- AUDITORIO MUNICIPAL
-
MUSEO MUNICIPAL E OUTROS ESPAZOS EXPOSITIVOS
-
CICLO FESTIVO E FESTIVAIS
-
OUTRAS FESTAS E AUTORIZACIÓNS
-
PREMIOS E SUBVENCIÓNS
Concello de Ourense - Cultura - MUSEO MUNICIPAL
O Museo Municipal acolle a exposición Laxeiro sobre papel
A mostra é froito dun acordo de colaboración coa Fundación Laxeiro, mediante o que se poderán ver, por primeira vez en Ourense, un total de corenta e oito debuxos de Laxeiro que ilustran o seu proceso creativo.
O PROXECTO
A necesidade de afondar nos referentes culturais e artísticos da arte galega do século XX, levou ao Museo Municipal a propoñer unha exposición que achegara á cidade de Ourense, algún aspecto concreto da obra de José Otero Abeledo, Laxeiro (Lalín, 1908 - Vigo, 1996), un dos membros máis destacados da Vangarda histórica galega.
Laxeiro foi un artista dotado dun particular talento para o debuxo, debido a que nos albores da súa traxectoria, adoitou o costume de ir sempre equipado cun caderno e lapis, pluma ou pincel, o que lle permitía reproducir todo o que vía ao seu redor. Durante os anos de barbeiro ambulante, ao seu regreso de Cuba na segunda década dos anos vinte, Laxeiro aproveitaba os seus periplos por romarías, festas populares e mercados, para plasmar todo aquilo que vía. Traballa o retrato, mais tamén grupos de persoas, feirantes, tratantes de gando, paisaxes rurais, vacas, cabalos, etc.
Nalgunha ocasión, o artista de Lalín afirmou que o debuxo era na pintura, o equivalente ao pentagrama na música. Referíase a que a liña, organizadora do espazo pictórico, estrutura a composición que logo se completa coa aplicación da cor, modulando así as relacións de volumes, perspectivas, pesos, masas e demais elementos compositivos que conforman a obra rematada.
Esta relación tan íntima e inmediata co debuxo, será xa algo característico nel e xa non poderá prescindir dese método de traballo durante o resto da súa vida. Laxeiro, o debuxante compulsivo, pensa directamente coa man, aplicando a liña sobre o papel e solucionando así problemas técnicos, mediante a práctica continuada do debuxo.
Este proxecto nace a partir da idea de ilustrar o proceso no que o artista ensaia por primeira vez un tema ou un motivo, que pode ou non levalo finalmente ao lenzo, ou ao papel dun xeito xa rematado. É a partir desta idea, como se vai articulando todo o proxecto expositivo, e conseguir así traer a Ourense unha exposición que, lonxe de mostrar o máis coñecido do artista, se centre nunha faceta concreta do seu traballo, aportando así certa novidade ao público visitante que terá a oportunidade de achegarse a un Laxeiro centrado no proceso debuxístico, lonxa na meirande parte dos casos, do traballo final.
A EXPOSICIÓN
Composta por un total de corenta e oito obras, a exposición céntrase nos períodos da súa mocidade, incluíndo obras dos anos vinte, trinta e corenta, principalmente, con algúns exemplos de pezas que datan dos anos cincuenta.
Nesta secuencia temporal, pódese apreciar a evolución do artista, dende o debuxo de liña limpa - na que se evidencia a influencia do debuxo modernista que tanto empregara Castelao – ata o que se chamou estética granítica, unha forma de pintar e debuxar xa propia deste grupo, unha vez liberado da influencia do Modernismo, para rematar en debuxos, xa de finais dos anos corenta e principios dos cincuenta, de clara factura de xesto, moi en consonancia co Expresionismo.
Así, están incluídos dous curiosos debuxos, pertencentes ao período de formación do artista na Real Academia de Bellas Artes de San Fernando, en Madrid, en 1931 e 1932. Trátase de dous estudos anatómicos, un feminino e outro masculino, no que mestura o tratamento de volumes coa distribución parcial de partes óseas. Ambos debuxos son documentos de extraordinaria relevancia para achegármonos ao Laxeiro aprendiz, malia que por estes anos tiña xa unha estética propia ben definida, como o demostran obras como Carnavalada de 1931, pertencente á Colección permanente da Fundación Laxeiro / Concello de Vigo, un dos primeiros cadros expresionistas da arte galega.
