- AUDITORIO MUNICIPAL
-
MUSEO MUNICIPAL E OUTROS ESPAZOS EXPOSITIVOS
-
CICLO FESTIVO E FESTIVAIS
-
OUTRAS FESTAS E AUTORIZACIÓNS
-
PREMIOS E SUBVENCIÓNS
Concello de Ourense - Cultura - AUDITORIO MUNICIPAL
O Auditorio programa para o próximo xoves Neorretranca e posmorriña, a última montaxe do Centro Dramático Galego
Ourense, 31 de maio de 2019
O Centro Dramático Galego representará o próximo xoves, 6 de xuño, ás 20:30 horas no Auditorio a súa última produción “Neorretranca e posmorriña”, orixinal de Esther F. Carrodeguas e Roi Vidal Ponte, dirixida por Gena Baamonde, cun elenco formado por dez actrices galegas. O CDG chega a Ourense dentro da xira que ate o 7 de xullo realiza co seu novo espectáculo. As entradas poderanse adquirir en www.ataquilla.com ou no despacho de billetes do Auditorio, desde dúas horas antes da actuación.
Neorretranca e posmorriña son, en palabras da compañía, dúas pezas sobre un mesmo sentir, caras diversas sobre unha mesma inquedanza. A identidade galega como concepto inaprensible, como acción non rematada, como busca incesante. A cultura, a lingua, a escrita, hábitos e prácticas sociais, tradicións e mitos propios. Memoria compartida inzada de símbolos que ás veces non recoñecemos como nosos, que interpelan a imaxinación dunha comunidade non sempre en sintonía.
Neorretranca no punto de mira. Ironía e humor negro acompañado dunha crítica irreverente e a sensación de ter chegado a un punto de inflexión no camiño, onde hai que soltar lastre, onde hai que deixar atrás certos símbolos, algunhas certezas con aparencia de verdade que xa non lle acaen a case ninguén. Namentres, Posmorriña no horizonte, imaxinación dunha Galicia posible que aínda non coñecemos e que, así e todo, non deixamos de estrañar. Saudades dun territorio aberto e por explorar.
O obra está dirixida por Gena Baamonde e interpretada por Ánxela Blanco, Areta Bolado, Olga Cameselle, Mercedes Castro, Raquel Espada, Anabell Gago, Atenea García, Andrea Quintana, María Roja e Laura Villaverde.