “Inquietudes” de Fernando Prieto. A mostra, formada por unha colección de 30 obras sobre lenzo do pintor coruñés, inaugurarase mañá, ás 20.30 horas, e permanecerá aberta ao público até final de ano nas salas I e II do Museo da rúa Lepanto. 
     
    Fernando Prieto é un artista hiperrealista dunha grande calidade pictórica. Desde moi cativo manifestou a súa inclinación cara ao debuxo e a pintura, participando á idade de 13 anos na súa primeira exposición, nunha sala do Concello de Ferrol. Realizou os estudos de perito mercantil, sen abandonar nunca a súa gran paixón, a pintura. 
     
    Aurelio  Lombera concedeulle unha bolsa na súa academia de Pintura onde, durante cinco anos, compartiu clases con Rogelio Puente e outros destacados pintores coruñeses. Posteriormente, asistiu outros cinco anos ao estudo de Vidal  Lombán, pintor ourensán afincado na Coruña.
     
    A súa pintura é realista, pero máis aló da mera diversión plástica, a súa intención é trasladar o espectador desde os obxectos e as figuras humanas a outra profundidade. As mans, os zapatos vellos, as froitas, as pezas de vestir..., represéntanse de forma  hiperrealista, mais perden o seu significado real para alcanzar a magnitude sensorial. Detrás do  Hiperrealismo Subxectivo que define Prieto, existe un certo surrealismo, que se apoia en imaxes-símbolo que transcende a aparencia dos obxectos para transportarnos a un mundo  onírico e poético, elixindo unha vía de traballo semellante á proposta por Magritte.
     
    A súa obra forma parte de numerosas coleccións públicas e privadas, tanto en España como en Estados Unidos. 

     (Tríptico da exposición)
     
    Ourense, marzo de 2019.-

    O Museo Municipal de Ourense acolle, até o 28 de abril, a nova obra da pintora e creadora ourensá Ana Ferreiro, '20 mujeres'. Trátase dunha colección de óleos sobre lenzo que achega unha mensaxe comprometida, pero sen afastarse un ápice da realidade. 
     
    Así o podemos ver na perfección das formas, no exacto emprego dos pigmentos que converten as imaxes reais en obras de grande solidez, pero abertas a esa historia que percebe quen se asoma á súa arte. Unha arte inmensamente necesaria para poder percibir máis aló dos retratos do Instagram, ler sobre o que nos é alleo, interpretar o que os outros, os que moitas veces están ao noso lado, senten e plasman a través da arte.
     
    En '20 mujeres' poderemos pasear por retratos que van acompañados de cadansúa historia, unha historia de loita e de traballo polas súas ideas, polos seus dereitos. 
     
    Ana Ferreiro, que forma parte da familia do Museo Municipal desde 2010, sente a chamada da pintura como medio de expresión: a súa pintura é unha forma de interpretar a realidade. E pinta mulleres porque “é muller, e feminista”. 
     
     
    Ourense, 14 de marzo de 2019.
     
    O Museo Municipal de Ourense inaugura, esta tarde, dúas novas exposicións de Mónica Figueira. Baixo o seudónimo de Môf la sinvergüenza, a artista ourensá presenta 'Or@perucita' e 'Taras', dúas propostas diferentes entre si pero igualmente comprometidas nas que afloran os sentidos, a paixón, os medos, o sexo e a vida. Permanecerán na sala III (segundo andar) deste espazo expositivo até o 28 de abril.
     
    'Or@perucita' é unha transgresión dos canons, unha volta de folla a ese personaxe feminino da nosa literatura infantil. Unha instalación para un non-conto feito a golpe de óleos e de madeira. Un percorrido polos cinco sentidos “que todos deixamos un pouco de lado no día a día”, advirte a autora, e unha chamada a volver usalos en plenitude. Cinco sentidos que “nos levan ao sexto sentido, que é o sexo sentido”, di.
     
    'Taras', pola súa banda, é unha viaxe a través das follas en branco dun libro, unha sorte de xogo das agachadas. Ao ir enchendo as follas do libro, a artista vai escapando do irremediable peso da vida e acaba por cantar vitoria, unha vitoria que é "por min e por todas as miñas compañeiras”.
     
    A exposición inaugúrase este xoves 14 ás 19:00 horas e poderá visitarse en horario de 11:00 a 13:30 horas e de 18:30 a 21:30 horas, de martes a sábados, e de 11:00 a 13:30 horas os domingos. Os luns, o Museo Municipal (rúa Lepanto 8) permanece pechado.
     
    Ourense, 14 de febreiro de 2019.
     