Podemos ver outras curiosidades, como un neno descalzo, datado en 1931, unha fermosa peza que está a medio camiño entre o estudo académico e o retrato costumista, evidenciando xa unha singular mirada do artista.
Chaman a atención, polo atípico da temática, algunhas pezas de carácter urbano, como é o caso de Guindastre no porto de Vigo, Paisaxe industrial, Paisaxe urbana con depósito de auga, ou Edificio derrubado, todas datadas en torno ao ano 1941, ano no que Laxeiro se instala na cidade de Vigo. Este pequeno conxunto de debuxos afastados da temática rural tan frecuente na obra de Laxeiro, ademais de falarnos dun artista que pinta todo o que ve ao seu redor, cunha mirada aberta, deixa testemuña das poucas paisaxes sen figuras pintadas polo artista. Vigo resultou unha cidade chea de estímulos para el e deixa numerosos debuxos que o testemuñan, nesta mostra podemos ver escenas do mercado e tamén escenas de porto, moi pouco frecuentes nun artista da terra – e non do mar – como era Laxeiro.
O xénero retratístico é de crucial importancia en Laxeiro, tanto que lle valería como medio de subsistencia á súa chegada a Vigo en 1941. Nesta mostra hai varios exemplos da súa mestría nesta faceta, exemplos que van das influencias nomeadamente modernista de trazo claro e limpo, como é o caso do Retrato de home con garabata, datado na década dos anos trinta, cunha forma de debuxar nidia e concisa, coa que tamén realiza unha fermosa maternidade dunha nai moza e urbana, sentada nunha banqueta coa súa criatura no colo, mais tamén hai retratos realizados coa linguaxe da chamada estética granítica, como é o caso de Retrato de 1945, un rostro de moza de faccións rotundas, realizada a carbón cunha técnica de difuminado que resalta os volumes con gran acerto.
Non quixemos deixar de incluír tamén nesta mostra, algúns exemplos de escenas de café e de taberna, nus femininos, estudos de detalles concretos, como o caso dun delicioso debuxiño, datado nos anos corenta que recrea unha muller durmindo e, por suposto, o mundo infantil, tan importante na súa narrativa, está recollido aquí tamén en varias pezas da década dos anos trinta.
Laxeiro sobre papel preséntase así, como unha galería de personaxes, escenas e paisaxes que describe o proceso creativo dun pintor que foi evolucionando ao carón do século XX, deixando constancia nos seus debuxos desa atmosfera da primeira metade do século pasado, na que a modernidade na pintura e no debuxo, afirmábase dende un punto de vista formal, cun tratamento novo das formas e volumes, e dende un punto de vista narrativo, plasmando escenas e motivos dun xeito totalmente libre e novo, no que o costumismo idealizado queda superado por unha forma máis radical de plasmar o visible.
O ARTISTA
Laxeiro foi membro destacado do grupo coñecido como Os novos, da Vangarda histórica galega, grupo que foi responsable da entrada da arte galega na contemporaneidade no primeiro terzo do século XX, realizando unha obra que estaba en consonancia co que acontecía no panorama internacional.
Laxeiro e os seus compañeiros de xeración, rexeitaron a herdanza da xeración anterior de artistas galegos, ancorada na arte decimonónica, para propoñer novas linguaxes, no contexto da chamada á orde que o artista francés Jean Cocteau fixera a finais dos anos vinte, despois da resaca das vangardas de descomposición da imaxe, provocando movementos como a Nova obxectividade alemá que volvía á figuración dende formulacións non realistas.
Debuxante compulsivo dende o seu retorno de Cuba, a finais dos anos vinte, Laxeiro vai construíndo unha estética de gran expresividade e dinamismo, introducindo, como dixera Luís Seoane, o expresionismo en Galicia e catalizando os mundos literarios do esperpento de Valle Inclán e a Galicia mítica de Álvaro Cunqueiro. A súa obra, sintetiza deste xeito toda a tradición cultural galega coas vangardas do século XX, sempre do lado da pintura de pulsión, fronte a outras liñas de traballo máis analíticas.