- AUDITORIO MUNICIPAL
-
MUSEO MUNICIPAL E OUTROS ESPAZOS EXPOSITIVOS
-
CICLO FESTIVO E FESTIVAIS
-
OUTRAS FESTAS E AUTORIZACIÓNS
-
PREMIOS E SUBVENCIÓNS
O Enclave de Cámara celebra, este xoves no Teatro Principal, o concerto de Cristina Pato e Nicholas Cords
Ourense, decembro de 2017.
A ourensá Cristina Pato (piano) e o norteamericano Nicholas Cords (viola) chegan a Ourense, no marco do V ciclo Enclave de Cámara, cun recital centrado na idea de transformación e espiritualidade. Interpretando obras de compositores do século XX, achegarán unha visión fascinante e orixinal da música de cámara na actualidade. Un exercicio de exploración musical que xorde da experiencia profesional de dous grandes artistas e que pretende revisar a idea do que significa un concerto de cámara na sociedade do século XXI. A cita será o xoves 14 ás 20:30 horas no Teatro Principal.
Unha das experiencias que comparten os dous músicos é o traballo que dende hai anos desenvolven no Silk Road Project do violonchelista Yo-Yo Ma. Un proxecto e un colectivo musical que aspira a crear un mundo mellor a través dunha radical e transcultural colaboración musical entre artistas. Nicholas faino coma codirector artístico e Cristina como asesora de educación. Pero tamén coma intérpretes e, xunto a Yo-Yo Ma, percorreron o mundo en xiras que os levaron a moitos dos teatros máis emblemáticos, coma o Lincoln Center de New York, a Ópera de París ou o Concertgebow de Ámsterdam.
Horas antes do concerto, no Teatro Principal ás 16:00 horas, os dous artistas asistirán a un encontro aberto co público no Conservatorio Profesional de Música de Ourense. Estudantes e amantes da música en xeral poderán preguntar, aprender e compartir inquedanzas musicais con dous grandes representantes da música de cámara contemporánea.
As entradas para esta cita xa están á venda en www.ataquilla.com. Na billeteira do teatro estarán dispoñibles dende dúas horas antes do concerto.
O Enclave de Cámara está organizado polo Concello de Ourense e conta coa colaboración da Deputación Provincial de Ourense, do Teatro Principal e da Corporación Radio e Televisión de Galicia.
Programa: Transformación e espiritualidade
Cristina Pato, 1980 | Preludio Azul (2017)
Arvo Pärt, 1935 | Fratres (1977)
--
Dana Lyn, 1974 | Endlessly, I would have walked… (2017)*
--
Fernando Buíde, 1980 | Cantiga (2012)**
--
Alberto Ginastera, 1916-1983 | Danza de la moza donosa (Tres Danzas Argentinas)
Caroline Shaw, 1982 | in manus tuas (2009)
Xavier Montsalvatge, (1912 – 2002) | Pregaria a Santiago
--
George Enescu, (1881 – 1955) | Peza de concerto, para viola e piano
*Encargada por Nicholas Cords. Estrea absoluta.
**Encargada por Juan Ferrer. Estrea da versión para viola e piano.
Duración total do concerto: 70 minutos sen intermedio
Máis información: www.enclavedecamara.com