Concello de Ourense - Cultura - AUDITORIO MUNICIPAL

O Auditorio expón as arquitecturas urbanas, abstractas e asimétricas, de Patricia Fernández, até o 9 de abril

Ourense, 10 de marzo de 2017.

Ene A. Natureza Asimétrica é o título da exposición de Patricia Fernández Paz, a terceira xa na cidade de Ourense, que se poderá visitar no Auditorio de Ourense até o vindeiro 9 de abril. É unha colección de 20 pezas de diferente formato nas que se mestura a obra pictórica coa esculto-pictórica, e na que pretende amosar as sombras dunha realidade moderna e deshumanizada.

 

As súas pinturas, afirma a artista, son fiestras abertas a unha arquitectura urbana, con ápices futuristas e paisaxes estáticas, silandeiras. “Son perspectivas arriscadas, inspiradas en cómics, empastando con espátula, un elemento cortante e brusco que me axuda a desatar a miña imaxinación”, di a chantadina afincada en Ourense “Trato de amosar arquitecturas descarnadas, apocalípticas, luces e sombras dunha realidade posmoderna, deshumanizada e chea de incerteza”, di.

 

A exposición foi presentada esta mañá no vestíbulo do Auditorio de Ourense coa presenza da artista acompañada da concelleira de Cultura, Belén Iglesias, e da directora de Espazos Expositivos do concello de Ourense, Eva Torres.

 

Poderase ver até o 9 de abril no horario de apertura do propio espazo.