- AUDITORIO MUNICIPAL
-
MUSEO MUNICIPAL E OUTROS ESPAZOS EXPOSITIVOS
-
CICLO FESTIVO E FESTIVAIS
-
OUTRAS FESTAS E AUTORIZACIÓNS
-
PREMIOS E SUBVENCIÓNS
Montserrat M. Caballé e Cecilia L. Berganza abren o III Ciclo Lírico de Ourense, do 24 de novembro ao 14 de decembro
Ourense, novembro de 2018.
A terceira edición do Ciclo Lírico de Ourense será “unha homenaxe a dúas das mulleres imprescindibles na historia da lírica universal”. Así presentaba o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, a programación deste ciclo de concertos que se abrirá, o venres 23 de novembro, cun concerto a cargo de Monsterrat Martí Caballé e de Cecilia Lavilla Berganza, herdeiras de dúas das voces máis grandes de todos os tempos. Até o 14 de decembro, Teatro Principal e Liceo acollerán o máis amplo abano de estilos relacionados con este xénero musical.
O ciclo quere atraer a atención de todos os públicos e divulgar este tipo de música que, malia contar con moitos adeptos na nosa cidade, aínda é unha grande descoñecida para o grande público. Con ese ánimo, o sábado 24 de novembro haberá, no Liceo, unha conferencia a cargo das sopranos Berganza, Teresa e Cecilia L., aberta ao público. O resto do programa completarase con outros tres concertos que nos suporán “unha oportunidade única de vivir a lírica desde a máis rica das heterodoxias, no referente a estilos e xéneros”, en palabras de Vázquez Abad.
“Ourense está nunha dinámica moi europea”, indicaba o profesor Roberto Relova, do Conservatorio Superior de Música de Vigo, “a de reivindicar a historia e a memoria dos grandes artistas. A cutura en Ourense foi construíndo, pouco a pouco, esta xoia”, en referencia ao programa do ciclo.
Porén, este ano abrirase o programa aos valores en alza da música galega: nomes coma os do dúo formado polo tenor Pablo García-López e o pianista Aurelio Viribay, o 30 de novembro, ou o de Tamara Lorenzo Gabeiras, pianista formada en Londres, residente en Zúric e actualmente integrante da ópera de Chicago, darán moito do que falar nos anos vindeiros. “Poderemos dicir, con orgullo, que pasaron por Ourense”, adiantaba o rexedor, que tamén agradeceu o apoio da Deputación Provincial e de Abanca, representados na rolda de prensa polo vicepresidente Rosendo Fernández e polo delegado territorial, Rubén Saavedra, respectivamente.
As entradas pódense adquirir en www.ataquilla.com a un prezo desde 5€.