CONTACTO

  • Expo La Caixa
  • Programa infantil
  • Concello de Ourense - Cultura - AUDITORIO MUNICIPAL

    Sarabela estrea este venres "O Rei morre", de Ionesco, unha metáfora do tirano aferrado ao poder

    Ourense, 11 de setembro de 2017.

    Sarabela Teatro estrea, este venres 15 no Auditorio Municipal desde as 21:00 horas, a súa última obra: O Rei morre, unha versión libre do texto orixinal de Eugene Ionesco que conta coa dirección de Ana Vallés. A dramaturga, que define a obra coma “unha metáfora do tirano que se aferra ao poder”, presentou esta mañá en rolda de prensa a súa última proposta coa asistencia do elenco de Sarabela, do alcalde de Ourense, Jesús Vázquez e do director da Agadic, Jacobo Sutil.
    O rexedor destacou que “Sarabela Teatro, premio da Cultura Galega nas Artes Escénicas 2016, vai camiño de ser patrimonio cultural desta cidade” logo xa de  “36 anos con nós descubríndonos a autores como Calderón, Lorca, Blanco Amor, Kundera ou, coma neste caso, a Eugene Ionesco, mestre do teatro do absurdo”. Vázquez Abad animou igualmente aos ourensáns a acudir ao Auditorio para gozar “dunha das metáforas dramáticas máis profundas e implacables sobre a vida e a morte do ser humano”, dixo, “un ambicioso ensaio sobre a aprendizaxe e a aceptación da morte interpretado a través do traballo do corpo, dos textos e da linguaxe non verbal que supón a posta en escena”.
    O Rei morre está dirixida por Ana Vallés, directora de teatro e actriz, cofundadora de Matarile Teatro e que, entre outros, ten galardóns coma o premio de honra ABRENTE da mostra internacional de teatro de Ribadavia (MIT). Na parte interpretativa están o elenco composto por Fonso Míguez, Fina Calleja, Sabela Gago, Nate Borrajo e Fernando Dacosta. Este último salientou que “entrar na poética de Ana Vallés é un regalo para todos nós pola precisión e o traballo co corpo”, dixo. Pero tamén destacou o carácter educativo e divulgativo desta “obra parateatral”.
    A estrea de Sarabela supón unha excelente noticia para a cultura e para a vida cultural desta cidade, que abre o telón de actividades coma o Piano Meeting, o ciclo de lírica, o OUFF, o Enclave de Cámara ou a Fito, tamén no eido das artes escénicas, “que fan de Ourense unha cidade viva, un depósito da cultura e un lugar fantástico para descubrir e gozar de todo o talento acumulado”, incidía Jesús Vázquez.

    Venres 15 ás 21:00 horas
    A estrea de O Rei morre será este venres ás 21:00 horas no Auditorio de Ourense (entradas á venda en ataquilla.com e na propia billeteira dúas horas antes da función, que se repetirá o sábado 16 e o domingo 17 en horario de  20:30 horas. Sarabela volverá ás táboas con O Rei morre os vindeiros 29 e 30 de novembro e 1 de decembro.

    Concellería de Cultura
    Concello de Ourense
    2017

     

    Rúa da Canle, 1
           32005 Ourense

     

       988 391 290

    Contacto

     

    Accesibilidade

     

    Permisos

    Cultura nas redes:

     

      Facebook

     

      Twitter

     

      Youtube

    Diseñado y programado por ACV Galaica