CONTACTO

  • Carpichos espidos
  • os nosos fondos
  • Audi
  • Volver

    ENTROIDO DA CIDADE DE OURENSE
    Mediante o slogan promocional “Ourense, capital do Entroido”, o Concello de Ourense vén ofrecendo no centro e na periferia urbana, unha celebracións de Entroido que acadan o seu máximo esplendor entre o sábado e o martes de Entorido.
     
    Nesta variante urbana, séguense conservando unha manchea de prácticas ancestrais que se combinan con outras de recente introdución que actualizan o colorido deste Entroido.
     
    O centro da cidade ofrece un Entroido sen máscaras e sen símbolos aparentes, centrado actualmente na noite e onde a espontaneidade e a transgresión hai que buscala en personaxes xa representativos da cidade , tales como o Casiano, o Trangallán, o Xosé Lois, a Xoana, o Paco Gallego, ou outros.
     
    Este Carnaval urbano desenvólvese desde o Xoves de Compadres ao Mércores de Cinza, aínda que o seu máximo esplendor o acada na tarde e noite do sábado, coa saída masiva á rúa de máscaras e espectadores na tarde do domingo, no desfile dun gran número de comparsas polas rúas céntricas da cidade e o luns vespertino e nocturno no que as rúas se volven encher de xente disposta a participar da troula festiva ata altas horas da madrugada. 
     
    Un dos rituais do noso Entroido é o do Xoves de Compadres e de Comadres e que ten como escenario a Praza Maior da capital. Esta práctica consiste esencialmente na confección e exhibición de monecos de palla vestidos con roupas vellas –os compadres- e monecas –as comadres- que fan as cativas e cativos, respectivamente e que o grupo oposto, en loita aberta e manifesta, se esforza por raptar. No Xoves de Compadres son as mulleres as que elaboran os mecos e son perseguidas polos homes. No Xoves de Comadres os papeis invértense, os homes elaboran as mecas e son as mulleres as que tentan sacárllelas. 
     
    Identificación do sexo, solidariedade de grupo e identidade de xénero son tres aspectos que a organización desta práctica quere ensinar á nutrida poboación infantil que participa do rito.
     
    En tempos, e non moi afastados, eran os mozos e mozas da Agrupación Cultural Auriense, quen botaban carreiras polas rúas do Centro Histórico protexendo os seus mecos.
     
    O Entroido da cidade de Ourense é un Entroido moi participativo, amenizado por charangas e orquestras polo centro da cidade, sobre todo polo Centro Histórico onde non pode faltar o tradicional cocido, cachucha, orellas ou bica.

    (Imaxe da queima da sardiña)

    O ENTROIDO DA PITA NAS EIROÁS
     
    A orixe da festa
    A orixe desta festa remóntase á década dos ’50; e a razón que impulsou ao pobo a realizala foi a voda entre dous viúvos da zona (don Antonio Guimarey e dona Gumersinda de Benavides, por mal nome: A Pita). A vella tradición de “fazer cinzarrada” ao viúvo ou viúva que casaba, viuse aqui reforzada pola situación pouco habitual dos dous contraentes atopárense nese estado. Xa que logo foilles reclamada unha cantidade económica para realizar unha festa “como mandaba a situación”. Ao se negaren os noivos a facelo, as xentes do lugar comezaron a lles tocar o corno e outros instrumentos improvisados facendo forte escándalo e advertindo todas as xentes dos arredores. Se pagaron a festa ou non, non o temos claro (hai quen di que si), mais o asunto é que a partir de entón comezou a se celebrar por esa data n’As Eiroás a máis popular das celebracións pagás: o Entroido. A festa, na honra da noiva, coñeceuse algún tempo como Festa da Pita, pois era o alcume da protagonista, e celebrouse até comezos dos ’70, desaparecendo entón non sabemos ben porqué, até no ano 1999 fora recuperada polos/as veciños e veciñas do barrio, celebrándose desde aquela n’As Eiroás o ciclo tradicional do Entroido.
     
    Os días
    Este ciclo comeza o domingo de septuaxésima do calendário coa celebración do Domingo Fareleiro (tamén coñecido como Borrallento), día no que o farelo e a fariña -ademais doutros elementos como a borralla, a cinsa…- protagonizan a xornada nunha loita entre mozos e mozas, homes e mulleres, converténdose -xunto coa música- nos primeiros anuncios do Entroido. Nesta xornada tamén é colocado o Meco na praza, quen presidirá a nosa Festa até a súa fin no Martes do Entroido.
     
