CONTACTO

  • Prem poesía
  • MMOu
  • EdC
  • Concello de Ourense - Cultura - MUSEO MUNICIPAL

    O paraíso nesta esquina, de Belén Padrón e Xosé Carlos Seoane, é a nova aposta expositiva do Museo Municipal

    Ourense, 14 de febreiro de 2019.
     
    O Museo Municipal inaugura esta tarde ás 20:00 horas a súa nova aposta expositiva: 'O paraíso nesta esquina', unha colectiva dos artistas Belén Padrón e Xosé Carlos Seoane que ocupará as salas 1 e 2 até o 17 de marzo. Na exposición mestúranse os lenzos de grande formato da artista ovetense, que xa expuxera no Municipal en 2013 -daquela con 'El Gabinete de un aficionado'-, coas instalacións pictóricas de Seoane. Ambos, unidos pola súa amizade e pola paixón por ocupar espazos con arte, presentan unha particular versión do paraíso cheo de texturas e de elementos orgánicos e vexetais. 
     
    O traballo de Xosé Carlos Seoane consiste en cadros de corte expresionista planeados como “grandes apuntes”, debuxos e trazos sobre o lenzo como se fosen unha folla de caderno. Eses pequenos bosquexos sobre papel ou calquera outro tipo de soporte, a medida que se van transformando -con manchas de pintura, roturas ou envellecementos- acaban convertidos en obras acabadas ao enmarcarse. Papeis vellos, cartóns, marcos como parte integrante da obra, plásticos... envolven o papel, que se converte en protagonista.
     
    Algunhas obras son simples debuxos individuais, outras están planeadas como polípticos. Así, Las mil y una flores é unha instalación pictórica que consta de 24 cadros de distintos formatos. Noutras, como Tableros, xoga co formato do xadrez establecendo variacións xeométricas no conxunto. 
     
    Malia seren obras moi diferentes, tanto na técnica coma nos formatos, os bosquexos de Xosé Carlos Seoane e os lenzos de Belén Padrón “maridan ben”, en palabras do primeiro. 
     
    O xardín a través do cendal. Padrón presenta un conxunto de lenzos nos que destaca o uso das cores e das xeometrías, mesmo xogos de perspectivas e profundidades, con escenas vexetais e nocturnas. Un xogo visual do grande e do pequeno formato que nos traslada a mundos diversos dunha idea conceptual, abstracta, con reminiscencias do modernismo de Klimt, puntillismo post-impresionista, sempre dende unha elaboración coidada e exquisita
    Nas súas pinturas hai tecidos e bordados cromáticos, en gamas atemperadas de amarelos e azuis verdosos, con tons carmín. Unha reflexión silenciosa e íntima: estados de ánimo manifestados plasticamente, coma se o mundo virase a través dun cendal elaborado coa mínima materia. 
     
    Combina pigmentos acrílicos con oleosos e outras materias para que a obra enfatice a súa execución, pero sempre amosando unha sensibilidade moi acusada e eminentemente feminina.

    Concellería de Cultura
    Concello de Ourense
    2017

     

    Rúa da Canle, 1
           32005 Ourense

     

       988 391 290

    Contacto

     

    Accesibilidade

     

    Permisos

    Cultura nas redes:

     

      Facebook

     

      Twitter

     

      Youtube

    Diseñado y programado por ACV Galaica