- AUDITORIO MUNICIPAL
-
MUSEO MUNICIPAL E OUTROS ESPAZOS EXPOSITIVOS
-
CICLO FESTIVO E FESTIVAIS
-
OUTRAS FESTAS E AUTORIZACIÓNS
-
PREMIOS E SUBVENCIÓNS
Catedrais e Igrexas
A Catedral
Dedicada a San Martiño constitúe o centro visual de todo o conxunto monumental urbano. É un tesouro artístico e histórico, o edificio en si e o que contén. A súa orixe máis remota puidera estar naquel templo consagrado a mediados do s.VI. O actual, partindo do arquetipo Compostela,, constrúese entre finais do s.XII e xa mediados do XIII, polo que arquitectónicamente evoluciona desde o romántico (ao que se cinxen as portadas norte e sur) ata o gótico clásico en que se comenzou o inconcluso claustro.
Atense á planta de cruz latina de tres naves con trasepto, pero apártase do modelo compostelán pola inexistencia de triforio e deambulatorio (o que ten é do s.XVI), así como polos arcos oxivais e as bóvedas nervadas.
Nada máis entrar recíbenos, a man dereita, o gran sepulcro gótico do bispo Vasco Pérez Mariño, cuxo túmulo repousa sobre tres leóns. Foi el quen, no s.XIII, trasladou ata Ourense o famoso Cristo (ao que din medrarlle o pelo e a barba), que preside a Capela do Santo Cristo –situada enfronte da tumba – , de suntuosísima decoración barroca debida, entre outros, a Domingo de Andrade (o altar, do s.XVII) e a Castro Canseco (s. XVIII); alberga tamén unha maxistral escultura de San Mauro de Francisco de Moure (s. XVII) e todo un repertorio de lámpadas de prata.
O recargamento ornamental completouse coa instalación, dunha parte do magnífico coro de Madeira do s-XVI, trasladado ata aquí desde o seu emprazamento orixinal, na nave maior.
No arranque do deambulatorio vemos a tumba do cóengo Xóan de Deza, arcediago de Búbal, de principio do s.XVI, e xa no tramo sur, nunha pequena capela absidal, admiramos outro Cristo, tal vez o máis notable aínda que o outro teña máis fama. É o Cristo dos Desamparados, sobria talla románica de Madeira de tamaño natural, do s.XII, das pouquísimas deste xénero que hai en Galicia. Despídenos da xirola un moderno conxunto escultórico en bronce, o Retábulo do Beato Faustino Míguez (obra de Pedro Burgaleta). Desde a nave da epístola accédese ao Museo Catedralicio, asentado no que quixo ser claustro pero ficou sen rematar, con moi fermosos arcos oxivais do s.XIII, era a chamada Claustra Nova pola documentación medieval. Exhibe pezas tan destacadas como o Breviario Auriense (manuscrito do s.XV) o Misal de Monterrei (primeira peza impresa en Galicia, 1494), o chamado Tesouro de San Rosendo (variado conxunto de obxectos dos séculos X a XIII), cruces, custodias, documentos, etcétera.
Logo da porta do Museo pasaremos ante tres tumbas de bispos descoñecidos ou de identificación dubidosa, empotradas no muro Baixo o correspondente arco, coas estatuas xacentes dos prelados. Tal vez a máis aparente delas (cun agudo gablete gótico) sexa a atribuída a obispo Pedro Iañez de Nóvoa, de finais do s.XIII. A continuación unha discreta porta da acceso á Sala Capitular e ao riquísimo Arquivo.
No remate, extremo oeste da Catedral, acadamos o Pórtico do Paraíso, réplica menor do da Gloria compostelán, pero coa vantaxe sobre este de conservar a policromía, grazas en parte a ter permanecido secularmente pechada a portada occidental e a terse repitando no s.XVIII. Labrado na primeira metade do s.XIII, sen embargo, atense aínda á estética da escola de Mateo, en transición do románico ao gótico. Igual que en Compostela, nos piares represéntase aos profetas e na arquivolta principal aos músicos. O peculiar tímpano central de decoración xeométrica foi parcialmente desvirtuado no s.XVI coa incrustación dunha insulsa escultura. En 1857 agregóuselle a imaxe románica de Santiago no parteluz, procedente doutro lugar do templo. Desde o Pórtico obtemos a mellor perspectiva da nave central, con esvelta bóveda segmentada en crucerías, e percibimos ao fondo a luz que descende desde a bóveda estriada do ciborio. Avanzando pola nave lateral do evanxelio pasamos ante o túmulo do bacharel Alfonso González, do ano 1460, cóengo de Ourense e Santiago (infórmanos a fermosa inscrición gótica), cuxo espírito humanista se adiviña na escultura xacente sobre voluminosos libros. Algo máis adiante, na porta da Capela de San Xoán a delicada tumba da infantiña, do s.XIII, anónima meniña que a tradición identifica cunha filla de Alfonso X precozmente falecida. Detémonos por fin na Capela Maior, cerrada por un enreixado do s.XVI, obra de Xoan Bautista Celma, Baixo o esvelto ciborio do gótico florido empezado a construír en 1499 polo Mestre Rodrigo de Badaxoz, feliz coroación luminosa de todo o edificio. No lateral sur da capela, por detrás do coro, unha tumba magnífica do s.XIII, atribuída sen garantías ao bispo Francisco Afonso, o que afogou no Pozo Meimón do río Miño en 1419, deixando para sempre enfeitizado aquel lugar (“!morreu o bispo!” berras, e o pozo che responde: “¡o bispo!, ¡o bispo!”) Fronte a el outro máis modestos, neoclásico de principios do s.XIX, o do bispo Quevedo y Quintana, famoso reaccionario absolutista nas Cortes de Cádiz. E como remate da dita capela o gran retábulo gótico flamíxero do escultor Cornelis de Holanda, de principios do s.XVI. Abandonamos a Catedral pola portada sur, tamén románica e protexida por senllos cubos defensivos. A rente dela, acentuando a faceta militar do edificio, unha terraza almeada se eleva sobre as dependencias do Arquivo. No outro costado a modesta Torre do Reloxo, engadida no s.XVI.