    O Museo Municipal inaugura esta tarde ás 20:00 horas a súa nova aposta expositiva: 'O paraíso nesta esquina', unha colectiva dos artistas Belén Padrón e Xosé Carlos Seoane que ocupará as salas 1 e 2 até o 17 de marzo. Na exposición mestúranse os lenzos de grande formato da artista ovetense, que xa expuxera no Municipal en 2013 -daquela con 'El Gabinete de un aficionado'-, coas instalacións pictóricas de Seoane. Ambos, unidos pola súa amizade e pola paixón por ocupar espazos con arte, presentan unha particular versión do paraíso cheo de texturas e de elementos orgánicos e vexetais. 
     
    O traballo de Xosé Carlos Seoane consiste en cadros de corte expresionista planeados como “grandes apuntes”, debuxos e trazos sobre o lenzo como se fosen unha folla de caderno. Eses pequenos bosquexos sobre papel ou calquera outro tipo de soporte, a medida que se van transformando -con manchas de pintura, roturas ou envellecementos- acaban convertidos en obras acabadas ao enmarcarse. Papeis vellos, cartóns, marcos como parte integrante da obra, plásticos... envolven o papel, que se converte en protagonista.
     
    Algunhas obras son simples debuxos individuais, outras están planeadas como polípticos. Así, Las mil y una flores é unha instalación pictórica que consta de 24 cadros de distintos formatos. Noutras, como Tableros, xoga co formato do xadrez establecendo variacións xeométricas no conxunto. 
     
    Malia seren obras moi diferentes, tanto na técnica coma nos formatos, os bosquexos de Xosé Carlos Seoane e os lenzos de Belén Padrón “maridan ben”, en palabras do primeiro. 
     
    O xardín a través do cendal. Padrón presenta un conxunto de lenzos nos que destaca o uso das cores e das xeometrías, mesmo xogos de perspectivas e profundidades, con escenas vexetais e nocturnas. Un xogo visual do grande e do pequeno formato que nos traslada a mundos diversos dunha idea conceptual, abstracta, con reminiscencias do modernismo de Klimt, puntillismo post-impresionista, sempre dende unha elaboración coidada e exquisita
    Nas súas pinturas hai tecidos e bordados cromáticos, en gamas atemperadas de amarelos e azuis verdosos, con tons carmín. Unha reflexión silenciosa e íntima: estados de ánimo manifestados plasticamente, coma se o mundo virase a través dun cendal elaborado coa mínima materia. 
     
    Combina pigmentos acrílicos con oleosos e outras materias para que a obra enfatice a súa execución, pero sempre amosando unha sensibilidade moi acusada e eminentemente feminina.
     
    Ourense, febreiro de 2019.
     
    A fotógrafa coruñesa Loly Villoch presenta, no Museo Municipal, o seu proxecto expositivo de fotografía Metauniversos cotiáns, unha colección de 44 fotografías impresas en formato cartón-pluma a maiores dunha instalación en vitrina representando unha das escenas da fotografía e unha proxección da artista. Permanecerá na sala 1 do espazo expositivo da rúa Lepanto até o 10 de marzo, e está organizada coa colaboración da Fundación Cum Laude.
     
    O proxecto mergúllase nos metauniversos da muller, e vén acompañada por unha serie de paneis que queren darlle visibilidade ás desigualdades existentes en materia de igualdade na actualidade, desde o espazo íntimo até o público e mesmo institucional. “Situacións e contextos que se repiten sen importar o lugar no que nos atopamos”, afirma a artista. Así, en cada imaxe preséntanos o fogar, o cotiá, co mundo onírico que se crea na cabeza da protagonista desta historia, un xogo entre os espazos macro e os micro: fotografías que transcenden do singular e nos elevan ao universal.
     
    Especializada en fotografía creativa e de viaxes (mesmo de carácter submarino), Loly Villoch comezou a captar imaxes á idade de 9 anos. A súa formación completouse a caró de fotógrafos como Gabi Tizón, Sofía Moro, Estela de Castro ou Alberto García-Álix. 
     
    Os seus metauniversos, convertidos tamén en fotolibro, viaxaron por outros espazos coma o Aire Centro de Arte de Santiago de Compostela, e diferentes librarías de Galicia, entre elas a libraría Eixo de Ourense. Así mesmo, participou en numerosas exposicións e publicacións colectivas sobre fotografía en Santiago de Compostela.
     
    O Museo Municipal está aberto de martes a domingo no seguinte horario: de martes a sábados, de 11:00 a 13:30 e de 18:30 a 21:30 horas, e os domingos              domingos de 11:00 a 13:30 horas.
     
