- AUDITORIO MUNICIPAL
-
MUSEO MUNICIPAL E OUTROS ESPAZOS EXPOSITIVOS
-
CICLO FESTIVO E FESTIVAIS
-
OUTRAS FESTAS E AUTORIZACIÓNS
-
PREMIOS E SUBVENCIÓNS
Concello de Ourense - Cultura - MUSEO MUNICIPAL
Prego, 100 anos: unha visión panorámica da obra e do pensamento do referente da plástica galega no s. XX
Ourense, setembro de 2016.
O salón de plenos do Concello de Ourense vén de acoller a presentación do proxecto expositivo Prego, 100 anos, “un proxecto singular, novidoso e interdisciplinar no que poñer de manifesto o autor por todos coñecido, pero aínda máis: un novo Prego de Oliver nas súas múltiples e integradas facetas de creador, pensador, investigador, teórico, pintor e debuxante”, en palabras do alcalde de Ourense, Jesús Vázquez.
Este proxecto foi levado a cabo en integración e colaboración con diferentes institucións que velan pola Cultura e polo coñecemento edificador: o propio Concello de Ourense, a Xunta de Galicia a través da Consellería de Educación, Cultura e Ordenación Universitaria, o patrocinio de Iberdrola e Afundación, sen esquecer a achega incalculable da familia, grande posuidora do legado de Prego de Oliver, museos, institucións, fundacións e particulares que puxeron nas nosas mans as súas obras máis prezadas para a difusión entre os ourensáns e todos os amantes da arte que desde o 15 de setembro até o 8 de xaneiro do vindeiro 2017 queiran disfrutar deste proxecto interdisciplinar.
Prego, 100 anos celebrará tres exposicións: “Prego de Oliver, un pintor de ideas e arquetipos. Do boceto á obra gráfica”, a partir deste xoves ás 20:00 horas na sé de Afundación; “O obradoiro: espazo de creación e materialización práctica. A súa obra inédita”, desde o 23 de setembro no Museo Municipal; e “Prego de Oliver e a captación do Eterno. O óleo como materialización da súa plástica”, na Valente a partir do 29 de setembro. Pero ademais haberá obradoiros didácticos, conferencias, publicacións e actos divulgativos que afondarán na figura do pintor e no seu modo de entender a vida a través da arte.
A figura do Prego menos coñecido
O secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, destacou na presentación da exposición “a necesidade de revisitar, actualizar e poñer luz sobre os nomes deses grandes personaxes que forman parte da Cultura galega”. Natalia Figueiras, comisaria da exposición xunto a Xavier Limia, salientou pola súa banda a metodoloxía de traballo “dos soportes, técnicas pictóricas e iconografía”, analizados desde unha óptica científica para recoñecer a figura como un dos artistas máis importantes da plástica galega do século XX.
En total, 1.200 metros cadrados de espazo expositivo albergarán a obra do centenario: 1.200 obras catalogadas e inventariadas, 50 obras de coleccións e de institucións, ademais de 340 debuxos e 130 óleos. Entre todos eles, cómpre destacar polas súas dimensións os murais da Estación Marítima de Vigo, cunhas dimensións de 6x3,4 metros cada un (e que se poderán visitar in situ, xa que na exposición estarán presentes de maneira dixital) ou un óleo de 2x4 metros. Tamén estará no proxecto o mural do antigo Hotel Parque, restaurada por iniciativa da construtora Copasa e que será cedida grazas ás xestións do Concello.
O alcalde non quixo esquecer o importante esforzo de divulgación entre público escolar: Primaria, ESO e Bacharelato. “O futuro da sociedade ourensá debe ter cimentos sólidos sobre os personaxes máis senlleiros da súa cidade dixo.