Texto de Anselmo López Carreira do libro "Ourense Monumental"
|
|||
Santa María Nai
A de fundación máis antiga da cidade é a primeira catedral, tal vez desde o s.IV. Un posterior edificio románico do s. XI (dos tempos do bispo Ederonio) fioi abatido no s.XVIII para facer outro barroco, o que chegou ata nós, adosándolle sobre a nova portada –iso sí – catro pares de antigas columnas clásicas (romanas). Na antiga inscrición, empotrada agora no exterior do muro lateral, “qui tristis veniet, laetior inde reddit”(“quen chega triste, volve alí máis ledo”) quixo ver Otero Pedrayo un lema acaido para expresar o espírito acolledor e alegre da cidade. É posible que aquí estiviese situada a antiga catedral de Ourense, da que soamente restan unha columnas e os seus capiteis de aspecto marmóreo na fachada. |
|||
Santa Eufemia
É un antigo convento xesuítico. As súas obras comezan a mediados do sXVII por fundación privada pero a súa fachada, arquetipo do barroco galego, aínda que a torre da dereita se culminase hai moi poucos anos; non se conclúe ata un século despois. O interior, moi austero, é de planta de cruz latina. É a Igrexa máis ampla da cidade logo da catedral. |
|||
Igrexa da Trinidade
Nace como hospital de peregrinos, e hoxe accédese precisamente a ela pasando Baixo o que foi portada renacentista doutro hospital, de de San roque (de 1561), existente na zona da alameda, onde actualmente está o edificio de Correos, e trasladada ata aquí cando foi derrocado, en 1927. Da Trinidade hai noticia desde o s.XII, pero a obra actual data da baixa Idade Media, da que destacaríamos as dúas torres frontais circulares, un elegante arco conopial desprazado do sei primitivo lugar e a crestería de finais do s.XV que culmina o ábside. No acceso desde a praza, destaca a porta de entrada que pertencía ao primitivo hospital de San Roque ademais dun cruceiro no atrio do s.XV. |
|||
Igrexa de Santo Domingo:
Obra do arquitecto Melchor de Velasco, con altar barroco do escultor Castro Canseco. Por fundación privada (s.XVIII), construír este convento domínico. A igrexa actual, curiosamente orientada ao leste, de estilo barroco, é o único que se conserva. Sinxela fachada rematada con espadana. No interior, planta de cruz latina e interesantes retablos barrocos. |
|||
Igrexa dos franciscanos:
Construída no s-XVII na parte alta da cidade (onde aínda se conserva o claustro) trasladouse en 1929 ao parque de san Lázaro. A súa fachada ten un rosetón na parte superior e portada con tripla arquivolta na inferior. Os capiteis, de decoración variada, inclúen un gaiteiro. No interior, dunha soa nave, destacan as ventás e os sepulcros, ambos os dous góticos. |
|||
Capela dos Remedios
Esta capela do século XVI atópase situada nas proximidades do coñecido como Ponte Romana ou Ponte Vella. Na súa fachada de estilo plateresco, podemos apreciar a imaxe da virxe á que fai honra, a Virxe dos Remedios. O seu día grande é o 8 de setembro, e é acompañada esta festividade cunha romaría de gran arraigamento en Ourense. A capela sufriu un incendio e está pendente actualmente da súa restauración. Declarada Monumento Nacional en 1961. |
|||
Capela de Portovello
Está situada nun parque do mesmo nome nas proximidades do Río Miño e desembocadura do Lonia. Pequena capela datada nos seus inicios no século XIV pero transformada e con partes datados no século XVIII, como é o caso do escudo frontal, mentres que na súa fachada podemos atopar arco de medio punto e espadana. A capela alberga no seu interior a imaxe da Virxe de Portovello, cuxa festividade celebrar o 8 de Maio, mandando a tradición transportar entre pétalos de rosas e flores á Virxe nunha barca percorrendo un tramo do Miño. |
|||