- AUDITORIO MUNICIPAL
-
MUSEO MUNICIPAL E OUTROS ESPAZOS EXPOSITIVOS
-
CICLO FESTIVO E FESTIVAIS
-
OUTRAS FESTAS E AUTORIZACIÓNS
-
PREMIOS E SUBVENCIÓNS
A igrexa de Santa Eufemia acolle tres concertos de música barroca e relixiosa relacionados co Camiño de Santiago
Ourense, 27 de marzo de 2018.
A Concellería de Cultura presenta, para as vindeiras tres fines de semana, o ciclo Música do Camiño, “unha actividade que quere dinamizar a vida cultural e social da nosa cidade”, en palabras do alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, “que pretende unir o noso patrimonio físico e monumental coas músicas que chegan á cidade grazas á nosa incomparable posición dentro das rutas a Santiago de Compostela”, dixo.
Acceso ao programa.
Acceso ao programa.
“O Concello de Ourense ten a obriga de promover unha oferta variada no musical, e de calidade”, adiantaba Anxo F. Saborido, técnico de Cultura, na rolda de prensa. “Unha oferta que non é de masas, por iso se celebra nun lugar axeitado como é a Igrexa de Santa Eufemia”, matizaba. O primeiro concerto, este venres 29 de marzo, será 'Stabat Mater', a cargo do trío Orsini, Alicerce e Dapena, con música de Haydn ou Boccherini. O venres 5 de abril será a quenda do 'Senhora del Mundo', música relixiosa e profana do Renacemento a cargo de Camerata Piú Bassa. O último concerto será o sábado 13 de abril, 'Salve Regina', a mans de The New Barroque Times, un conxunto que explora e reinventa o universo sonoro dos séculos XVII e XVIII empregando instrumentos e prácticas da época.
O rexedor quixo agradecer o esforzo da Concellería de Cultura por manter viva “esa chama que fai de Ourense unha cidade viva e dinámica”, dixo, “unha cidade cun extraordinario patrimonio, continuamente alimentado pola influencia de visitantes a través da Vía da Prata – Camiño Mozárabe”. Cómpre salientar que Música do camiño se une a outras propostas de calidade contrastada coma o Enclave de Cámara, que por certo volve o 4 de abril co Trío Arriaga, o xa mencionado Pórtico do Paraíso ou o Ciclo Lírico.
Concertos:
Venres 29 de marzo: 'Stabat Mater'
Orsini, Alicerce e Dapena, 20:30 horas. Igrexa de Santa Eufemia.
Venres 5 de abril: 'Senhora del Mundo'
Camerata Piú Bassa, 20:30 horas. Igrexa de Santa Eufemia.
Sábado 13 de abril: 'Salve Regina'
The New Barroque Times, 20:30 horas. Igrexa de Santa Eufemia.