CONTACTO

  • Avance audi
  • MMOu
  • EdC
  • Os Maios, o desfile dos Entroidos de Galicia, música galega e jazz converterán Ourense no epicentro da Cultura e do ocio durante a fin de semana

    Ourense, abril de 2019
     
    Ourense converterase esta fin de semana no epicentro dunha grande festa da Cultura. Venres, sábado e domingo, cidadanía e visitantes poderán gozar dunha ampla serie de actividades organizadas polo Concello, en colaboración coa Xunta de Galicia. Jazz, música galega e tradicións únicas coma os Maios, (festa declarada de Interese Turístico) e os entroidos ofrecerán un paquete único e transformarán as rúas no mellor escenario para descubrir a nosa cidade. 
    “Esta fin de semana Ourense será o mellor lugar para as persoas que desexen ‘deXconectar’ das súas rutinas”, explicou o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, durante a presentación do programa de actividades, nun acto que contou coa presenza do secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; a delegada territorial da Xunta, Marisol Díaz Mouteira; e a concelleira de Cultura, Belén Iglesias. 
     
    “Hoxe presentamos esta gran oferta cultural. Pero non fan falla escusas para ‘Sentir Ourense’ e experimentar a maxia desta cidade. Porque ao longo do ano ofrecémoslles aos nosos visitantes unha forma de vivir especial, unha experiencia, unha sensación. Iso que coñecemos desde fai vinte séculos”, dixo o rexedor Jesús Vázquez.
     
    Na súa intervención, o rexedor destacou que grazas á colaboración coa Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega de Turismo e a Consellería de Cultura, a vindeira fin de semana Ourense vivirá unha efervescencia cultural que “converterá as nosas rúas nun destino atractivo para os amantes da música; das artes; da gastronomía; e de Festas que nos fan únicos no mundo, coma os Maios e o Entroido”, dixo o rexedor.
     
    “É unha proposta pioneira, que se desenvolve por vez primeira na nosa cidade e que nos converterá nun punto de referencia para atraer turistas e visitantes doutras zonas limítrofes e para dinamizar o noso Comercio e o sector hostaleiro”, incidiu o rexedor. 
     
    Concerto de Jazz
    Así, o venres 3 de maio, a Praza de Santa Eufemia acollerá o tradicional concerto de balde do XXIII Festival de Jazz de Primaveira. Este ano, estará protagonizado pola banda  The Blues Giants, un grupo que leva décadas enchendo os principais templos do jazz e do blues.
     
    Ourense, capital dos Entroidos de Galicia
    O sábado pola mañá, Ourense será a capital do Entroido, coa celebración do Desfile dos Entroidos de Galicia, unha actividade que chega a nosa cidade grazas á colaboración coa Xunta de Galicia. 
     
    Trátase dunha oportunidade excelente para gozar de Entroidos de Interese Turístico coma os de Cobres (Vilaboa), Manzaneda, Verín, Xenerais da Ulla e Xinzo de Limia. Ademais, tamén participarán figuras únicas doutros Entroidos coma os Volantes de Chantada, as Bonitas de Sande (Cartelle), os Vergalleiros de Sarreaus, os Vellaróns de Riós, os Galos de A Mezquita (A Merca) e unha representación do Entroido de Samede (Paderne).
     
    O desfile sairá ás 12:30 horas desde a Praza Maior e percorrerá as rúas da zona centro da cidade (Lamas Carvajal, praza de Santa Eufemia, rúa Lepanto, praza do Ferro, Santo Domingo, Parque de San Lázaro, Paseo, Lamas Carvajal e remate, de novo, na Praza Maior).
     
    Pola tarde, a Festa trasladarase aos Xardíns do Padre Feijóo, que acollerán a actuación, de balde, dunha das agrupacións musicais con máis historia da nosa comunidade: O grupo A Roda. Será a partir das 20:00 horas.  
     
    O broche de ouro destas fin de semana será o domingo, coincidindo coa tradicional celebración da Festa dos Maios. A partir das 11:00 horas, a rúa do Paseo acollerá a colocación das esculturas de musgo, mentres que a animación musical a cargo do grupo de gaiteiros Os Furafoles e dos cabezudos comezará ás 11:30 horas.
     
    O paseo do xurado será ás 12:00 horas. Ao longo da xornada haberá xogos populares e  animación de rúa. A entrega de premios e canto de coplas será ás 18:30 horas. A festa rematará coa actuación do grupo Os d’Abaixo.
     
    Exposición Antonio Fraguas
    Pero ademais destas actividades, o hall do Auditorio de Ourense acolle entre os días 1 e 15 de maio a exposición “Antonio Fraguas, memoria dun soño”, organizada con motivo das Letras Galegas 2019.  A nosa cidade é a segunda etapa que visita esta mostra itinerante que presenta a Xunta de Galicia.
     

    Concellería de Cultura
    Concello de Ourense
    2017

     

    Rúa da Canle, 1
           32005 Ourense

     

       988 391 290

    Contacto

     

    Accesibilidade

     

    Permisos

    Cultura nas redes:

     

      Facebook

     

      Twitter

     

      Youtube

    Diseñado y programado por ACV Galaica