    Prosegue a Festa da Pita o seguinte domingo -de sexaxésima- (o 27 de xaneiro) coa celebración do Domingo Oleiro (nomeadamente coñecido como Corredoiro na Galiza). Neste día comézase “a correr” o Entroido. Tamén neste día sae por primeira vez a Pita (máscara do Entroido d’As Eiroás). Neste día ten lugar o Xogo das Olas, xogo que consiste nunha roda de homes e/ou mulleres que se van tirando unha ola dos uns para os outros chea de auga, plumas… Cando alguén non consegue apañala e deixa que escache no chan, perde e, ademáis de ficar todo mollado ou cuberto de plumas, ten de pasar pola taberna a pagar o viño para toda a roda. Conforme Taboada Chivite e outros etnógrafos, na cidade de Ourense este xogo practicábase no Domingo Corredoiro ou no Xoves de Comadres.
     
    E a Festa remata o Martes do Entroido (neste ano o 5 de febreiro). A xornada comeza de mañá cun Folión que percorre o barrio anunciando con Pitas, gaiteiros, bombas e máscaras que chegou o día grande. Despois do xantar os veciños e as veciñas convértense en actores e actrices improvisados/as da Voda da Pita (unha representación do que puido ser aquela voda que dera orixe á festa). Posteriormente, un Baile de máscaras, co seu concurso, lévanos até a noite, momento no que despedimos o Entroido coa Queima do Meco.
    (Lois Pardo)
    +información aquí

     
    O ENTROIDO DE SEIXALBO

    Especial interese ten a festa profana do Entroido, simbolizada nunha parella de mecos chamados Nicanor e Paquita. Esta parella está relacionada coa fecundidade. Estes populares mecos son sacados en ruidosa e festiva procesión o domingo de corredoiro, despois de xogar ás olas, para presidir a festa dende un corredor da praza Maior.
     
    O domingo e martes de Entroido saen os felos, máscaras e as comparsas. Estas últimas cantan fermosas e satíricas coplas nas que se critica ós persoeiros do lugar e da vida pública en xeral. Ao anoitecer do martes, celébrase a procesión que remata coa queima de Nicanor e Paquita, protagonistas da festa, e a entrega da súa cabeza a unha parella, para que os garde e volte a sacalos no ano seguinte.

    (Manuel Herminio Iglesias)


    O ENTROIDO DA PONTE
    No ano 2002 comeza a festexarse no barrio da Ponte una festa que inicialmente constituiu una xuntanza gastronómica entre amigos na marxe dereita do Miño, que deciden organizar una comparsa de frades coa idea de facer unha cachuchada no medio da Ponte Vella. Acrecentaba o carácter entroideiro da comparsa, a creación dun frade a xeito de patroón da congraría, ao que lle atribúen grandes milagres, nomeadamente todos aqueles relacionados co sexo e a fartura. A cousa repetiuse, incrementando, nos anos sucesivos, elementos e personaxes que xa ocupan o seu lugar na festa. 
     
    Identificación do personaxe
    O frei Canedo é orixinario das terras de Oseira. Bo comedor, bebedor e con grandes atributos, veu instalarse nas inmediacións da Ponte, concretamente debaixo dela e escribiu diversos tratados filosóficos sobre o viño. O seu principal milagre é a conversión da auga en viño. É levado en procesión pola confraría alá onde van. Vai sobre un pedestal e cando máis xente mira para el é cando os portadores accionan un mecanismo que ergue un esaxerado órgano sexual por baixo do hábito do santo frade. 
     
    Ao redor da confraría naceron outras comparsas, tales como o Cortexo Papal, Seguridade e Forzas da Orde, carretilleiros ou un grupo inquisidor que xestiona a queima dun “meco-falla”. Os lexionarios son os encargados de levar a imaxe do Frei Canedo. As romadas son as encargadas de custodiar o paso e acceso á Ponte Vella.
     
    X. A. Fidalgo Santamariña As caras do Entorido ourensán,  Deputación de Ourense, 2009
     


     

    Concellería de Cultura
    Concello de Ourense
    2017

     

    Rúa da Canle, 1
           32005 Ourense

     

       988 391 290

    Contacto

     

    Accesibilidade

     

    Permisos

    Cultura nas redes:

     

      Facebook

     

      Twitter

     

      Youtube

    Diseñado y programado por ACV Galaica