• Verán Cultural
  • Tempo
  • Premio Risco
  • Estridencias
  • Apego
  • O concurso Youtubeir@s anima a encher a rede de vídeos en galego

    Ourense, 20 de xaneiro de 2017

    O salón de plenos do Concello de Ourense acolleu esta mañá a presentación na cidade o Concurso Youtubeir@s, unha iniciativa dos servizos de normalización lingüística dos concellos da Baña, A Coruña, Ames, Carballo, Mazaricos, Ourense, Pontevedra, Ribadeo, Santiago de Compostela, Teo e O Grove, e tamén das Universidades da Coruña, Santiago de Compostela e Vigo. Youtubeir@s ten a vontade de incrementar o uso do galego nos contidos audiovisuais dunha das redes sociais máis empregadas no mundo -máis de 1.000 millóns de usuarios empregan esta ferramenta, un de cada tres usuarios da internet- e tamén quere incitar e facilitar que tódalas persoas compartan as súas habilidades e criterios con vídeos autoproducidos.

     

    A presentación estivo presidida por Belén Iglesias, concelleira de Cultura do Concello de Ourense, e José María Faílde, director de Planificación do Campus de Ourense, acompañados dos técnicos de normalización lingüística de ambas entidades, Mónica Fernández Valencia e Paulo Cabral. Ao concurso poderán presentarse todas as persoas maiores de 14 anos a través dunha inscrición en liña ata o 28 de abril, segundo se recolle nas bases dispoñibles na súa web.

     

    Os vídeos deben ter unha duración máxima de 5 minutos, estar licenciados en creative commons, producidos en galego e estar dispoñibles na rede social YouTube. Os e as participantes poderán concorrer a dúas categorías: Video-facermos, para videotitoriais que amosen como facer cousas (desde unha receita ata a como instalar un programa informático); e Vídeo-opinarmos, para vídeos nos que se achegue unha opinión ou valoración sobre calquera tema (valoración dun filme, opinión sobre un tema de actualidade...).

     

    Cada unha destas categorías vai ser premiada cunha contía de mil euros e tamén se asignarán catro mencións honoríficas de cincocentos euros segundo os criterios de valoración que terá en conta o xurado, composto por profesionais da comunicación audiovisual.

     

     

    Formación

    Youtubeir@s tamén ofrece formación específica de videocreación para compartirmos os saberes todos e aprendermos a comunicar coa linguaxe audiovisual. Saca o youtubeir@ que levas dentro!

     

    1. No Salón de Graos do edificio de Facultades os días 7 de febreiro de 19.00 a 20.00 horas e o 14 de febreiro de 18.00 a 20.00 horas

     

    2. No Centro de Coñecemento La Molinera os días 10 de febreiro de 18.00 a 19.00horas e o 17 de febreiro de 18.00 a 20.00 horas.

     

    En que consiste o curso?

    Cada participante ten o reto de crear un vídeo para calquera das dúas categorías de Youtubeir@s – Concurso de vídeos na Rede: vídeo-facermos ou unha vídeo-opinarmos en galego durante o obradoiro.

     

    Na primeira sesión formativa, dunha hora de duración, vemos os consellos básicos para sacarlle o maior partido á cámara dos nosos dispositivos móbiles e aprendemos a mellor forma de transmitir os nosos coñecementos (guión). Na segunda sesión formativa, de dúas horas de duración, editamos o material e aprenderemos a subilo a YouTube. Entre ambos os dous encontros formativos ofrecemos asistencia en liña para calquera dúbida que poda xurdir ata antes da segunda sesión formativa.

     

     

    Para ampliar información >

     


    Concellería de Cultura
    Concello de Ourense
    2017

     

    Rúa da Canle, 1
           32005 Ourense

     

       988 391 290

    Contacto

     

    Accesibilidade

     

    Permisos

    Cultura nas redes:

     

      Facebook

     

      Twitter

     

      Youtube

    Diseñado y programado por ACV Galaica