    Máis información sobre a artista: lolyvilloch.com
     
    Ourense, 11 de decembro de 2018.
     
    As salas I e II do Museo Municipal acollen, até o 10 de febreiro de 2019, a exposición Terra adentro, do artista ourensán Carlos Costoya. Trátase dunha colección de 30 obras de pequeno -paisaxe- e grande formato -retratos- de técnica tradicional, óleo sobre lenzo, que fan da mostra “un exemplo de implicación e coidado dos materiais”, en palabras de Eva Torres, directora do espazo expositivo. 
     
    Terra adentro describe un traballo de concepto e de reflexión, unha homenaxe aos paisaxes máis nosos. “Levo 25 anos de bodegueiro na Ribeira Sacra, estas paisaxes son as fontes das que me alimento”, resume o autor. A beleza colorista en tons fríos, pardos e na gama de ocres, contrasta con tons cálidos coma o vermello, que reforzan a imaxe central. Así, a exposición versa sobre a terra que habitamos e os seus personaxes, e nela hai un discurso intimista que non elude a crítica social en moitos dos seus lenzos.
     
    Costoya é fillo da artista Maite Vázquez, quen colaborou durante moitos anos en actividades artísticas e educativas do Concello de Ourense. “Temos estilos diferentes”, dixo na presentación, “pero grazas a ela sempre tiven moitos materiais ao meu alcance”.
     
    “Xa levo 30 exposicións en 10 países diferentes, pero en Ourense levaba 9 anos sen facelo”, afirmaba Costoya na presentación. “Non hai moitos espazos, pero é certo que esta arte está en declive: impera o discurso da arte vertical”. Aínda así, a súa obra pódese ver en diferentes espazos, tanto públicos como privados, especialmente en azulexos. 
     
    Precisamente sobre este soporte presentarase mañá, mércores, durante a inauguración da exposición, unha peza en homenaxe ao cineasta Carlos Velo, en colaboración coa Fundación do mesmo nome.

    (Na imaxe, o artista Carlos Costoya, coa Concelleira de Cultura, Belén Iglesias e a Directora do Museo, Eva Torres)
     
    Ourense, outubro de 2018
     
    O Museo Municipal de Ourense acolle a exposición Píxel, de Omar Pérez. Unha colección na que o caricaturista, ilustrador e deseñador nado en Arxentina e radicado en Ourense vai 20 anos, realiza unha crítica social e do momento que se vive na actualidade. A mostra reúne case 50 ilustracións en formato pequeno e mediano, nas que Omar propón unha viaxe ao redor do mundo visitando exposicións, mostras, certames, campañas solidarias, homenaxes, con temas recorrentes como a contaminación, o cambio climático, a migración, Europa, a paz, Trump, ou as redes sociais… Mais tamén denuncia situacións non tan presentes na nosa axenda: as vodas de nenas, os abusos e a violencia, a pobreza, ou a explotación infantil, que debuxados nas súas viñetas van directas ao corazón do espectador. A exposición permanecerá aberta ao público, na sala 3, ate o día 9 de decembro.
     
    Omar Pérez (Villa María, Córdoba. Arxentina (1956), é licenciado en Belas Artes,  humorista gráfico, caricaturista, ilustrador e deseñador gráfico.
    En 1980 publica os seus primeiros traballos en Hortensia. Colabora en diversas publicacións arxentinas: Noticias, El Diario, Diario Puntal, El País, Río Revuelto, El Garrotazo, Impulso... Desde 1989 radica en Ourense, e publica practicamente en toda a prensa galega: La Voz de Galicia, Orense Diario, Xornal Diario, Diario 16, La Región, Mundiario.com. Tamén é ben coñecido na cidade por ter liderado, xunto a Benito Losada, a Bienal de caricatura que durante moitos anos se celebrou no Museo Municipal.
     
    Asistiu e participou en exposicións e mostras logrando premios e distincións por todo o mundo. Realiza exposicións individuais en Arxentina, España, Portugal, Francia, Italia. Rei do Humor en Italia 2011. Xurado internacional en España, Portugal, Turquía, Chipre.., representante para España de UWC (Unión de debuxantes do mundo).
     
    Páxinas: 1 2 3 4 5 ... Último 

    Concellería de Cultura
    Concello de Ourense
    2017

     

    Rúa da Canle, 1
           32005 Ourense

     

       988 391 290

    Contacto

     

    Accesibilidade

     

    Permisos

    Cultura nas redes:

     

      Facebook

     

      Twitter

     

      Youtube

    Diseñado y programado por ACV Galaica