CONTACTO

  • Carpichos espidos
  • os nosos fondos
  • Audi
  • O cineasta Oliver Laxe, Premio Cidade de Ourense do 21º OUFF

    Ourense, 13 de outubro do 2016.- Oliver Laxe (París, 1982). Fillo de emigrantes galegos, cando tiña seis anos regresou coa súa familia a Galicia para instalarse na Coruña. Despois de estudar cine e realización na Universidade Pompeu Fabra de Barcelona e vivir unha tempada en Londres, realizou as curtametraxes E as chemineas decidiron escapar -en colaboración con Enrique Aguilar-, Soa unha trompeta, agora vexo outra cara, e París #1. As pezas foron proxectadas e, en ocasións tamén premiadas, en festivais coma o Festival Internacional de Cine de Xixón, o BAFICI, o Indielisboa e o Festival Internacional de Cine de Las Palmas, oFestival de Cine Experimental de Granada, oFilminho e o Play-Doc.

    Tras unha estadía en Tánxer e impartir clases de cinema nunha asociación de acollida de menores, xurdiu Todos vós sodes capitáns, a súa primeira longametraxe. O filme estreouse internacionalmente na Quincena de Realizadores do Festival de Cannes do 2010, onde gañou o premio FIPRESCI da crítica internacional, convertíndose así no terceiro español en obtelo tras Icíar Bollaín (con Flores de otro mundo en 1999) e Antonio Méndez Esparza (con Aquí y allá en 2012). 

    Co seu seguinte filme, Mimosas (2016), acadou este mesmo ano outro importante recoñecemento: ogran premio da Semana da Crítica do Festival de Cannes. Mimosas narra a travería emprendida por tres personaxes que queren dar sepultura ao corpo dun maestro relixioso. En palabras de Laxe, o filme é "unha viaxe xeográfica que vai en paralelo cunha épica interior". 
     
    Na actualidade, o cineasta atópase traballando na súa próxima longametraxe, Aquilo que arde, un proxecto cunha formulación que podería achegarse ao que se coñece coma un falso documental, unha ficción feita con parte de personaxes reais e parte de actores. Trátase dunha ollada moi persoal que xorde da atracción do director pola figura dun pirómano: Ramón.

    Con este Premio Cidade de Ourense, o OUFF réndelle homenaxe a Oliver Laxe recoñecendo a súa labor de creación e espallamento do cinema galego fóra das nosas fronteiras.

    Concellería de Cultura
    Concello de Ourense
    2017

     

    Rúa da Canle, 1
           32005 Ourense

     

       988 391 290

    Contacto

     

    Accesibilidade

     

    Permisos

    Cultura nas redes:

     

      Facebook

     

      Twitter

     

      Youtube

    Diseñado y programado por ACV Galaica