CONTACTO

  • OUFF
  • Expo La Caixa
  • Programa infantil
  • Youtubeir@s, o concurso que quere encher a Rede de vídeos en galego

    Santiago, novembro de 2016

    A vicerreitora de Servizos Universitarios do Campus de Lugo, Carme Silva, maila coordinadora de Youtubeir@s, e técnica de Normalización Lingüística do Concello de Ourense, Mónica Fernández Valencia, presentaron o programa, que atende ás novas tendencias sociais na comunicación actual no que fai, sobre todo, ao papel activo dos e das youtubers na rede.

    Youtubeir@s é unha iniciativa dos servizos de normalización lingüística dos concellos da Baña, A Coruña, Ames, Carballo, Mazaricos, Ourense, Pontevedra, Ribadeo, Santiago de Compostela, Teo e O Grove; e tamén das Universidades da Coruña, Santiago de Compostela e Vigo. A presentación do concurso estivo precedida por unha reunión de traballo de representantes destas administracións que persegue concretar as liñas de actuación conxuntas para a promoción do galego como servizo á cidadanía e concienciar sobre a importancia das TIC á hora de revalorizar a lingua.

    Youtubeir@s ten a vontade de incrementar o uso do galego nos contidos audiovisuais dunha das redes sociais máis empregadas no mundo e tamén quere incitar e facilitar que tódalas persoas compartan as súas habilidades e criterios con vídeos autoproducidos. Hoxe en día, YouTube é a segunda rede social máis empregada, despois de Facebook, superando os mil millóns de usuarias e usuarios que descobren, visualizan e comparten vídeos.

    Youtubeir@s - Concurso de vídeos na rede” vai dar comezo o vindeiro 1 de decembro e o prazo de presentación de vídeos hase prolongar ata o 28 de abril. Segundo se recolle nas bases - dispoñibles na web do concurso (www.youtubeiras.gal) - poderán presentarse tódalas persoas maiores de 14 anos a través dunha inscrición en liña.

    Os vídeos deben ter unha duración máxima de 5 minutos, estar licenciados en creative commons, producidos en galego e estar dispoñibles na rede social YouTube. Os e as participantes poderán concorrer a dúas categorías: Video-facermos, para videotitoriais que amosen como facer cousas (desde unha receita ata a como instalar un programa informático); e Vídeo-opinarmos, para vídeos nos que se achegue unha opinión ou valoración sobre calquera tema (valoración dun filme, opinión sobre un tema de actualidade...).

    Cada unha destas categorías vai ser premiada cunha contía de mil euros e tamén se asignarán catro mencións honoríficas de cincocentos euros segundo os criterios de valoración que terá en conta o xurado, composto por profesionais da comunicación audiovisual.

    O programa Youtubeir@s ofrece tamén obradoiros formativos para todas aquelas administracións locais que desexen programalos. Estas accións formativas, que se han desenvolver de maneira parella ao concurso, estarán impartidas pola produtora audiovisual Illa Bufarda. Con elas, o que se busca é achegar o proceso creativo a calquera persoa que poida estar interesada e facer accesible o uso das redes socias e da linguaxe audiovisual para a transmisión de saberes e opinións.
     

    Para ampliar información >

     

    Mónica Fernández Valencia, coordinadora de Youtubeir@s

    normalizacionlinguistica@ourense.es

    Teléfonos: 9883912090

    www.youtubeiras.gal

    concurso@youtubeiras.gal

    https://www.facebook.com/youtubeiras/

    https://www.youtube.com/youtubeiraseyoutubeiros

     


    Concellería de Cultura
    Concello de Ourense
    2017

     

    Rúa da Canle, 1
           32005 Ourense

     

       988 391 290

    Contacto

     

    Accesibilidade

     

    Permisos

    Cultura nas redes:

     

      Facebook

     

      Twitter

     

      Youtube

    Diseñado y programado por ACV Galaica