• Expo La Caixa
  • Programa infantil
  • Tempo
  • Estridencias
  • Apego
  • A quinta edición do Enclave de Cámara traerá ao Teatro Principal as mellores composicións desde o Barroco interpretada por músicos de primeiro nivel

    Ourense, 12 de setembro de 2017.
     
    A quinta tempada do ciclo de música clásica Enclave de Cámara traerá a Ourense, na súa cita mensual -a primeira cita será o mércores 4 de outubro- un amplo repertorio desde o último barroco á contemporaneidade interpretado por músicos de primeiro nivel internacional. Na presentación en rolda de prensa, o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez salientaba “a inesgotable paixón divulgativa deste programa, pero non só para os clásicos senón para as propostas máis arriscadas e innovadoras”. Precisamente era ese “valor didáctico” o que destacaba a concelleira de Cultura, Belén Iglesias, de todas as propostas da área de Cultura.
     
    Grazas á inestimable cooperación da Deputación de Ourense, o Teatro Principal acollerá “unha programación heteroxénea, tanto en compositores como intérpretes, cun amplo abano de estilos que van desde as Catro Estacións de Vivaldi até as composicións de Fernando Guridi coa solista Cristina Pato ao piano”, relataba Patrick Alfaya, asesor de programación do Enclave de Cámara. Nesta nova aposta do concello de Ourense pola música clásica procurouse facer unha proposta ampla e atractiva que inclúe pezas de  Bach, Haydn, Mozart, Beethoven, Rossini, Schumann, Brahms, ata os máis contemporáneos como Bloch, Nielsen, Reicha, Stravinsky, Piazzola, ou o catalán Cassadó.
     
    Obras para diferentes épocas e estilos, e tamén para diferentes formatos. Así, pasarán polo Teatro da rúa da Paz cuartetos, dúos, quintetos ou sextetos, para terminar co recital duns dos pianistas máis recoñecidos da actualidade: Nikolai Lugansky. Pero tamén haberá espazo para os intérpretes galegos como son os solistas de vento da Sinfónica de Galicia e Cristina Pato, que estará xunto a un músico tan versátil como Nicholas Cords interpretando a Guridi, “un dos mellores compositores contemporáneos”, en palabras de Patrick Alfaya.
     
    A primeira cita será o mércores 4 de outubro co cuarteto de corda Dalia Quartet con prezos que oscilan dos 5 aos 8 euros. Toda a programación en: www.enclacedecamara.com

    Concellería de Cultura
    Concello de Ourense
    2017

     

    Rúa da Canle, 1
           32005 Ourense

     

       988 391 290

    Contacto

     

    Accesibilidade

     

    Permisos

    Cultura nas redes:

     

      Facebook

     

      Twitter

     

      Youtube

    Diseñado y programado por ACV Galaica