CONTACTO

  • Magosot
  • Expo La Caixa
  • EdC
  • Auditorio
  • O dúo Daniel Röhn e Milana Chernyavska ofrece un recital de violín e piano no ciclo de música "Enclave de Cámara"

    Ourense, novembro de 2018.
     
    O VI ciclo de Música de Cámara de Ourense "Enclave de Cámara" trae, este mércores 7 ao Teatro Principal Ourense, o dúo formado polo violinista alemán Daniel Röhn e a pianista ucraína Milana Chernyavska. O concerto vén cun poderoso programa, cargado de paixón, musicalidade e virtuosismo e no que interpretarán obras de célebres compositores como Leclair, Debussy ou Mendelssohn, pero tamén de compositores menos coñecidos coma o noruegués Christian Sinding, que deixou un legado de obras excepcionais para seren interpretadas en concertos de cámara.
     
    O concerto comezará ás 20:00 horas, e as entradas oscilan entre os 5 e os 8 €. Entradas online á venda en www.ataquilla.com e na billeteira do teatro dende dúas horas antes do concerto.
     
    Daniel Röhn. Malia a súa xuventude, é un dos máis destacados talentos de hoxe en día. Terceira xeración dunha familia de portentosos músicos, destaca pola súa impresionante técnica  e por recorrer ás tradicións musicais do pasado. Non sorprende, polo tanto, que Ruggiero Ricci, un dos grandes virtuosos do violín do século XX apoie con entusiasmo este novo artista afirmando que “o seu xeito de tocar lembra ao dos vellos Mestres”. 
     
    Ten participado coma solista en prestixiosos festivais e foi convidado por Lorin Maazel, Ricardo Muti e Pekka Salonen para tocar en varias ocasións coa Orquestra Sinfónica de Radio Bavaria e coa SWR Sinfónica de Radio Stuttgart.
     
    Milana Chernyavska é outro dos grandes talentos ao piano hoxe en día. Conta cunha impresionante carreira coma solista que a levou a tocar nas salas máis importantes do mundo. Apaixonada tamén pola música de cámara, tocou xunto a Julia Fischer, Daniel Müller-Chott, o Vogler Quartet entre outros e fundou o Milander Quartet. Actualmente é profesora de Dmytro Choni na University of Music and Performing Arts de Graz (Austria), flamante gañador este ano do Concurso Internacional de piano Santander Paloma O'Shea.
     
    Como dúo, Röhn e Chernyavska tocaron en salas como a Berlin Philharmonie, a Sala da Filharmónica de Múnic, a Festspielhaus Baden-Baden, o Centro Cultural de Lucerna, o Concertgebouw Amsterdam, Cité de la Musique en Paris, Southbank Centre e o Wigmore Hall. Tamén o fixeron nos principais festivais europeos como son o Festival de Rheingau, o Festival Mecklenburg-Vorpormmern, o Festival de Lucerna ou o Festival de Verbier.
     
    Programa do concerto
     
    I PARTE
    Jean-Marie Leclair (1697-1764) | Sonata en Re maior, Op. 9, n.º 3 (11')
    Claude Debussy (1862-1918) | Sonata para violín e piano
    Christian Sinding (1856-1941) | Suite im alten Stil, Op. 10
     
    II PARTE
    Ernest Bloch (1880-1959) | Nigun de Baal Shem, B. 47
    Felix Mendelssohn (1809-1847) | Sonata en fa maior (1838)
     
    Máis información con todas as novidades do ciclo, no espazo web do ciclo, www.enclavedecamara.com, e tamén en facebook, twitter e instagram.
    O Enclave de Cámara está organizado polo Concello de Ourense e conta coa colaboración da Deputación Provincial de Ourense, do Teatro Principal e da Corporación Radio e Televisión de Galicia.
     

    Concellería de Cultura
    Concello de Ourense
    2017

     

    Rúa da Canle, 1
           32005 Ourense

     

       988 391 290

    Contacto

     

    Accesibilidade

     

    Permisos

    Cultura nas redes:

     

      Facebook

     

      Twitter

     

      Youtube

    Diseñado y programado por ACV Galaica