- AUDITORIO MUNICIPAL
-
MUSEO MUNICIPAL E OUTROS ESPAZOS EXPOSITIVOS
-
CICLO FESTIVO E FESTIVAIS
-
OUTRAS FESTAS E AUTORIZACIÓNS
-
PREMIOS E SUBVENCIÓNS
Máis de 20.000 persoas asistiron na Praza Maior aos concertos das Festas de Ourense
Ourense, 04 de xullo de 2017.
A Praza Maior, epicentro das festas de Ourense 2017, recibiu a visita de 20.000 persoas nos concertos celebrados ao longo da semana. Son as cifras que extrae a Concellería de Cultura, e que se suman ás 45.000 que pasaron pola praza do Bispo Cesáreo, as 10.000 que asistiron á Batalla das Flores ou ás máis de 6.000 que presenciaron os espectáculos de teatro da Alameda. “A análise dos datos reflicte un balance máis que positivo”, manifestaba o alcalde, Jesús Vázquez, na rolda de prensa de valoración. “As Festas supuxeron un esforzo organizativo” que tamén se trasladou á seguridade, un aspecto moi valorado por asistentes e organizadores.
“A programación das Festas tratou de conxugar diferentes sensibilidades; a variada selección de propostas musicais foi valorada e a xente respondeu a elas, que era do que se trataba”, salientaba Vázquez Abad, quen presumía dunha “oferta digna e atractiva” durante os nove días de festexos.
No tocante á oferta musical, o concerto máis masivo foi o de Iván Ferreiro, con 3.566 espectadores en hora punta. Sumados aos concertos de Los Puntos (1.267), La Edad de Oro del Pop Español (3.506), Los Diablos (2.293), Burning (2.208), Caxade (903), León Benavente (1.083) e Carlos Jean (1.900), fixeron un total de 17.000 espectadores. Estes aforos producíronse nos momentos de máximos de persoas na Praza. “A estes totais habería que sumarlles unha renovación do 25% de público cada hora”, explicaba o rexedor.
Na rolda de prensa tamén se deron os datos de asistencia aos concertos do Posío: Sweet California (2.000) e Ourense Dance (1.500); Enofestival (400 entradas vendidas nos primeiros 20 minutos nos que se puxeron á venda), concertos da Praza de San Martiño (500 de media, cheo total) ou Praza do Ferro (300 de media) e as orquestras (5.000), moi valoradas polos asistentes.
Fóra da música, o teatro de rúa sumou máis de 6.000 espectadores, o espazo para bebés estivo ateigado nos dous pases diarios, e a aposta polo microteatro na Sala Valente rexistrou cheos en catro de cada seis pases diarios.
A batalla de Flores (10.000 asistentes), o Mercado medieval -cunha participación limitada a 70 postos por cuestións de seguridade- e o Street Foud foron outros dos grandes acertos destas festas.
O Street Foud, un acerto
“Aínda que o volume de negocio resulta moi difícil de cuantificar, a valoración de todos os participantes do Street Foud, sen excepcións, superou as expectativas e animounos a participar en futuras edicións”, dixo Jesús Vázquez. Como balance, un total de 38 expositores -18 food trucks, 5 deles ourensáns e outras furgonetas chegadas doutras partes de Galicia, Madrid, Euskadi- ademais de 20 tendas de emprendedores dos sectores da arte, a moda e as novas tendencias, 18 delas, xestionadas por ourensáns. “Gáñase así un espazo de máis de 2.000 metros cadrados para as festas da cidade: Un espazo de lecer, céntrico, moi próximo ás actividades da Praza Maior e de todo o casco Histórico e con animación e vida propia... un acerto”.
Polas súas actividades, entre as que se atopaban actuacións musicais e escénicas diarias, pasaron 45.000 persoas, unha media de 5.000 por día.