CONTACTO

  • Samain e magostos
  • Apego
  • Prem Risc
  • youtubeiras
  • MMOu
  • EdC
  • Festival de Música Pórtico do Paraíso, danza con Entresoños, teatro con Mariana e o infantil E-book, na programación cultural desta semana

    Ourense, marzo de 2019.
     
    O espectáculo de danza Entresoños, da compañía de Fran Sieira, iniciará pasado mañá, xoves, unha fin de semana cargada de cultura que inclúe o inicio da edición número 12 do Festival Internacional de Música de Ourense Pórtico do Paraíso, a estrea de Mariana, de Palmyra Teatro, no marco das actividades co gallo do Día Internacional das Mulleres, e unha nova cita co teatro infantil con E-book: As idades do libro.
     
    EntreSoños (14 de marzo, 20.30h, Auditorio) é unha obra de baile e música tradicional galega de 70 min de duración, cun elenco artístico de 3 bailadores/cantadores: Fran Sieira, Aida Tarrío e Xisco Feijoó, ao son da música do compositor e músico multidisciplinar Anxo Pintos, e dende unha visión contemporánea a través dos ollos do director artístico David Vilariño, bailarín contemporáneo e coreógrafo.
     
    Ao día seguinte estrearase a obra de teatro Mariana, orixinal de José Ramón Fernández e dirixida por David Ojeda, a cargo da Compañía Teatral Palmyra. Na obra, dentro da programación de actividades que organiza o Concello para celebrar o Día Internacional das Mulleres 2019, a actriz ourensá Lucía Álvarez meterase na pel de Mariana Pineda, a muller que se enfrontou ao rei Fernando VII. Será o venres, 15, ás 20:30 horas con entrada é libre até completar o aforo.
     
    Ese mesmo día, o grupo vocal italiano Odhecaton abrirá a XII edición do Festival Internacional de Música de Ourense Pórtico do Paraíso cun concerto na Catedral de Ourense, ás 21:00 horas. Será o primeiro dos sete concertos que nos levarán ao Mosteiro de San Clodio, de Leiro, á igrexa de Santa Mariña de Augas Santas, en Allariz, á de Santiago das Caldas, na propia cidade, e que finalizarán coa actuación do cuarteto austríaco Vienna Clarinet Connection, o día 24 no Teatro Principal.
     
    Completará a semana a nova cita coa programación familiar do Auditorio dos domingos ás 12:00 horas, con E-book. As idades do libro, de Spasmo Teatro. A obra ofrece a máis fascinante e disparatada historia do libro e os seus protagonistas. Un espectáculo con vocación didáctica, educativa e moi divertida, que se adentra no apaixonante universo do saber, dos grandes descubrimentos e da evolución da escritura e os seus soportes até o día de hoxe, culminando coa aparición do E-book. Chea de retranca, os mellores efectos visuais e sonoros, e grandes doses de humor xestual a cargo Spasmo.
     
    Ademais, desde o xoves, poderase visitar no Museo Municipal a nova proposta artística de Mónica Filgueira: Or@perucita / Taras.

    Concellería de Cultura
    Concello de Ourense
    2017

     

    Rúa da Canle, 1
           32005 Ourense

     

       988 391 290

    Contacto

     

    Accesibilidade

     

    Permisos

    Cultura nas redes:

     

      Facebook

     

      Twitter

     

      Youtube

    Diseñado y programado por ACV Galaica