CONTACTO

  • Outono con apego
  • Ciclo Lírico de Ourense
  • Solodos
  • Apego
  • MMOu
  • EdC
  • O programa para bebés regresa ao Auditorio con catro novas propostas de música e teatro para as familias

    Ourense, 9 de setembro de 2019.-
    A programación de teatro para bebés volve esta semana ao Auditorio Municipal, co inicio dunha nova edición do Programa Apego. Catro espectáculos para cativos e cativas de até 3 anos sucederanse para achegar a infancia ás artes escénicas, coma a música ou o teatro. Será unha cita cada mes, sempre con dobre sesión na sala Apego do Auditorio, ás 18.00 e 19.30 horas, gratuíto para bebés e a un prezo de 3 euros para persoas adultas. As entradas pódense adquirir en www.ataquilla.com, na sala de Exposicións Afundación e na billeteira do Auditorio dúas horas antes da función.
     
    O primeiro espectáculo será o día 13 de setembro, co Pequeno gran show infantil - As nosas música d'aquí de Nelson Quinteiro. Esta é unha divertida proposta de contos, cantigas e escenografía da man do pintor Leandro Lamas. Un concerto didáctico moi colorido e participativo e unha viaxe polas historias, contos e cantigas da Illa de Con, alegoría de nós mesmos. O espectáculo conta coa participación do clown Señor Patajullo (Nelson Quinteiro) e o acompañamento do acordeonista Señor Cachelo (David Álvarez Caneda).
     
    A cita do mes de outubro será o día 4, con Que animaliño é?, de Trécola teatro. Conta a historia de Paula, que co seu xilófono e a través de diferentes elementos sensoriais fará que os máis pequenos poidan coñecer os distintos animais. Representación para bebés que fará que gocen, coñezan e recoñezan as cousas que ven ao seu redor. 
     
    O 15 de novembro volverá a música con Son no berce, da Cova das letras. Espectáculo que esperta as emocións das crianzas a través de estímulos sensoriais: imaxe, palabras, tactos diversos, cheiros e músicas en directo, deleitarán os bebés e adultos que os acompañen. Unha experiencia única.
    O ano escénico rematará o 13 de decembro, con teatro: Lixo, d¨O baúl da tía Lola. Espectáculo para goce familiar, especialmente pensado para bebés, que nos mergulle nun mundo de plásticos, luces, sonoridade e movemento. As dúas protagonistas, unhas bailadeiras moi peculiares, vivirán unha aventura na que teñan que "crear cultura a partir da varredura". Comunícanse con pareados, móvense con pasos de ballet inventados por elas mesmas e axúdanse de luces para crear diferentes atmosferas ao longo do espectáculo, dándolle ritmo e rima á obra. 
     
    APEGO vai dirixido ás familias que se preparan para a chegada dun novo membro e tamén para as que teñen nenos e nenas de até 6 anos. O programa quere axudar á socialización en galego e propón o uso da lingua galega “para crear vínculos coa familia, para asentar o arraigo a esta terra, porque a lingua que mamamos, na que aprendemos a falar, vai ser a base da identidade futura do nosos fillos e das nosas fillas”. Máis información, en apego.gal

    Concellería de Cultura
    Concello de Ourense
    2017

     

    Rúa da Canle, 1
           32005 Ourense

     

       988 391 290

    Contacto

     

    Accesibilidade

     

    Permisos

    Cultura nas redes:

     

      Facebook

     

      Twitter

     

      Youtube

    Diseñado y programado por ACV Galaica