- AUDITORIO MUNICIPAL
-
MUSEO MUNICIPAL E OUTROS ESPAZOS EXPOSITIVOS
-
CICLO FESTIVO E FESTIVAIS
-
OUTRAS FESTAS E AUTORIZACIÓNS
-
PREMIOS E SUBVENCIÓNS
Concello de Ourense - Cultura - AUDITORIO MUNICIPAL
O Auditorio énchese de teatro da lusofonía esta fin de semana con actuacións para adultos e para cativos
Ourense, outubro de 2018.
O Auditorio de Ourense acolle, esta fin de semana, dous espectáculos con acento portugués: o sábado 27, ás 20:30 horas, a CTB - Companhía de Teatro de Braga escenifica A Antiga Mulher, unha exploración de universos de luz e dos máis sombríos das nosas identidades, alí onde se confunden o equilibrio do feminino e do masculino nunha confrontación esencial cos nosos valores e as nosas aspiracións máis profundas.
A compañía lusa presenta, no centro do espectáculo, unha historia tan antiga como a da propia humanidade e, daquela, dunha modernidade constantemente renovada: Romy, antiga amante de Frank -casado vai dúas décadas con Claudia- bate na porta do apartamento do matrimonio. Ela quere encontrar o seu primeiro amor, o home que lle prometera 24 anos atrás que a amaría para sempre. É a historia da intimidade dun matrimonio e da problemática das relacións familiares, un retrato dunha sociedade contemporánea en sufrimento.
Sala principal. + 14 anos. Idioma: portugués. Duración: 90 minutos. Entradas, 5€ en www.ataquilla.com e 6€ na billeteira, dúas horas antes da función.
A CTB é unha estrutura profesional de produción teatral. Fundada en 1980 no Porto, está radicada en Braga desde 1984 no ámbito dun proxecto artístico que cruza as novas dramaturxias coa experimentación sobre o gran legado dramatúrxico da humanidade: os clásicos. A Antiga Mulher, estreada o 12 de outubro en Braga, é a nova montaxe da formación portuguesa, con 38 anos de traxectoria e 129 montaxes no currículo. A obra é orixinal de Roland Schimmelpfenning, un dos autores máis representados na actualidade.
A CTB desenvolve tamén con regularidade accións de formación de públicos, no ámbito do teatro, así como accións de sensibilización e creación de novos públicos, especialmente da mocidade. A representación do sábado forma parte dun intercambio cultural coa cidade de Braga, pola que a compañía ourensá il Maquinario Teatro representará Resaca no Theatro Circo, un dos maiores escenarios do país.
Martiña soñadora
O domingo 28, na habitual cita co teatro infantil ás 12:00 horas, o Auditorio seguirá con acento portugués grazas ás cancións de “Martiña soñadora”, un musical para toda a familia con letras en galego e ritmos brasileiros, portugueses, do rock & roll e mesmo do blues.
Martiña Soñadora está interpretada por Sabela King (voz e ukelele) e por Carlos Gil Fandiño (piano e voz), desprende grandes doses de optimismo e anima a que todo o público, novos e adultos, bailen e canten desde as súas localidades.
Sala principal. Todos os públicos. Duración 55 minutos.
Entradas, 3€ anticipada (www.ataquilla.com) e 4€ na billeteira, dúas horas antes da función.