CONTACTO

  • Letras Galegas 2018
  • Auditorio
  • EdC
  • Concello de Ourense - Cultura - AUDITORIO MUNICIPAL

    A danza e o circo, protagonistas na oferta cultural do Auditorio municipal para esta fin de semana

    Ourense, 25 de abril de 2018.
    O Auditorio municipal ofrece esta fin de semana unha dobre cita coa danza e co circo dentro da súa programación. O sábado, desde as 20:30 horas na sala principal, o grupo Traspediante interpretará Plastic, unha obra de Rut Balbís interpretada por Paula Quintas.
     
    Desde a antítese ou desde a retórica, Traspediante propón unha recuperación da memoria corporal desde dentro cara a fóra. Como emanan substancias desde o noso interior e podemos trasladalas a un código plástico estético e conservalo? Un traslado emocional pola traxectoria persoal e artística do propio corpo, datas, pegadas, obxectos, estimulación sensorial e cicatrización corporal lévannos ás ideas referenciais da historia da arte, xogos luminosos e transposicións. 
     
    O espectáculo de danza durará 50 minutos e as entradas custan 3 € [en www.ataquilla.com ou na sala de exposicións Afundación] ou 4 € na billeteira do Auditorio, dúas horas antes da función. 
     
    O domingo 29 ás 12:00 horas volve a programación infantil ao Auditorio co espectáculo Erori, de Cair Circo, para todos os públicos. Accións sinxelas e cotiás que derivan en acrobacias mediante golpes e caídas, contrastan con coreografías visuais de danza e malabares. O absurdo, o sinxelo e o universal está presente nas disparatadas rutinas de circo. Unha dramaturxia non lineal que cada espectador vivirá dunha forma única. As entradas, coma no caso anterior, custan 3 € [en www.ataquilla.com ou na sala de exposicións Afundación] ou 4 € na billeteira do Auditorio, dúas horas antes da función. 
     
    O domingo, máis danza
    O Concello de Ourense súmase este domingo á conmemoración do Día Internacional da Danza convertendo os espazos públicos da cidade nun escenario para os alumnos de oito escolas de danza da cidade e no que está previsto que participen máis de 500 persoas, con idades desde os tres anos en adiante. Entre as 10:30 e as 14:00 horas haberá actuacións de baile nos Xardíns do Padre Feijóo, na Praza de San Martiño e no Centro Marcos Valcárcel. A partir das 19:30, será a Praza Maior o escenario do espectáculo principal.

    Concellería de Cultura
    Concello de Ourense
    2017

     

    Rúa da Canle, 1
           32005 Ourense

     

       988 391 290

    Contacto

     

    Accesibilidade

     

    Permisos

    Cultura nas redes:

     

      Facebook

     

      Twitter

     

      Youtube

    Diseñado y programado por ACV Galaica