CONTACTO

  • Carpichos espidos
  • os nosos fondos
  • Audi
  • O Premio Xoán Manuel Pintos recoñece o labor a prol da lingua galega do proxecto Apego, no que participa o Concello de Ourense

    Ourense, marzo de 2018
     
    O programa Apego, no que participa o Concello de Ourense, recibiu esta semana o premio Xoán Manuel Pintos, que outorga o Concello de Pontevedra, en recoñecemento ao seu labor a prol da promoción da lingua galega. O xurado subliñou o labor levado a cabo desde a última edición por esta iniciativa “porque consegue sumar a miles de familias para que sexan activas na transmisión da lingua galega desde o berce, como lingua inicial das súas fillas e dos seus fillos”. 
     
    Apego é un programa que se desenvolve desde os servizos municipais de normalización lingüística a aquelas familias que se preparan para a chegada dunha crianza, ou que xa a teñen, acompañándoas na transmisión da lingua desde unha perspectiva integral, ao facilitar argumentos en positivo, achegar recursos, crear redes e comunidade e arroupar en definitiva a crianza en galego con arraigo, orgullo e identidade. O Servizo de Normalización do Concello de Ourense proporciónalles unha caixa de benvida á familias que agardan unha criatura ou acaban de tela e facilítanlle información das actividades que se desenvolven na nosa cidade e consellos para unha crianza en galego.
     
    Apego propón o uso da lingua galega para crear vínculos coa familia, descubrir o mundo, asentar o arraigo á terra e crear redes que impulsen e arroupen o uso do galego coas crianzas. Dá a coñecer os recursos que existen e crea novos, para que as nenas e os nenos adquiran a lingua de maneira natural a través de contos, xogos, seres máxicos, adiviñas e cancións; crea comunidade para facilitar a presenza da lingua nos espazos de socialización dos primeiros anos de vida; e pula para que o futuro da lingua sexa tan forte e tan cheo de esperanza como as nenas, os nenos e as familias, que son a esencia do traballo a prol da lingua.
     
    APEGO é un programa colectivo creado para fomentar e mellorar a transmisión do galego como lingua inicial. É un proxecto dos servizos de normalización lingüística dos concellos da Baña, A Coruña, Ames, Carballo, Carballiño, Carnota, Cee, Ferrol, Lugo, Mazaricos, Moaña, Muros, Narón, Negreira, Nigrán, Oleiros, Ourense, Ponteceso, Pontevedra, Ponteareas, Redondela, Rianxo, Ribadeo, Rois, Sada, Santiago de Compostela, Teo,Vigo, Vilagarcía de Arousa, Vimianzo e mais da Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua.
     
    Premios ao impulso da lingua galega en 3 modalidades
    O Premio Xoán Manuel Pintos é unha iniciativa do Concello de Pontevedra co fin de facer recoñecemento público ao labor de impulso do uso da lingua galega e, ao mesmo tempo, manter viva a memoria do xurista e escritor Xoán Manuel Pintos, figura central do Rexurdimento e un dos pioneiros no compromiso coa defensa da lingua galega. 
     
    A entrega do premio tivo lugar no transcurso dunha gala celebrada o xoves, 15 de marzo, no Pazo de Mugartegui, na Praza da Pedreira, en Pontevedra
     
    Nesta edición, ademais do premio ao programa Apego polo labor realizado na súa última edición, foron distinguidos tamén co premio ao traballo de xeito continuado ao longo de toda a traxectoria vital e profesional,  Vitoria Ogando e Anxo González Guerra, profesores de lingua e literatura galega que desenvolveron os seus anos de docencia en Pontevedra, transmitindo a ducias de xeracións de estudantes o seu amor pola lingua e o orgullo de termos lingua, historia e cultura propias.
     
    Finalmente, entre todas as propostas presentadas pola cidadanía o xurado e resolveu premiar á Galipedia, a enciclopedia libre en galego pola súa promoción e normalización da lingua galega 
     
    O xurado estivo formado por Alberto Oubiña Piai, concelleiro de Normalización Lingüística; Beatriz Campos de Migallas Teatro e Luís Davila, premios Xoán Manuel Pintos no ano 2016; José Luís Rodríguez, representante da asociación cultural Os de Algures; Begoña Mayo, da asociación de veciños Eduardo Pondal; Elena Gallego Abad, do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia; Jorge Potel, do ENL do IES A Xunqueira II; Beatriz Corral Sánchez, representante da Administración autonómica- SXPL, e Concepción Cochón, técnica de normalización lingüística no Concello de Pontevedra.

    Concellería de Cultura
    Concello de Ourense
    2017

     

    Rúa da Canle, 1
           32005 Ourense

     

       988 391 290

    Contacto

     

    Accesibilidade

     

    Permisos

    Cultura nas redes:

     

      Facebook

     

      Twitter

     

      Youtube

    Diseñado y programado por ACV Galaica