- AUDITORIO MUNICIPAL
-
MUSEO MUNICIPAL E OUTROS ESPAZOS EXPOSITIVOS
-
CICLO FESTIVO E FESTIVAIS
-
OUTRAS FESTAS E AUTORIZACIÓNS
-
PREMIOS E SUBVENCIÓNS
A música invade as festas de Ourense (24 de xuño ao 2 de xullo) que recuperan o espírito da Batalla das Flores
Ourense, 20 de xuño de 2017.
A catro días para o inicio das Festas de Ourense (24 de xuño ao 2 de xullo), o alcalde, Jesús Vázquez, e a concelleira de Cultura, Belén Iglesias, debullaron polo miúdo o programa dunhas festas atravesadas pola música, que empezará a soar logo do mediodía cos grupos de animación de rúa e seguirán con citas e escenarios para non perderse: “Ás 20:30 horas na praza de San martiño, ás 21:00 horas na Praza do Ferro, ás 22:30 horas na Praza Maior –coas consabidas limitacións de aforo até as 3.500 persoas por motivos de seguridade- e, pasada a media noite, as verbenas na rúa do Progreso á altura da Alameda”, resumía o Vázquez Abad.
Ademais, haberá música no Street Foud, durante todas as festas na praza de Bispo Cesáreo, e no III Enofestival na traseira das Burgas. Música para todas as sensibilidades e actividades para todas as idades coma o Espazo Bebés, un lugar de experimentación e xogo libre a cargo da compañía Picapau que estará emprazado nos Xardíns do Padre Feijóo, que terá un aforo limitado (80 nenos e nenas) con idades recomendadas de 0 a 8 anos. O espazo do teatro na rúa estará localizado na Alameda, pero tamén haberá actividades escénicas na Sala Valente, para a Música e a Poesía na Praza de San Martiño.
Os ourensáns poderán visitar o Museo Municipal coa exposición Tempo, de Isabell Seidel, e os espazos expositivos de Arturo Baltar, o Claustro, e o Auditorio, no que tamén se poderá gozar do teatro. “Transformaremos o casco histórico, un ano máis, nun centro medieval co mercado, e non faltará a pirotecnia a cargo da empresa local Josman nas marxes do río Miño”, dixo.
Batalla de Flores. A Batalla de Flores quere recuperar este ano o espírito tradicional e, como novidade, modificará o seu percorrido: “Sairá da parte baixa da Alameda cara ao progreso e realizará un percorrido circular dando volta en Alférez Provisional”, puntualizaba a concelleira Belén Iglesias. Recupérase así a esencia da Batalla das flores, que era unha das actividades máis queridas das festas do Corpus.
Finalmente, o alcalde fixo un chamamento ao “sentido común, paciencia, pois estamos en festas e as festas son días de celebración e que utilicemos itinerarios que non discorran polo centro cidade sempre que sexa posible, ou alternativas coma o transporte urbano, que tamén estará debidamente sinalizado nos tramos que se vexan afectados pola celebración das festas”.