• Verán Cultural
  • Tempo
  • Premio Risco
  • Estridencias
  • Apego
  • O festival Internacional de danza Corpo(a)terra volverá encher as rúas de Ourense de arte do 4 ao 14 de xullo

    Ourense, 3 de xullo de 2017.

    A coreógrafa e bailarina costarricense Estefanía Dondí escenificou, esta mañá nas escaleiras de Santa María Nai de Ourense, o inicio da sétima edición do festival internacional de danza e artes do corpo Corpo(a)terra, que do 4 ao 14 de xullo volverá encher as rúas da nosa cidade de arte. “Este festival é símbolo do vigor cultural do que goza Ourense”, salientaba na presentación a concelleira de Cultura, Belén Iglesias, “logo de 9 días de festas ininterrompidos de festas”. No acto tamén estiveron Manuel Doval, deputado provincial de cultura, quen aplaudiu “saír dos espazos pechados para dinamizar a vida das persoas”, e Jacobo Sutil, director da Agadic, quen aproveitou para anunciar as axudas á produción do seu departamento: o vindeiro ano incluirán tamén disciplinas coma a danza.

     

    Nesta sétima edición participarán diferentes artistas do ámbito nacional e internacional, pero cunha ampla participación de artistas galegas e ourensás. Presentaranse pezas pechadas, estreas e pezas creadas para o propio festival en coprodución, caso sunha peza escrita por Guadi Galego e interpretada por Davide Salvado. “Haberá danza, pero tamén a performance, a danza-circo e a música”, destacaba Marta Alonso, do equipo organizador do Corpo(a)terra.

     

    No tocante a programacións internacionais contamos coas propostas da Japan Foundation e o Certame SóLODOS en Danza, artistas de Brasil, Francia, México ou Costa Rica. Do ámbito nacional haberá unha importante presenza de artistas catalanas con nomes destacados como Laly Aguaydé ou Sonia Gómez. De Galicia destácase a participación de Alba Fernández Cotelo, programada como artista galega emerxente, ou as compañías La Macana & Andrea Quintana, así coma a compañía da ourensá Nuria Sotelo, Licenciada Sotelo, que presentará o seu traballo en proceso en Allariz.

    A programación oficial esténdese aos días 6, 7, 8, 9, 12 e 14 de xullo. Os días 6, 7 e 8, como é costume, a actividade iniciarase en Santa Eufemia as 20:00h. Nesta ocasión comezará coa posta en escena de Radio Frisson. A xornada continuará cada día dende ás 21:00h coas pezas de danza emprazadas polo casco antigo da cidade. Seguirá o itinerario previamente informado durante estas primeiras tres xornadas de programación.

     

    Para o 9 de xullo está programada “a posibilidade da xornada InCORPORADAS, unha posible xornada IN de corpo(a)terra, que tería lugar nos xardíns do IES As Lagoas ás 19:00h: un espazo de encontro reservado para ser ocupado polos participantes de ENXEBRE´17Danza que queiran compartir os seus traballos”, en palabras de Paula Quintas. “Esta xornada artellaríase ao logo da primeira semana de formación en caso de que xurda a sinerxia necesaria para articulala”. O día 12 de Xullo, co ánimo de ocupar novos espazos e novos públicos, o festival sairá do casco antigo da cidade para explorar un novo espazo emblemático para a programación oficial en Ourense, a Ponte Vella, coa compañía catalana Arias Fernández. O día 14 de xullo está programada por primeira vez unha xornada oficial en Allariz. Apoiada pola Deputación de Ourense e CompliCidades; comezará ás 20:00h. Nesta xornada programarase Danza en Ruta, apoiada pola Agadic na Rede Complicidades.

     

    Outras actividades

    Dende o martes 4 comeza o programa internacional de formación intensiva en danza ENXEBRE´17danza que se desenvolverá nas Instalacións do IES As Lagoas cinco horas e media de formación diarias, máis de 8 profesionais e a dispoñibilidade absoluta dun espazo onde compartir información, experiencias e aprendizaxe. Apostarase nesta edición por unha formación dirixida prioritariamente por mulleres, como posicionamento firme e contraposto á tendencia xeral que fomenta a presenza profesional masculina dos Summer Intensive de danza.

     

    Actividades paralelas serán tamén o taller da xaponesa Um Yamada & Lion Kawai que terá lugar o día 9 de 13 a 15h no IES As Lagoas, espazo oficial de formación Corpo(a)terra. Pero tamén a colaboración iniciada neste curso 2017/2018 co Bacharelato Artístico IES As Lagoas e abandeirada pola Asociación trasPediante Cultura, creando pontes entre a experiencia artística educativa e a profesional e incluíndose no curriculum formal académico.

     

    Toda a información actualizada diariamente en:

    • www.corpoaterra.com

    • Facebook: @corpo(a)terra

    • Instagram: corpoaterra

    • Twitter: @Corpoaterra

     


    Concellería de Cultura
    Concello de Ourense
    2017

     

    Rúa da Canle, 1
           32005 Ourense

     

       988 391 290

    Contacto

     

    Accesibilidade

     

    Permisos

    Cultura nas redes:

     

      Facebook

     

      Twitter

     

      Youtube

    Diseñado y programado por ACV Galaica