CONTACTO

  • Expo La Caixa
  • Programa infantil
  • Presentados os gañadores do concurso Piano Meeting, que encherá Ourense de música no mes de setembro

    Ourense, xuño de 2017.

    O Festival Piano Meeting 2017 presenta os gañadores escollidos polo xurado na fase de Concurso a través dunha rolda de prensa que se celebrou esta mañá no salón de plenos do Concello de Ourense e que contou coa presenza de Javier Otero Neira, director do festival; Jesús Vázquez, alcalde de Ourense; Anxo Lorenzo, secretario xeral de Cultura da Xunta de Galicia; e Ana Tejeiro, xerente de Viaqua en Ourense.

    A fase de Concurso do Festival contou con 55 participantes procedentes de toda España e residentes en países como Alemaña, Holanda ou Reino Unido, e cuxos estudos musicais desenvólvense en prestixiosos centros como a Escola Reina Sofía, a Universidade Alfonso X O Sabio, o Conservatorio Superior de Aragón, a ESMUC, o Conservatorio Superior do Liceo de Barcelona, o Real Conservatorio Superior de Música de Madrid, a Escola Superior de Música de Lübeck (Alemaña), o Conservatorio de Maastrich (Holanda) ou a Universidade de Leeds (Inglaterra).

    De todos eles o xurado tivo a difícil tarefa de seleccionar os 10 mellores, que terán a oportunidade de tocar no Festival cuxa celebración se prevé a finais de setembro na cidade de Ourense. Ademais, o primeiro e segundo clasificados serán premiados cunha dotación económica de 1000 e 500 euros respectivamente.

    A vitoria correspóndelle ao pianista madrileño Juan Daunesse, e o segundo premio divídese entre dous participantes: Elena Frutos, de Madrid, e ASR Jazz Trío, do Carballiño. Os outros 7 seleccionados son: Dúo Gamma, cuxos integrantes son de Silleda e Zaragoza; Darío Meta, madrileño residente en Alemaña; Andrés Navarro, de Madrid; Carlos Gil, de Vigo; Estefanía Cereijo, de Bueu; Jacobo Ramos, da Coruña; e Trío Quixote, de Madrid. Os 10 gañadores terán a viaxe e aloxamento pagos pola organización para acudir a tocar no Festival.

    O xurado estivo composto por Miguel Vizoso, profesor do conservatorio profesional de Santiago de Compostela; Abe Rábade, pianista de jazz e profesor da Escola Superior de Música e Artes Escénicas do Porto; Fernando Buíde, compositor e profesor do Conservatorio Profesional de Santiago de Compostela; Nicasio Gradaille, profesor do Conservatorio Superior de Vigo; e Javier Otero Neira, pianista e director do Festival.

    O próximo 14 de xullo daranse a coñecer outros 25 seleccionados polo xurado que competirán a través das redes sociais por un dos 10 postos que completarán a listaxe de 20 pianistas que terán lugar e hora asignados para tocar no Festival.

    O Piano Meeting 2017 celebrarase a finais do mes de setembro en Ourense e contará coas actuacións dos 20 seleccionados na fase de Concurso, que terán lugar ao aire libre en lugares emblemáticos da cidade, e incluirá tamén talleres de piano para neófitos e concertos de grandes pianistas convidados, permitindo tamén a participación de pianistas espontáneos que se animen a tocar.


    Concellería de Cultura
    Concello de Ourense
    2017

     

    Rúa da Canle, 1
           32005 Ourense

     

       988 391 290

    Contacto

     

    Accesibilidade

     

    Permisos

    Cultura nas redes:

     

      Facebook

     

      Twitter

     

      Youtube

    Diseñado y programado por ACV Galaica