CONTACTO

  • Ndal
  • Ciclo Lírico
  • Expo La Caixa
  • EdC
  • Auditorio
  • Concello de Ourense - Cultura - AUDITORIO MUNICIPAL

    Os mellores expoñentes da danza contemporánea internacional cítanse esta fin de semana en Ourense

    Ourense, 20 de novembro de 2018.
     
    A terceira edición do festival SÓLODOS EN DANZA, que se celebra no Auditorio os 23 e 24 de novembro, reunirá en Ourense os mellores expoñentes da danza contemporánea internacional. En dous días desfilarán polo espazo municipal artistas de 12 comunidades autónomas españolas, pero tamén de Portugal, México e Costa Rica, entre outros. Porén, o SóLODOS en DANZA quere ser un espazo aberto para a participación de todo o mundo: os profesionais, que contarán con clases maxistrais; a mocidade, que terá un programa exclusivo e outorgará o premio xove; e as persoas maiores de 60 anos, para as que haberá obradoiros de danza.
     
    Maruxa Salas, a metade de SóLODOS, resaltou na presentación a oportunidade que supón este festival para coñecer os novos valores da danza: “o festival acollerá a presentación de 13 obras de creadores noveles iberoamericanos”. Ademais, o venres 23 de Novembro ás 20.30 horas celebrarase a gala SóLODOS EN DANZA cos seguintes artistas e compañías convidadas: Tejido Conectivo (Andrea Amor e Miguel Ángel Punzano); Iron Skulls (Agnés Sales, Héctor Plaza, Diego Garrido, Adrián Vega e Moisés-Moe) e Cía Exire con Alba Fernández Cotelo, gañadora da pasada edición do Certame e protagonista do cartel da presente edición.
     
    O 24 de Novembro ás 20.30 horas terá lugar o Certame de Creación de Dúos e Solos en Danza Contemporánea, onde concursarán 6 coreografías. A coreografía ganadora será premiada co premio Sólodos en Danza, e ademais entregaranse diferentes premios e bolsas entre os artistas participantes. Un dos premios será outorgado polo público asistente ao certame, quen votará para seleccionar a súa coreografía preferida e entregarase o Premio do Público. Este mesmo día e antes da entrega de premios poderemos gozar das actuacións da compañía Iron Skulls e do artista Arnáu Pérez, ganador do Premio Xove na pasada Edición do Festival.
     
    Entre as actividades paralelas do festival, atopamos un Foro profesional, onde estarán presentes proxectos como Espacio Espiral-Laboratorio Escénico y de Artes Afines de Santander, Les Naves de Gijón, Centro de Danza de Zaragoza, Red a Cielo Abierto (Red de Festivales de Calle de España), Festival Trayectos de Zaragoza, Festival ContraDANÇA Festival de Danza e Movimiento Contemporáneo de Covilha en Portugal e Sólodos en Danza (Costa Rica / Ourense): Proxectos culturais que promoven o traballo escénico contemporáneo e favorecen a mobilidade de creadores noveis.
     
    Danza para todas as idades
    A concelleira de Cultura, Belén Iglesias, destacou “a vertente didáctica do certame” na presentación desta mañá. Non en van, o 23 de Novembro pola mañá máis de 400 nenas e nenos da provincia de Ourense teñen un programa exclusivo para eles, no que compartirán e poderán dialogar cos creadores sobre as súas obras. Serán eles, precisamente, quen outorguen o Premio Xove a unha das 6 obras do certame de creación de dúos e solos. Eles seleccionarán, tamén, a súa coreografía gañadora.
     
    Os obradoiros de danza contemporánea para maiores de 60 anos, abertos e gratuítos, son unha das novidades desta edición. Erick Jiménez, a outra metade de SóLODOS, salientaba que “son experiencias que xa funcionaron noutros lugares -con persoas con mobilidade reducida, maiores, nenos en perigo de exclusión...- e que a medio prazo poden dar os seus froitos”. 
     
    Neste sentido, Jiménez confía en que os diferentes diálogos e vocabularios da danza cheguen a canta máis xente mellor a través de o traballo cos diferentes grupos de idade.
     
    Máis info: www.solodos.es
     
    Máis programación no Auditorio, esta semana.
    O domingo, 25, ás 12 horas volverá a programación infantil cunha obra de teatro para cativada desde os 5 anos: Adeshoras, de Berrobambán. Nesta obra, a compañía regresa ao territorio mudo, á linguaxe visual, ao humor sen palabras que lle valeu o recoñecemento internacional, da man de Paula Carballeira e Nuria Sanz. A protagonista do seu conto. Amodo, xogando, recupera o fío que a leva a recoñecerse no espello, grazas a quen a visita por sorpresa, a deshora, rompendo as súas rutinas, facendo que se sinta nena, unha nena perdida que por fin se atopa. As entradas custan 3 euros en venda anticipada e 4 no despacho de billetes.
     
    Tamén o domingo, ás 19 horas, música tradicional galega: “Nurtha, Nord, Norte…Noró”, a cargo de Xabier Díaz e as adufeiras de salitre.
    Di Xabier Díaz acerca deste espectáculo que “o norte é case un estado emocional para min. Gústame o seu frío, a auga, a humidade e a música. No norte hai música en tódalas cousas. É unha música sólida, ancestral e serena. Este disco é como un retrato do meu timeline recente, como unha necesidade de rematar a talla e de mellorar o método”. Participan 10 músicos e as entradas, a partir de 14 euros, pódense adquirir en www.ataquilla.com.
     
    Ata o 30 de novembro, no vestíbulo inferior pódese ver a exposición "Paisaxes e personaxes", homenaxe a María Victoria Moreno”. A Xunta de Galicia réndelle tributo a autora no marco da programación institucional Letras Galegas 2018, cun proxecto expositivo itinerante que visita 11 localidades galegas. A mostra baséase en ilustracións dos principais personaxes e escenarios de oito libros de María Victoria Moreno creadas por Nuria Díaz, Lucía Cobo, Xan López Domínguez, Jacobo F. Serrano, Jacobo Muñiz, Mari Fe Quesada, Bea Lema e Dani Padrón, baixo a coordinación de David Pintor. A exposición pódese visitar, de balde, no horario público do Auditorio: de luns a venres entre as 8.30 h e as 14.30 h.

    Concellería de Cultura
    Concello de Ourense
    2017

     

    Rúa da Canle, 1
           32005 Ourense

     

       988 391 290

    Contacto

     

    Accesibilidade

     

    Permisos

    Cultura nas redes:

     

      Facebook

     

      Twitter

     

      Youtube

    Diseñado y programado por ACV Galaica